A apenas 20 minutos da Coruña imos encontrar unha ampla lámina de auga cunha sorprendente diversidade de aves: é o encoro de Abegondo-Cecebre, espazo protexido e altamente recomendable para gozar da observación de patos, garzas, limícolas e mergullóns en outono e inverno.

Un singular oasis ornitolóxico

Rematado no ano 1976, este encoro regula o caudal dos ríos Mero e Barcés e permite garantir o abastecemento constante á cidade da Coruña e á súa área metropolitana.

Aínda que coa presa e a eventual inundación desapareceron unhas fértiles veigas fluviais, a escasa profundidade do encoro (un máximo de 15 m e unha media de 6 m) permite acoller no seu seo unha abondosa representación de aves acuáticas, sobre todo na migración e estadía invernal. Podemos completar o noso paseo avanzando uns quilómetros ata a aldea de Cecebre e o veciño muíño de Peiraio para observar aves ligadas ao bosque de ribeira e ao propio río.

Máis información

Ligazóns de interese

Rutas Ornitolóxicas das Mariñas Coruñesas

Descargas PDF

Os roteiros

Roteiro en coche: Arredor do encoro de Cecebre

MELLOR ÉPOCA

De outono a primavera

DISTANCIA

14 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Abegondo, Betanzos, Cambre

PERCORRIDO

Arredor do encoro de Cecebre

Puntos clave da ruta

  1. O traxecto iníciase na aldea de Crendes (1), na que é posible rexistrar o azor común e o pardal montés, e chegámonos ao observatorio ornitolóxico do mesmo nome (1), desde onde imos ter as mellores perspectivas da que chaman a cola do río Mero: alí obsérvanse diversos anátidas, garzotas grandes, aguia pescadoras, millafres negros e limícolas.
  2. Nos prados contiguos, algunhas primaveras é posible escoitar o paspallás común e o trigueirón.
  3. En dirección a Orto de Arriba (3) podemos anotar algún millafre negro máis e grupos de estorniños negros.
  4. Ao chegar á cola do río Barcés (4) é habitual o mergullón cristado e grupos de cercetas comúns e corvos mariños grandes.
  5. Desde a presa de Cecebre (5) imos ver millafres negros e lavandeiras reais.
  6. A continuación tomamos un desvío á dereita polo que poderemos ver cullereiros comúns e habemos rematar o noso paseo máis ao sueste no observatorio de Piadela, desde onde se pode rexistrar a presenza de garzotas grandes e biluricos alinegros

Roteiro a pé ou en bici: Río Mero en Cela (Cambre)

MELLOR ÉPOCA

Primavera

DURACIÓN

3-4 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cambre

PERCORRIDO

A Ponte de Cela - paseo fluvial do río Mero - Peiraio - A Ponte de Cela

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a ponte da CP-1706 (estrada Cambre-Carral) na parroquia de Cela (A Ponte de Cela) (1) comeza un camiño adxacente á vía férrea A Coruña-Palencia, na beira norte do río Mero, que pasa polas inmediacións do lugar do Rueiro (2). Aquí observaremos avelaionas e picafollas ibéricos.
  2. A continuación, á altura do muíño de Cela, poderemos ver o miñato abelleiro e o merlo rieiro.
  3. O camiño chega ata as proximidades da aldea de Canal (3) e empréndese o regreso despois de cruzar a ponte contigua ao muíño de Peiraio (4), no que se rexistra o merlo rieiro e o cardeal común. Logo atravesa a aldea de Peiraio cara ao oeste, ata A Ponte de Cela.
As aves

O encoro de Abegondo-Cecebre atrae aves tan interesantes como a aguia pescadora, o mergullón cristado, a garzota grande, o bilurico alinegro e o picafollas ibérico. Diferentes anátidos, gaivotas de varias especies e corvos mariños grandes completan a lista. Os observatorios ornitolóxicos de Piadela e Crendes ofrécennos excelentes oportunidades para a observación e a fotografía.

Consellos e recursos
  • Levar calzado axeitado (botas de auga ou de tecidos hidrófugos) en outono e inverno.

  • Recoméndase o uso do telescopio para a observación das aves acuáticas

  • Transitar só por camiños, sen invadir as leiras.

Arriba