As augas detidas do río Xallas conforman un grande encoro no que aves acuáticas de diferentes especies atoparon un lugar para vivir, especialmente en inverno, cando acolle aves procedentes de latitudes máis setentrionais.

Aves acuáticas no Xallas

A maior parte deste espazo ocúpao o encoro da Fervenza e Baíñas, sobre o curso medio do río Xallas. Construído nos anos 70, dedícase a reserva de auga e á produción hidroeléctrica.

A súa profundidade, especialmente na cola, non é moita, polo que é un bo lugar para observar especies que ou se alimentan no fondo ou capturan peixes mentres mergullan. A contorna do encoro, tipicamente de agras, acolle tamén un variado elenco de aves.

Os roteiros

Roteiro en coche ou en bicicleta: Circunvalación do encoro da Fervenza e Baíñas

MELLOR ÉPOCA

De decembro a marzo e de setembro a outubro

DISTANCIA

35 Km

DURACIÓN

3 horas en coche, 5 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Dumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas

PERCORRIDO

Circunvalación do encoro da Fervenza e Baíñas

Puntos clave da ruta

  1. No inverno, os campos que rodean o encoro (1) son un bo sitio para observar o escaso pimpín do norte, e mais o tordo real e o rubio.
  2. Nas augas abertas do encoro (2) é frecuente ver o mergullón cristado todo o ano e, en inverno, o pato chupón e o cristado.
  3. En primavera e outono habemos atopar outras especies en migración, como a gaivota escura e a gaivina negra.
  4. En primavera podemos observar o millafre negro e o falcón pequeno.

 

As aves

Durante todo o ano podemos observar os sempre elegantes mergullóns cristados, acompañados durante o inverno por patos chupóns e cristado, corvos mariños grandes e garzas reais. Na primavera é doado observar pola contorna millafres negros e falcóns pequenos. Os prados que rodean o encoro acollen en inverno algúns pimpíns do norte, así como tordos rubios e tordos reais.

Consellos e recursos
  •  As aves das zonas húmidas son sensibles. Respectaremos o seu benestar observándoas desde a periferia, para o cal o telescopio é o mellor aliado.

  • A contorna é eminentemente agrícola e gandeira, polo que debemos transitar só polos camiños, sen entrar nas leiras. Igualmente, teremos coidado co gando e a maquinaria agrícola que atopemos.

  • En inverno, para facer paseos breves ata a beira do pantano, cómpre usar botas de goma ou hidrófugas.

Arriba