Nunha zona de outeiros suaves entre A Coruña e Santiago de Compostela habemos encontrar dous pequenos encoros con interese ornitolóxico: Vilagudín e Vilasenín.

Un imán para as gaivotas e os mergullóns cristados

Estas masas de auga dan unha oportunidade ás aves acuáticas para prosperar nunha ampla zona do interior da provincia da Coruña. Podemos gozar dun importante número de patos, mergullóns cristados, corvos mariños e gaivotas, especialmente no outono e no inverno. Os encoros de Vilagudín e Vilasenín está datados a comezos dos anos 80 e están destinados ao abastecemento de auga á poboación da comarca e á industria (central térmica de Meirama). Son tamén coutos de pesca intensiva.

Miles de gaivotas usan estes espellos de auga como lugar de descanso e limpeza da súa plumaxe fóra da época de cría.

Os roteiros

Roteiro en coche: Presa de Vilasenín- Arcai de Abaixo

MELLOR ÉPOCA

Entre febreiro e abril

DISTANCIA

20 Km

DURACIÓN

De 2 a 3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cerceda, Ordes, Tordoia

PERCORRIDO

Presa de Vilasenín - Presa de Vilagudín - Arcai de Abaixo

Puntos clave da ruta:

  1. Desde as inmediacións da central térmica de Meirama (1) tómase un camiño ao sur, arrodeando a entulleira exterior da mina de lignito. Nesta zona imos poder ver perdices rubias e tartarañas cincentas.
  2. Seguindo este camiño durante uns dous quilómetros accédese á presa de Vilasenín (2), desde onde é doado observar o mergullón cristado, o millafre negro e o picafollas ibérico.
  3. Seguindo pola estrada cara ao suroeste, a zona de matogueira (3) pode ofrecer a posibilidade de detectar o picanzo vermello, a papuxa do mato e a escribenta amarela.
  4. Gañamos altura e imos chegar á Areosa (Danigal). Desde alí, tomando unha pista á dereita despois do alto (4), poderemos achegarnos a unha zona de concentración de milleiros de gaivotas, millafres negros, corvos grandes e, ocasionalmente, cegoñas branca.
  5. Descendendo, seguimos recto no cruce coa AC-413 e aproximámonos ao encoro de Vilagudín por unha zona de prados (5). Aquí é posible avistar a tartaraña cincenta, o millafre negro, o picanzo vermello e o corvo grande.
  6. Unha vez na presa do encoro (6), poderemos rexistrar o mergullón cristado e a andoriña dos penedos.
  7. Despois de atravesar a presa, viramos á dereita bordeando o encoro (7) para observar o picafollas ibérico e diversas gaivotas.
  8. O camiño chega á aldea de Arcai de Abaixo (8), na que se observan escribentas amarelas e, en inverno, galiñolas negras.
As aves

Imos atopar sobre todo centos de gaivotas patiamarela e escura e, en menor número, choronas, arxénteas e canas. Tamén fan acto de presenza ducias de mergullóns cristados, ademais de anátidos como a cerceta común, o pato cristado e a garza real. O millafre negro, a tartaraña cincenta, a andoriña dos penedos e o picafollas ibérico crían nesta zona. Durante a migración, fai tamén a súa aparición ocasionalmente a aguia pescadora.

Consellos e recursos
  • Recoméndase o uso do telescopio para a observación das aves acuáticas

  • Transitar só por camiños, sen invadir as leiras

  • Ter coidado co tráfico se estamos vendo aves desde a presa

Arriba