Este percorrido levaravos por lugares impresionantes e de gran beleza, como Santo André de Teixido, a Serra da Capelada ou o Cabo Ortegal e os seus Aguillóns, grandes rochas que emerxen feras preto do cabo e contra as que as ondas baten con forza. Ademais, poderedes achegarvos ata o cabo de Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica, onde conflúen as augas do Mar Cantábrico e o Océano Atlántico, sen dúbida unha boa maneira de admirar a fereza das nosas augas en todo o seu esplendor.

A beleza dos cantís de Picón-Loiba foi elixida en moitas ocasións como set de rodaxe de varias películas de cine.
 
Estaca de Bares é a punta situada máis ao norte da Península Ibérica e división entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico.

Día 1º

Estando en Cedeira, non deixedes pasar a oportunidade de visitar o santuario de Santo André de Teixido e cumprir o dito que di: “vai de morto quen non foi de vivo”. Non esquezades, pois, como di a tradición, depositar unha pedra nos “milladoiros” (montonciños de pedras) que hai no camiño como proba da vosa visita. E, para os que queiran buscar parella, facédevos coa herba de namorar, nunca se sabe…

Continuamos agora en dirección a Cariño, ascendendo a Serra da Capelada ata a Garita da Herbeira. Dende este miradoiro, veredes como os cantís caen case en vertical nun mar salpicado de rochas. Son uns dos acantilados máis altos de Europa. Cando cheguedes onde o miradoiro Vixía Herbeira, o punto máis alto deste ascenso, respirade profundo e sentide a inmensidade da terra, a forza do vento e a paz que transmite este lugar.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Continuamos agora ata cabo Ortegal, onde está situado un dos faros máis fotografados da zona. A súa importancia contrasta coa sinxeleza da torre cilíndrica pintada de branco e vermello. Varias son as razóns da súa sona, pero o que máis destaca nesta paisaxe son os “Aguillóns”, unhas grandes rochas que emerxen feras preto do cabo e contra as que as ondas baten con forza, sobre todo nos días de temporal, converténdose nun espectáculo impresionante e de gran forza. Á súa dereita esténdese a ría de Ortigueira cos seus tramos de cantís e de praias.

A beleza deste lugar, onde o vento intentará xogar convosco, merece outro momento de inspiración mirando ao mar antes de seguir cara á pequena capela de San Xiao de Trebo. Desde o recinto do templo, unha senda permite o percorrido a pé ata a vila mariñeira de Cariño. Se vos coincide estar por esta zona á hora de xantar, non perdades a oportunidade de degustar un saboroso “guiso de raia” ou un “revolto de ourizos e algas”, produtos típicos da gastronomía local que vos inundarán co sabor salgado do salitre. Se é pola semana, atoparedes abertas fábricas de conservas artesanais das que poderedes levar un delicioso e saboroso anaco de mar.

A nosa viaxe continúa cara a Ortigueira, onde o río Mera forma una preciosa desembocadura que xa se avista de regreso de cabo Ortegal. Desde o porto da vila, poderedes dar un paseo duns catro quilómetros ata a praia de Morouzos. Tranquila e calma para o baño, ás súas costas hai un piñeiral e unha zona de marismas e xuncos; á dereita, localízase a pequena enseada de Ladrido. A mediados de xullo, o piñeiral convértese nunha gran zona de acampada para o público do Festival de Ortigueira, cita ineludible do verán e un dos referentes mundiais do folk desde 1978.

Os restaurantes a pé de praia danlle fama á nosa seguinte parada, Espasante, onde poderedes probar un delicioso marisco. Pola noite, algunha tasca ofrece un acolledor ambiente con música tradicional onde os clientes se animan con cancións populares. Pero este momento de diversión deixámolo para máis tarde. Agora, os cantís próximos daranvos unha sorpresa ao atopar ao final do peirao o castro costeiro de Punta dos Prados. Preto, está a praia de Céltigos, practicamente virxe, dende a que teredes unhas fermosas vistas de cabo Ortegal e dos seus “Aguillóns”. Tamén pasaredes polas praias de San Antonio, pola de Eirón, onde está unha das furnas máis grandes da zona, e pola de Bimbieiro, a única praia de cantos rodados deste tramo de costa de Loiba. Zona de altos cantís, un paseo polos camiños dos percebeiros faravos comprender as dificultades ás que se enfrontan a diario estes áxiles mariscadores. Se a ruta coincide con mareas vivas, podedes baixar ás praias para ver a fauna mariña; e, se ademais é día laborable, probablemente atopedes percebeiros, polbeiros, algueiras, ouriceiras ou pescadores de barbadas realizando o seu traballo cotián, sen dúbida ningunha unha bela estampa que deixa patente a riqueza destas augas.

Día 2

Para o segundo día da viaxe, dirixímonos ao Barqueiro pero, antes de entrar na vila, collemos a desviación cara a Bares para subir ao cabo e ao faro. As coordenadas 43º 47' 9.26’’ N, 07º 41' 2.23" W son as que sempre se inclúen na carta de presentación da punta Estaca de Bares, o cabo máis setentrional da Península Ibérica e división entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. Se levades uns prismáticos, comprobaredes que esta é unha importante zona de paso de aves migratorias do Atlántico, do Mediterráneo e do Ártico.

Podedes achegarvos ao antigo Semáforo de Bares, , que deixou no recordo as antigas funcións militares para converterse en hotel da natureza. Dende alí, podedes gozar dun solpor moi especial e simbólico. Continuade agora pola beira dos cantís ata onde se atopa unha sucesión de muíños en liña, algún rehabilitado, que vos deixará unha bonita imaxe.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Acabade o día baixando ata o porto de Bares, onde teredes a oportunidade de saborear un peixe fresco ou un arroz cun lumbrigante nunha terraza á beira da praia. Rodeada de hortas e xeralmente baleira, está inmersa nun ambiente máxico.

Foron estas dúas xornadas de praias, de cantís e de faros situados en lugares emblemáticos, sempre co vento do nordés como compañeiro de viaxe, o que vos propiciará ceos despexados.

Arriba