A Mariña lucense é unha fonte inesgotable de marabillas naturais que cohabitan cun espectacular patrimonio histórico.

Este tramo da costa galega, bañada polas augas do mar Cantábrico, agocha entre as caprichosas formas dos seus acantilados lendas máxicas sobre sereas e mariñeiros.

A praia dos Castros invita a deitarse nas súas rochas completamente lisas para, arrolados polo son rítmico das ondas do mar, gozar dun baño de sol ou dunha pracenteira sonada.
 
A subida ao faro Roncadoira é a parte máis dura da ruta; as gaivotas parecen perder o equilibrio mentres as ondas baten con forza contra os cantís.

Día 1º

Comezamos a nosa andadura na vila de Ribadeo situada na desembocadura do río Eo, fronteira natural con Asturias, e en plena Mariña lucense. O esplendoroso pasado da vila constátase dando un paseo polo encantador centro histórico repleto de fermosas construcións indianas. Ao chegar ao porto, poderemos realizar unha pequena camiñada ao bordo dun agreste acantilado. En plena ruta parade a gozar da Rasa cantábrica no miradoiro de Santa Cruz, a case 200 metros sobre o nivel do mar. Dende alí tamén descubrimos a illa Pancha e dous pintorescos faros en branco e azul. O máis baixo e de planta cadrada é de finais do século XIX e o outro, máis moderno, é de 1987.

Debido á orografía da costa cantábrica, estamos nunha zona ideal para os amantes do sendeirismo. Armádevos cun calzado cómodo porque as rutas a pé ao bordo destes cantís son o mellor xeito de gozar desta costa.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Continuando cara ao oeste, atoparémonos coa vila de pescadores de Rinlo, moi famosa pola súa gastronomía. Aínda que o seu prato estrela é o arroz con lumbrigante, nada lle teñen que envexar as tapas de polbo, as empanadas ou outros manxares que inclúen nos seus menús.

Se queremos baixar a comida, podemos continuar a pé ata a praia dos Castros para chegar ata a beira do mar pasando polo seu orixinal acceso a través dun túnel natural. Este areal invita a deitarse nas súas rochas completamente lisas, onde arrolados polo son rítmico das ondas do mar poderemos gozar dun baño de sol ou dunha pracenteira sonada.

Coas forzas renovadas, poñemos rumbo de novo cara a unha das praias máis famosas de todo o Norte, a praia de Augas Santas, internacionalmente coñecida como a praia das Catedrais. O seu nome vén dado polas características formacións rochosas en forma de arco, algún deles xa fracturado pola intensa acción do mar. Pero ademais da súa beleza, esta praia agocha numerosas furnas onde o mar bate con forza procurando un oco cada vez maior, polo que se recomenda extremar as precaucións durante o paseo. A visita con marea alta á praia das Catedrais pode facerse dende o alto do acantilado gardando a debida distancia de seguridade. E se vos coincide chegar aquí con baixamar, baixade pola escalinata ata a fina area para atoparvos coa magnitude destas impresionantes arcadas. Se queredes coñecer o estado do mar e o horario das mareas antes de visitar as Catedrais, na páxina web de Meteogalicia ofrecen esta información.

Se as horas de luz o permiten, podemos seguir un pouco máis pola liña da costa, onde atopamos grandes areais máis urbanizados, pero non por iso con menos encanto. Un bo momento para facer un alto é ao chegar á praia de Peizás, máis solitaria que outras da contorna. Para rematar a xornada, nada mellor que sentarnos a ver caer o sol no castro de Fazouro, un enclave ao pé do cantil. Aquí o vento sopra con forza e esta intensidade invita a acubillarse entre os ocos das paredes para sentir a súa calor despois de toda unha xornada expostas ao sol.

Día 2º

O segundo día deste itinerario continúa pola costa en dirección á fábrica de cerámica de Sargadelos, a medio camiño entre a vila mariñeira de Burela e a localidade de Cervo. Asentada nun coidado núcleo rural, descubriredes de inmediato a sede desta característica louza, decorada e rematada a man, pola forma circular do edificio de 1970. O proceso de elaboración desta cerámica, que xurdiu inicialmente dunha iniciativa ilustrada nos primeiros anos do século XIX, é moi interesante. Animádevos a chegar dentro do horario de visitas para acceder á planta de produción para despois dar unha volta pola exposición e pola tenda.

 Na galería atoparedes as primeiras porcelanas de Sargadelos e unha ampla mostra da cerámica popular española e estranxeira. As pezas máis actuais son tamén auténticas xoias cerámicas coas que sorprender a alguén cun agasallo típico de Galicia. A outra factoría de Sargadelos está situada no Castro, no concello coruñés de Sada.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Igual de chamativa é unha das lendas da zona que conta como diante do cabo de San Cibrao, no concello de Cervo, existen uns illotes coñecidos como “Os Farallóns”. Dise que alí vive unha serea chamada “A Maruxaina”, que nos días de mal tempo, sae dos illotes para chamar polos mariñeiros. Algúns opinan que para axudalos no caso de perigo, pero tamén hai partidarios que afirman que a súa intención é engaiolalos para que naufraguen. En referencia a esta lenda, recuperouse hai anos unha vella tradición. Algúns veciños confeccionan unha serea de longos cabelos louros cunha rocha. O segundo sábado do mes de agosto cando cae a noite, lévana dende Os Farallóns ata a praia de San Cibrao. Alí é sometida a un xuízo popular, no que queda absolta. Ao rematar, volve ás illas, nas que permanece oculta o resto do ano.

Continuando coa nosa ruta, chegamos á localidade de Xove onde nos desviaremos cara ao norte rumbo ao impoñente faro de Punta Roncadoira. O seu acceso, ben sinalizado entre pequenas aldeas pintorescas e verdes prados, vai trocando a medida que ascendemos pola estrada, facéndose cada vez máis bravo por causa dos grandes eucaliptos retortos pola forza do vento, das enormes rochas que nos fan sombra e sobre todo, debido ao frío. Lembrade ir preparados para o nordés que por estas terras sopra con forza. Ao bordo do acantilado sentiredes  o ruxir do mar ao bater con toda a intensidade contra as rochas. É a parte máis dura da ruta. As gaivotas que parecen perder o equilibrio, as ondas que baten con forza… pero o impecable faro de Roncadoira déixanos namorados do lugar. O foco moi estilizado, branco impoluto, ben coidado e cun acceso moi cómodo permítenos botar unha ollada á costa cantábrica coas súas pequenas illas habitadas unicamente por gaivotas e outras aves mariñas.

Con esa sensación de paz salvaxe descendemos de Roncadoira en dirección a Viveiro para deternos na praia de Esteiro, aínda no concello de Xove. Ofreceranos unha imaxe máis amable, con zona de recreo ideal para facer un pícnic ou dar un paseo en calquera época do ano. Unha pasarela de madeira intérnanos na praia xa máis resgardada na entrada da ría de Viveiro.

Seguindo nesa mesma dirección, ascendemos ao Monte Faro. Só polas vistas paga a pena e, xa que estades aquí, incluso poderedes dar un paseo ata o faro, que atoparedes agochado tras os eucaliptos. Se sodes rápidos, aínda teredes tempo para coñecer a vila de Viveiro e para gozar dunha boa mesa. Unha pescada fresca do pincho da lonxa de Celeiro sería un excelente broche final para esta ruta marítima pola costa cantábrica de Lugo.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba