Presentámosvos un percorrido polas Illas Cíes, as cales forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e posúen, segundo o diario inglés The Guardian, unha das praias máis fermosas do mundo: a praia de Rodas

Embarcádevos nesta aventura e preparade a vosa vista para apreciar marabillosas paisaxes atlánticas.

O arquipélago das Cíes está formado pola illa Norte ou Monteagudo, a do Medio ou do Faro e a do Sur ou San Martiño.
 
Os ataques piratas de turcos, tunisianos e ingleses tamén chegaron ás Cíes. Un dos corsarios que pisou este chan antes de atacar a costa foi o famoso Francis Drake.

Percorrido

En 1997, o diario británico The Guardian publicou un "Top 10 de praias no mundo". Entre elas atopábase a de Rodas, nas illas Cíes. Xa antes, a sona deste paraíso na entrada da ría de Vigo era coñecida por veciños e por visitantes, pero desde aquela converteuse nun lugar de referencia para turistas de todo o mundo.

Rodeado por bosque autóctono, este areal de 1,3 quilómetros con forma de ampla cuncha, fina area branca e augas turquesa é o escenario perfecto para sentir a liberdade, o mar e a natureza.

Vigo, Cangas ou Baiona son os tres portos desde os que, en temporada alta, os catamaráns de liña regular saen cara a este arquipélago. Desde logo, ben paga a pena facer este traxecto marítimo de menos dunha hora. Neste tempo, estaredes acompañados polo abaneo do barco desde un asento privilexiado nunha das cubertas superiores, mentres a brisa fresca arroupa a visión neste miradoiro privilexiado en pleno océano Atlántico. Durante a travesía poderedes aproveitar para descubrir as vilas máis importantes deste tramo da costa de Pontevedra e o perfil inconfundible de Vigo. As Cíes só distan 14 quilómetros da cidade.

A mellor fotografía das tres illas, a Norte ou Monteagudo, a do Medio ou do Faro e a Sur ou San Martiño, queda pequena ao lado da beleza natural á que vos iredes aproximando conforme o catamarán chegue a destino, no embarcadoiro situado xusto ao lado da praia de Rodas. Este pode considerarse o centro neurálxico desde o que comezar a explorar este paraíso. Xa Ptolomeo alcumou o arquipélago como as “Illas dos Deuses”.

A pesar da súa aparente soidade na entrada da ría de Vigo, a modo de gran dique protector, unha vez aquí saberedes que as Cíes ocupan un importante lugar na historia. Foron territorio do home no Paleolítico e no Neolítico. Da Idade do Bronce data o castro "As Hortas", situado na aba do Monte Faro, que tamén foi ocupado durante a época romana. Algúns autores incluso sosteñen que Xulio César pisou este territorio. Non quedan restos das invasións suevas, pero no século VI instaláronse aquí dous conventos: San Martiño na illa Sur e Santo Estevo na illa do Medio. Sobre as ruínas deste último construíuse o actual Centro de Interpretación, xunto ao cal aínda poderedes ver un sepulcro antropomorfo.

Francis Drake...

Os ataques piratas dos turcos, tunisianos e ingleses na ría de Vigo tamén chegaron ás illas Cíes, que incluso foron arrasadas polo famoso corsario inglés Francis Drake. Estes asaltos provocaron plans de fortificación posteriores, a construción dun almacén de artillería en 1810 no antigo mosteiro de Santo Estevo, un cuartel de carabineiros e o cárcere próximos á praia de Nosa Señora. Avanzados os anos, o auxe da actividade conserveira na costa tamén fixo que sobre 1840 se levantaran aquí dúas fábricas de salgadura, entre outras construcións, pero que foron cesando a produción debido á competencia ata chegar a desaparecer. Igual que o fixo a sempre intermitente e pequena poboación local, a maioría orixinaria de Cangas, a mediados do século XX á par que medraba o interese turístico por este destino.

Non vos deixedes levar pola tentación de permanecer tombados en calquera destas praias que, polas súas características naturais, ben parecen asociadas a destinos tropicais, igual que outras de Galicia. A máis longa de Rodas, a de Nosa Señora, a nudista das Figueiras, a cala da Cantareira,… Aproveitade para explorar as illas Norte e a do Medio, unidas entre si por un pequeno dique que deu lugar a unha lagoa de auga salgada, e polo areal de Rodas.

Sen dúbida, a ruta cara ao Monte Faro é a preferida debido á espectacularidade da subida: en pronunciada pendente e en zigzag, acadando os 175 metros sobre o nivel do mar. Neste cumio atópase o faro das Cíes, que data de 1852. Dende aquí teredes unha magnífica panorámica do arquipélago que compensará o esforzo previo e a falta de alento. Esta camiñada permitiravos explorar boa parte da illa do Medio e os seus valores naturais e culturais: o Centro de Interpretación da Natureza; a praia de Nosa Señora, a Pedra da Campá, perforada pola forza dos ventos atlánticos cargados de salitre, e o observatorio de aves. Veredes corvos mariños, pero sobre todo gaivotas patiamarelas. Aquí está a maior colonia desta especie na Península Ibérica, sendo os habitantes máis numerosos das Cíes. Esta ruta tamén vos conectará co faro da Porta, un sinal marítimo que custodia o estreito do mesmo nome, e desde o que ver en toda a súa plenitude a solitaria illa de San Martiño, só accesible en barco, e onde está situado o faro dos Bicos.

Cara ao norte, case no extremo da illa de Monteagudo, atoparedes o cuarto faro deste enclave, chamado O Peito. Aínda que situado preto do punto máis elevado do arquipélago, o Alto das Cíes de 193 metros sobre o nivel do mar, o camiño é livián. Neste traxecto veredes tamén as ruínas dun antigo asentamento e outro observatorio de aves, ademais de sentirvos máis preto de terra. A razón é que este punto só dista 2,5 km da costa da Vela e de cabo Home. Ao norte divisaredes o perfil da illa de Ons protexendo a ría de Pontevedra.

De volta cara ao punto de partida, aproveitade para subir ao Alto do Príncipe, a 111 metros sobre o nivel do mar. Apoiádevos na caprichosa forma da rocha coñecida como a Cadeira da Raíña. Como se esta pedra fose un balcón natural, asomádevos ao océano Atlántico e observade o contraste entre as dúas vertentes das illas: con paredes de cantís case verticais na cara oeste e suaves dunas e praias na leste.

Andando por esta parte das Cíes, acordarédesvos de Camariñas ou da Pobra do Caramiñal, porque no complexo dunar de Figueiras-Muxieiro medra a camariña, un arbusto protexido e en perigo de extinción, de bagas brancas.  

Chegado o final do día, despedídevos deste reduto de paz e de vida mentres o mar das Cíes se vai confundido co ceo xa avermellado, e só o ronsel do voso barco vos une con este paraíso celestial na terra.

Arriba
Axúdanos a mellorar!