Máis alá da ría de Muros e Noia, de xeito especial ao norte de Fisterra, esténdese un tramo de costa brava e variada. No medio de tramos rectilíneos, nos que se encadean amplos areais, como Carnota, Razo, O Rostro ou Baldaio, álzanse esgrevios acantilados, como os de Cabo Vilán ou o Roncudo, ou pequenas rías, como as de Corcubión, Camariñas ou Corme e Laxe. Na fronte costeira, moi preto da terra, aséntanse illas, como as Sisargas.

O apelativo de Costa da Morte vén do tráxico feito de que centos de barcos encallasen nos seus baixos pedregosos, quedando sepultados polas súas augas. Iso motivou que un río de lendas sobre naufraxios perduren na memoria colectiva.

Nas súas praias pódese atopar aínda a soidade, cun mar bravío e forte como testemuña. As pequenas serras que se alzan na costa danlles acubillo a aldeas de beleza extraordinaria que, vistas desde lonxe, semellan minúsculas partículas de cor pintadas nas abas.

O viaxeiro que se achegue á Costa da Morte, ben por terra, ben por mar, atoparase cunha paisaxe marcada polos contrastes. Atopará pequenas rías ou minúsculas enseadas e amplos areais aos que se asoman impresionantes paisaxes pétreas, entre as que sobresaen o monte Pindo ou os montes de Traba. Camiñará por entre campos de millo que se envolven co seu manto de verdor, nos que sobresaen os hórreos, algúns de fermosa factura, como os de Carnota, Lira ou Moraime.

Ademais, o amante da natureza poderá admirar lagoas, protexidas por amplos complexos dunares, como as de Xuño, Traba ou Baldaio, cunha fauna e unha flora que as converten en lugares privilexiados.

Pero a Costa da Morte é tamén sinónimo de intensa relixiosidade, monopolizada pola Virxe do Carme, en todos e cada un dos portos mariñeiros, o Santo Cristo de Fisterra ou a Virxe da Barca, en Muxía. Folclore impregnado de ánimas en pena que deambulan sen pausa na busca do descanso eterno.

Arriba
Axúdanos a mellorar!