As denominadas Rías Baixas encadéanse entre Baiona e Fisterra. Son as de maior extensión e as que, dun xeito uniforme, se alongan de suroeste a nordés. Trátase das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros-Noia. No seu litoral recortado, os tramos de costa acantilada, rochosa e bravía encadéanse con amplos areais, aos que se pode acceder dende terra, seguindo a ampla rede de estradas, ou dende mar, aproveitando os numerosos portos.

Dende o punto de vista climático, cómpre salientar a existencia de temperaturas suaves durante boa parte do ano e a abundancia de precipitacións ao longo do outono e do inverno. Iso propicia o desenvolvemento de amplas masas forestais que zumegan verdor e que o viaxeiro observa á primeira vista.

O territorio existente nas ribeiras descomponse, deste xeito, en extensos espazos cubertos de árbores que se engarzan con campos de cultivo nos que as árbores froiteiras, as hortalizas e os viñedos rodean aldeas, vilas e cidades, xerando unha paisaxe alegre e variada.

A riqueza e variedade do seu medio natural hai que engadir a ampla gama de produtos do mar ou da terra, de peixes, mariscos e viños, que fan a delicia de calquera gastrónomo e que se poden degustar tanto nas cidades máis importantes, como Vigo ou Pontevedra, coma nas numerosas vilas mariñeiras.

O amante da arte atopará nas Rías Baixas numerosos lugares nos que se deter: castros, igrexas románicas, góticas ou barrocas. Tamén poderán ser visitados, en función do tempo do que se dispoña, pazos ou magníficos museos, como os que se atopan en Pontevedra, Vigo ou Bueu.

Ademais, as festas e romaxes que se suceden ao longo do ano, especialmente durante o verán, permitiranlle ao visitante internarse no máis profundo das tradicións e das crenzas galegas.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba