Ao norte do Golfo Ártabro atópase un conxunto de pequenas rías que, debido á súa situación latitudinal, son consideradas como "altas". As máis occidentais, Cedeira, Ortigueira, O Barqueiro e Viveiro son máis amplas e presentan tramos de costa acantilada aínda que, no seu interior, se abren espléndidos areais, como os de Vilarrube en Cedeira, Morouzos en Ortigueira ou Covas en Viveiro. As orientais, Foz e Ribadeo, son de menor tamaño e o perfil da súa costa é máis suave.

Os habitantes situados nestas rías estiveron secularmente illados de Santiago, centro histórico de Galicia, e das rutas terrestres do interior da península. Por iso, abríronse ao mar e foron sempre portos pesqueiros, de baleas e túnidos especialmente, e núcleos fundamentais no comercio do liño e do cánabo, cos países bálticos. Isto explica a aparición de alfándegas en Viveiro, no século XVI, e en Ribadeo, e a existencia dunha escola de pilotos en Ribadeo, durante o século XIX.

A distancia dos centros universitarios determinou a creación do Centro de Estudos de Gramática en Viveiro, no século XVI, a denominada Escola da Natividade, e en Ribadeo, no século XVIII. Vilas moi celosas dos seus privilexios reais todas elas, Cedeira, Ortigueira, Viveiro e Ribadeo, teñen as súas orixes na Idade Media.

Arriba