As rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol están situadas no noroeste de Galicia. No seu conxunto, o sector coñécese como Golfo Ártabro, nome proveniente dos habitantes que, antes da chegada dos romanos, habitaban o sector —o pobo ártabro— e do porto que dominaba este amplo conxunto de rías, o Artabrorum Portus.

As rías do golfo ártabro debuxan, en certa medida, unha folla mariña que se incrusta en terra: a de Ferrol estírase lixeiramente cara ao nordés, igual cá de Ares, mentres que as de Betanzos e a da Coruña fano cara ao sur.

No seu conxunto constitúen unha unidade socioeconómica que se asenta nas cidades da Coruña e Ferrol, apoiada por vilas de gran tradición como Sada, Betanzos, Pontedeume, Ares, Mugardos, Fene, Neda ou Narón.

A riqueza de paisaxes, que xorden tanto da presenza do mar coma da gran cantidade de ríos que desembocan nel, despois de atravesar profundas gargantas, como dunha dilatada historia, convértenas en lugares privilexiados para o visitante.

A costa, polo xeral baixa e rochosa, está salpicada de numerosas praias moi ben dotadas. As numerosas vilas e aldeas que marcan as súas ribeiras ofrécenlle ao visitante a posibilidade de gozar, tanto do baño coma das visitas a numerosos centros históricos e monumentos de interese, así como de degustar unha variada gama de pratos típicos, nos que os peixes e mariscos teñen un papel primordial, xunto coa repostería.

Os castelos de San Antón e Santa Cruz, na ría da Coruña; San Felipe e A Palma, na de Ferrol; as igrexas románicas de Cambre, Bergondo ou Breamo; os pazos de Meirás ou Meirama; os mosteiros de Caaveiro ou Monfero, ou os conxuntos monumentais de Betanzos ou Pontedeume son bos exemplos da riqueza artística das rías deste sector.

Arriba
Axúdanos a mellorar!