A serra dos Ancares é un dos lugares de Galicia que máis sorprende pola súa beleza. Está situada no este da provincia de Lugo, na fronteira coas comunidades veciñas de Castela e León e O Principado de Asturias.

Día 1º

Comezamos a nosa ruta polos Ancares na vila de Becerreá. Tomamos a estrada provincial LU-722, localizada á esquerda da N-VI en sentido Madrid (á dereita en sentido á Coruña).

Xa na estrada LU-723, as primeiras localidades que encontramos son A Borquería e As Pontes de Gatín. Ao chegarmos ao lugar de Liber, encontrámonos con sinais que nos indican "Os Ancares por Doiras a 30 km". Nese punto, desviámonos á dereita.

A partir de aquí, a primeira aldea que encontramos é Lama de Rei. Sucesivamente pasamos O Mosteiro, O Fabal, Vilanova e, despois de percorrer os 30 km anunciados, chegamos á localidade de Doiras. Durante os meses de inverno, nese punto, debemos prestar atención aos carteis que nos indican se, por mor da neve, o porto de Piornedo ou o do Portelo están abertos ou pechados.

Na aldea de Doiras encóntrase o castelo do mesmo nome, unha fortificación do século XVI. É de propiedade privada e non se pode visitar. Outro monumento de interese é a ponte romana sobre o río Cervantes.

Un quilómetro e medio máis adiante encontramos un cruzamento. Viramos cara á esquerda en dirección Degrada, poboación que se encontra a 11,2 km de Doiras, a medio camiño entre Castelo de Frades e Cela. Ao chegar á Degrada e A Campa da Braña, localidade coñecida polas Brañas de Brego e o Club de montaña Os Ancares, encontrámonos á dereita a encrucillada que nos leva cara a aula da natureza do Parque Natural dos Ancares.

Un dos itinerarios que podemos seguir desde o lugar da Degrada é a subida ao pico dos Tres Bispos, chamado así porque parece ser que era o lugar onde se reunían os bispos das tres dioceses limítrofes. Nesta zona, existen bosques de acivros, árbores de espectacular beleza. Debido a que esta especie de flora está en perigo de extinción, actualmente sanciónase a súa poda e recolección no campo.

Continuando todo para a fronte, dirixímonos a Piornedo, fin da nosa primeira xornada.

Día 2º

O noso segundo día de ruta comeza en Piornedo, onde visitaremos as pallozas, o conxunto etnográfico e a capela de San Lourenzo. Xusto na entrada deste lugar está situada unha fonte, construída a través de contribución popular e na que aparece a seguinte inscrición: "Hízose en 1787. Viva Piornedo". Tras a visita a esta localidade desviámonos no punto onde se encontra a devandita fonte. A quilómetro e medio de distancia, entramos na provincia de León. Desde o alto da montaña gozaremos dunhas impresionantes vistas sobre as aldeas de Suárbol e Balouta.

Suárbol, rodeado de bosques e montaña, encóntrase a catro quilómetros de Piornedo e é "o pobo dos sons". Está bordeado por dous regatos que o envolven nunha evocadora melodía. A isto hai que engadir o escintileo das chocas das vacas, que a primeira hora da mañá e á tardiña van e volven dos seus pastos. Entre os monumentos máis destacables desta localidade, están a Casa das Cadeas e a igrexa de Suárbol.

Se continuamos por esa estrada encontraremos un cruzamento cun indicador a Ponferrada (49 km). Seguindo recto chegaremos a Balouta. Antes diso, porén, é aconsellable desviarse para visitar as Brañas de Pan do Zarco e o Pico Surcio, situado xusto en fronte.

Ao regresarmos, continuamos en dirección a Balouta onde podemos visitar algunha palloza. As pallozas, xenuínas mostras de arquitectura tradicional, son herdanza dun modo de vida non tan distante, caracterizado pola súa dureza e illamento, desenvolvido en continua loita cos elementos.

Despois de percorrer o primeiro treito da garganta do río Rao (denominado Balouta en León) chegamos a Murias de Rao e a Rao, onde pomos fin ao noso segundo día de percorrido polos Ancares.

Día 3º

O punto de partida do noso terceiro e último día nos Ancares é a localidade de Rao. Trátase dun lugar de grande importancia etnográfica. Nel encontraremos vivendas tradicionais, ferrarías e muíños.Unha das construcións máis importantes desta poboación é o templo parroquial de Santa María. No seu interior hai dous retablos de gran riqueza.

Neste lugar é moi frecuente atopar os denominados “cortíns" ou alvarizas. Son conxuntos de colmeas pechados por un muro de forma xeralmente circular, construídos con pedra e lousa, pensados para resistir os ataques dos animais, sobre todo dos osos pardos. Hoxe en día, dada a práctica desaparición desta especie, a súa función perdeu sentido.

Proseguimos o noso camiño ata A Proba de Navia. Alí visitaremos o seu castelo, unha construción de orixe medieval. Durante a Revolta dos Irmandiños foi atacado e destruído. Posteriormente procedeuse á súa reconstrución.

Na mesma localidade, tamén dedicaremos tempo a coñecer a súa ponte. Atravesa o río Navia cun só arco, constituíndose nunha das pontes máis interesantes de Galicia.

Uns quilómetros máis adiante, seguindo a estrada LU-722, desviámonos á esquerda para visitar o castro de Santa María de Cervantes. Trátase dun ben histórico de grande valor que testemuña a existencia de poboacións máis o menos estables na zona desde tempos moi remotos.

Finalmente dirixímonos a Becerreá. Alí, no mesmo punto no que comezamos a nosa ruta tres días atrás, poñemos fin ao noso percorrido polos Ancares.

Arriba