O centenario bosque da Fervenza é un bosque autóctono que o río anega periodicamente. Nese momento, carballos de máis de 300 anos e ameneiros monumentais nadan na corrente, refrescando os abafos da súa idade. As súas lagoas, charcas e illas fluviais decoran unha paisaxe moi singular.

O bosque da Fervenza sitúase no curso alto do río Miño dentro dunha Reserva da Biosfera. Trátase dun dos máis importantes bosques de inundación que quedan na península Ibérica, nun bo estado de conservación, con bosques primarios de ameneiros, carballos, freixos e sabugueiros.

As augas do río parece que “ferven” e se embravecen nos rápidos e nas presas que as conducen a un muíño. Así o dicimos en galego, é o bosque da fervenza.

Ruta do Bosque da Fervenza
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Casa rural A Fervenza (O Corgo)Lineal3,52 h 30 min.BaixaBaixa
PERFIL:Todos os públicos

O bosque da Fervenza forma parte dun ecosistema que se estende ao longo da ribeira do río Miño e que conta coa figura de protección de “Reserva da Biosfera”. Está unido coa cidade de Lugo por camiños naturais, moi sinxelos e fáciles de seguir.

Como un acto de amor que se repite varias veces ao ano, o bosque da Fervenza faise río e o río, bosque.

A viaxe desde a capital provincial é duns 15 pracenteiros quilómetros, a través dunha pista sen apenas pendente, entre bosques de ribeira, muíños, illas, paisaxes rurais e o río e as súas augas sempre como referencia. Para os que viaxedes con tempo e con curiosidade por descubrir a intimidade de cada paisaxe, talvez vir desde Lugo, andando ou en bicicleta, sexa o xeito máis fermoso de achegarse a este singular recuncho. Para os máis tranquilos, teredes a posibilidade de facer parada e fonda no bosque, para regresar ao día seguinte cun sorriso nos beizos dos que duran unha boa tempada.

Unha vez no bosque da Fervenza, tanto se chegades polos camiños naturais como polos asfaltados, atoparédesvos con diferentes rutas, que converxen, se unen e se complementan e que vos poderán servir para orientar a vosa experiencia segundo o nivel do río en cada estación do ano Que estades nunha desas tempadas nas que o río e o bosque se funden nunha paisaxe única e salvaxe? Os camiños da parte alta levaranvos ata diferentes portas abertas ao Grande Encontro da auga co arboredo. E se fai sol, calor e o baño é unha tentación permanente? Pois varios camiños hanvos achegar a pozas fermosas que se atopan entre as rochas e o verde exuberante da vexetación de ribeira. Ata poderedes seguir camiños que vos conducirán ata antigas carballeiras en cuxo centro respiran escuras lagoas cheas de vida e de misterio. E por se fose pouco, o bo trazado de camiños e derivacións permitiravos percorrer o terreo ao voso antollo por uns e outras, inventando a ruta que máis voa conveña aos sentidos, sen o temor de vos perder.

Sexa como sexa, cheguedes desde onde cheguedes, esta terra e este río hanvos cativar! Recomendamos que vos acheguedes a vivir este bosque en distintas épocas do ano para poder presenciar os cambios case máxicos que se producen nel co paso das estacións.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba
Axúdanos a mellorar!