O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés ten bosques que conviven cunha paisaxe granítica de montaña. Das súas esgrevias ladeiras descólganse torrentes e fervenzas e aparecen pozas de augas claras nas que é posible bañarse cando aperta a calor. Varios miliarios, unha calzada e as ruínas dunhas termas testemuñan a romanización destas terras. O río Caldo invítanos a relaxarnos nas súas augas termais.

No bosque, atoparemos a míticas cabaniñas ou chivanas, nas que se refuxiaban os gandeiros de outrora. Non é difícil ver aguias reais e voitres remontando as correntes de aire do parque. Nin rastrexar a pegada do lobo. Ou sorprender ao esquivo gato montés.

O Parque Nacional de Peneda-Gerês e o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés únense nas serras que marcan os límites entre Portugal e Galicia, e este carácter transfronteirizo enriquece aínda máis un espazo natural no que a diversidade cultural e lingüística, unida á variedade de bosques, o murmurio de torrentes e ríos, ou os reflexos nas tranquilas augas remansadas ofrecerannos unha experiencia única.

Ruta do Xurés
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Balneario Río Caldo (Lobios)Circular7,53 h 45 min.AltaMedia-alta
PERFIL: Xente con experiencia, que sabe manexar mapas e orientarse

Aínda que son múltiples as rutas que permiten coñecer todos os recunchos do parque, propoñemos unha sinxela e de gran beleza.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Sobran razóns para vir e permanecer no Xures: un mundo pendurado entre as montañas dunha fronteira aberta a miradas, viaxes e experiencias.

Desde o balneario de Torneiros, en Lobios, remontaredes o río Caldo a través da calzada romana ata chegar á Corga da Fecha, unha fervenza que merece a pena “escalar”. Unha estreita e pendente senda, cuxas belas vistas xustificarán de sobra o esforzo. Durante este traxecto pasaredes por varias pozas naturais, cuxas augas son dunha cor espectacular, case máxica, que seguramente vos hipnotizarán ata que por fin acabedes gozando dun bo bañiño.

Tralas pozas, alcanzaredes as alturas do val, desde onde poderedes contemplar suxestivas vistas, tanto cara ao río Caldo como a cara aos cumes máis elevados da escarpada serra.

A baixada desde a Corga da Fecha farédela polo mesmo camiño de subida. E de novo no río Caldo, buscaredes para o voso regreso o paseo que discorre xunto a este, ata chegar de novo ao balneario.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba