Si, é aquí onde os Bosques de Galicia tocan o ceo.

Coñecidas son a Estación de Montaña de Manzaneda e Pena Trevinca, a montaña máis alta de Galicia (2.127 metros), pero o seu encanto é aínda maior cando descobres os seus mestos fondos, e escondidos bosques.

Propoñémosche tres rutas de sendeirismo moi distintas que ofrecen o mellor desta paisaxe: as Reboleiras do Navea (San Xoán de Río), unha ruta tranquila nas que quizais vos encontredes con algún druída celta, o Souto de Rozavales (Manzaneda), no que camiñaredes entre castiñeiros varias veces centenarios, e o Teixadal de Casaio (Carballeda de Valdeorras), o bosque inmortal e case inaccesible que non vos deixará indiferentes. Iso si, nesta ocasión, recomendámosvos ir sempre acompañados dun guía especializado! Por cal empezamos?

O bosque profundo

Reboleiras do Navea

O río Navea encáixase profundamente entre as montañas. Nas inclinadas ladeiras do val habita un apertado bosque de rebolos. Estas árbores forman parte da familia dos carballos, cos que adoitan convivir. Todo este recuncho natural, cicelado pola auga, foi distinguido coa declaración ambiental de Paisaxe Protexido, que nos suxire beleza e invítanos a coñecelo.

Unha senda de fácil percorrido serpea entre carballos, cerquiños e castiñeiros, na gran fraga de San Xoán do Río. É o bosque de Galicia, o dos druídas celtas. Un bosque ancestral que nos permite unha visita cómoda e sosegada.

Ruta das Reboleiras do Navea
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Mouruás (San Xoan do Río)Circular6,82 h 30 min.BaixaMedia
PERFIL: Sendeiristas ocasionais

Xunto ás primeiras casas da aldea de Mouruás, en San Xoán do Río, atoparedes o cartel que sinaliza o inicio de ruta, reza: “A Fraga”. Espéravos desde aquí un bosque que vive pendurado nas inclinadas ladeiras do val do río Navea.

As vistas ao val do río tamén chamarán a vosa atención!

A ruta que propoñemos continúa a través dos camiños que vos levarán, en primeiro lugar, a San Xoán do Río-Fondevila. Alí recomendámosvos facer unha visita á aula de natureza, un grande apoio para axudarvos a orientarvos e para ofrecervos máis información sobre a ruta; así non perderedes nada! Desde aí penetraredes no bosque, percorrendo zonas nas que domina o castiñeiro, outras nas que se impón a fraga de sempre ou as formacións arbóreas que dan nome ao lugar: reboleiras

Percorreredes unha ruta de trazado suave e sabor intenso que vos facilitará unha aproximación moi suxestiva a un bosque singular, ao tempo que nos abre as portas a rutas máis longas a través do bosque e do val do río.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

A mensaxe das árbores

Souto de Rozavales

Baixo as ramas do Castiñeiro de Pumbariños pasaron xeracións e xeracións de homes. Esta árbore forma parte do catálogo de árbores singulares de Galicia e posiblemente xa celebrou máis de mil aniversarios. Quizais na súa infancia escoitase falar en latín.

Se nos achegamos ao Souto de Rozavales, no municipio ourensán de Manzaneda, imos atopar castiñeiros varias veces centenarios, coma este de Pumbariños, declarado Monumento Natural. E cando unha árbore ten esta idade paga a pena escoitala con atención. Ás veces falaranos de guerras, outras de amoríos agochados entre as súas pólas.

Por se non cho contaron, en Galicia o bosque ten voz.

Ruta do Souto de Rozavales
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Manzaneda (Manzaneda)Lineal2,3 (ida e volta)1 h 15 min.BaixaMedia
PERFIL: Sendeiristas ocasionais

Diferentes camiños pódennos levar ao Souto de Rozavales, pero talvez o mellor é o que parte da vila de Manzaneda, xunto á porta da Vila.

Esta ruta proporcionaravos un par de quilómetros entre castiñeiros centenarios, por un camiño de trazado amable, xunto a un refrescante rairo. O cartel que indica a dirección cara ós Castiñeiros de Pumbairiños e un panel informativo cun esquema da ruta. Alí tamén figuran as pistas finais sobre o camiño e as súas propostas.

Ao principio percorreredes unha típica corredoira que une a zona urbana de Manzaneda coa súa contorna rural. Máis adiante, un camiño xunto ao rairo que desemboca nun bosque de espectaculares castiñeiros; un recuncho no cal estes, pola súa idade e pola súa presenza, alcanzan o cualificativo de marabillosos! A máis vella de todos, a árbore decana, con máis de mil anos, xustifica só coa súa presenza esta ruta, e mesmo a viaxe.

O regreso poderédelo facer polo mesmo camiño.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

O bosque inmortal

Teixadal de Casaio

O conxunto de teixos máis importante de Europa atópase en Galicia. Sagrado, mítico, templo de druídas celtas…, bosque misterioso, bosque máxico. Calquera adxectivo que se aproxime á súa esencia fará voar a nosa imaxinación. A súa visita é unha viaxe ao pasado en busca dun espazo natural primixenio.

Entrar no Teixadal de Casaio é como acceder a un recinto catedralicio da natureza. Entre as ramas fíltrase a luz a modo de vidreira. Os troncos son os alicerces que suxeitan as bóvedas que forman as copas das árbores. Neste templo ao aire libre, onde resulta absurdo encerrar os deuses, quizais os druídas celtas oficiaron as súas celebracións.

Situado aos pés das montañas máis altas de Galicia, o Teixadal de Casaio aférrase a unha ladeira, nun lugar que pola súa inaccesibilidade puido permanecer oculto. Alí segue sobrevivindo desde hai miles de anos.

Ruta do Teixadal de Casaio
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Verea da Surbia - A Cabrita (Carballeda de Valdeorras)Lineal9,5 (ida e volta)5 h.AltaAlta
PERFIL: Só recomendada acompañado de guía

Existen varias alternativas para coñecer o Teixido de Casaio, aínda que debemos advertir de que o acceso a este ancestral e único bosque non é sinxelo, nin moito menos apto para todos os públicos. Recomendamos que se non sodes expertos en montañismo, en interpretación de mapas e orientación, contactedes cun guía de natureza coñecedor do territorio que vos acompañe durante o traxecto. Os guías non só vos proporcionarán seguridade na montaña, senón que compartirán convosco miles de anécdotas e historias sobre os recunchos que ides percorrer.

Que sensación! Os centos de anos que leva alí a anciá árbore! Unha das máis fieis testemuñas do paso do tempo, sen dúbida.

De todos os camiños que nos levan ao Teixadal, propoñémosvos o máis curto, que é á súa vez o menos duro. O camiño comezarédelo nunha canteira de lousa situada na parte baixa da Cabrita, onde poderedes deixar o voso vehículo. Tede en conta que no inverno é moi probable atoparvos con neve, o que vos impedirá aproximarvos ata este punto en coche. Desde a canteira, ascenderedes por un sendeiro ben marcado ata a parte máis alta do camiño, onde estaredes a 1.840 metros de altitude.

Unha vez alcanzado o punto máis alto da ruta, descenderedes ata o collado do Campo de Valborraz. Un pouco antes, na cota de 1.700 metros, descenderedes por un camiño de forte pendente ata incorporarvos ao que vén da mina de volframio abandonada da Picota. Continuando o camiño, agora máis relaxado e tranquilo, pronto comezaredes a ver os primeiros teixos e acivros, que nos dan a benvida ao tesouro oculto. Saberedes que chegastes oficialmente ao Teixadal de Casaio ao atravesar, moitísimo coidado!, o río Penedo, saltando de pedra en pedra.

Tralos primeiros metros, moi pronto, á vosa man dereita atoparedes un dos teixos máis vellos e grandes do bosque.  A vosa experiencia continuará no medio de innumerables teixos con todas as formas e tamaños, moitos deles crecendo a partir de grandes ramas pousadas no chan. Acompañan aos teixos, acivros, bidueiros, abeleiras, sorbeiras, carballos, freixos e pradairos. As ramas dos teixos e das demais árbores, apenas deixan pasar a luz do sol e a sensación que se experimenta é a de estar no medio dun estraño, antigo e máxico bosque. Non vos creades tolos se vos parece ver un trasno ou unha fada entre as pólas: se existen, o seu fogar predilecto sería este bosque. E o mellor de todo: a ruta finalizará ao pé dunha fervenza de auga e excelente bañeira para os calorosos días do verán que nos regala o río Penedo ao seu paso polo Teixido.

O camiño de regreso será o mesmo que á ida, tendo en conta que, o forte descenso desde o Campo de Valborraz ata o camiño agora se vai converter nun forte ascenso. Será unha ruta esixente, pero a vosa experiencia de pasear por este bosque acompañaravos sempre, faravos sentir especiais, únicos e moi privilexiados.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba
Axúdanos a mellorar!