Durante unha semana disfrutaremos dunha fascinante paisaxe, adornada con pontes medievais, igrexas ancestrais, mosteiros, fortalezas e pazos. visitaremos as súas adegas, degustaremos os seus viños e relaxarémonos nalgún balneario.

Pazos, torres, fortalezas, mosteiros e igrexas sairán ao noso paso, pero tamén o farán adegas de ata tres das cinco denominacións de orixe de viños que existen en Galicia. Coñeceremos e degustaremos os excelentes caldos que elaboran..

Esta particular peregrinación combina as feiticeiras paisaxes galegas da Vía da Prata coa riqueza vitícola das terras que atravesa.

Máis información...
- Parador de Verín. Teléfono: 988 410 075
- Balneario de Laias (Cenlle). Teléfono: 988 280 409
- Mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea). www.mosteirodeoseira.org
- Pan de Cea. www.pandecea.org
- Colexiata de Sar (Santiago). www.colegiatadesar.com

Día 1º

O Camiño comeza en Verín, vila dominada pola Fortaleza de Monterrei
 

Aconsellámosvos chegar pola tarde a Verín, vila de entroidos ancestrais, no val do río Támega e capital de comarca. É unha das principais localidades da provincia ourensá, próxima a Portugal, situándose nunha das variantes no Camino del Sudeste-Vía de la Plata. A vila está dotada dunha importante oferta de aloxamento, destacando o Parador, aos pés da fortaleza medieval de Monterrei, os dous sinalizados dende a N-525, que nos achega á localidade, á que tamén podemos acceder a partir da A-52.

Unha vez instalados podemos visitar esta acrópole, a maior de Galicia para moitos autores, que dende hai 800 anos vixía a fronteira co veciño Portugal e domina sobre o val. Dende o Parador podemos ascender a pé polo outeiro, a mellor maneira de reparar na tripla muralla e en todos os edificios da impoñente fortaleza, construídos entre os séculos XII e XVII.

No patio de armas atopamos o chamado “pozo verde”, rodeado de lendas de infidelidades e suicidios, como o da esposa de Pedro o Cruel. Non perdades tampouco a oportunidade de subir á Torre da Homenaxe, impresionante mole de pedra de 22 metros de altura, dende onde teredes unha vista de varios quilómetros de paisaxes salpicadas de viñedos, hortas, pequenas aldeas e Verín aos seus pés.

Para cear, polbo á feira, bacallau ou androlla

Ao rematar o percorrido, baixaremos á vila. Se sodes amantes da heráldica impresionaravos o escudo que loce a fachada da Casa do Asistente, próxima á ponte que cruza o río Támega. Á hora de cear recomendámosvos o seu afamado polbo á feira, bacallau ou os manxares da matanza do porco como a androlla -embutido típico da zona-. Acompañaremos a comida cun viño da Denominación de Orixe Monterrei.

 

Día 2º

De Verín a Xinzo de Limia

Despois do almorzo trasladámonos á poboación de Trasmiras, encadrada na comarca da Limia, para dende alí iniciar andando o tramo da Vía da Prata que nos conduce ata Xinzo de Limia. Pasaremos polo lugar de Zos, onde nos sorprenderá a bonita portada con tres arquivoltas da igrexa de Santa María, que aínda conserva íntegra a fábrica románica do templo e o orixinal tímpano da porta sur.

Despois vén Boado. Ao noso paso revélase unha paisaxe de alto valor ecolóxico, refuxio de múltiples aves, polo que non será raro atopar niños de cegoñas ou outros paxaros. Chegaremos a Xinzo de Limia para comer. Na localidade podemos degustar un excelente lacón con grelos ou carnes de tenreira, cabrito ou cordeiro, sempre ben acompañadas pola recoñecida pataca con Denominación de Orixe que se produce na comarca.

Visitamos varias adegas da Denominación de Orixe Monterrei

Repousada a comida regresaremos ao contorno de Verín para coñecer algunhas das adegas da Denominación de Orixe Monterrei, os seus viñedos e o proceso de produción dos seus viños. Na aldea de Vilaza pasearemos entre viñedos de treixadura, que aprenderemos a distinguir do godello, tocando as cepas, as sús follas e uvas. Logo degustaremos os seus caldos. E na poboación de Pazos visitaremos outra das adegas representativas da denominación e os seus viñedos, que se estenden no val cun pano de fondo montañoso e baixo a mirada da fortaleza de Monterrei. Ao rematar a visita podedes cear nun mesón da poboación cuxa especialidade son as grelladas de carne.

 

Día 3º

De Xinzo de Limia a Ourense
  

Tralo almorzo dedicaremos a mañá a percorrer un novo tramo da Vía da Prata, partindo de Xinzo de Limia. Dende aquí facemos camiñando o percorrido que atravesa a vila e as poboacións de Vilariño das Poldras, Couso de Limia e Sandiás, onde podemos subir ata a próxima torre que se alza sobre un antigo castro que estaba aos pés da hoxe desecada Lagoa de Antela.

Un amplo campo de visión domina sobre a chaira cuberta de plantacións de pataca e pequenos núcleos rurais, asentados no que no seu día foron dominios da lagoa. Divisamos as torres de A Pena e da Porqueira, en cimas de montaña. Na súa orixe foron catro torres e dise que estaban comunicadas por pasadizos, onde os maiores do lugar falan da existencia de escuros alxubes.

En Augas Santas degustaremos o seu típico queixo de ovella e licor café
Rematamos o percorrido na poboación de Augas Santas, próxima a Allariz, onde atopamos un dos conxuntos históricos máis bonitos de Galicia, o escenario perfecto para parar a xantar. Suxerímosvos un menú que aproveite a rica gastronomía do territorio, comezando cun entrante de Queixo do Rexo (de ovella) e embutidos da zona, sen perdernos as súas exquisitas empanadas. Na sobremesa podemos deixarnos seducir por amendoados, a súa afamada Torta Real ou os seus melindres típicos, xunto co delicioso licor café que elaboran na vila.

Dirixímonos a Ourense, capital termal de Galicia
Un plan excelente para a tarde será trasladarnos nun transporte ata Ourense, capital termal de Galicia, e dar un paseo polo seu casco antiguo. Unha das súas iconas é a fonte das Burgas, onde veremos brotar fumeantes as súas augas salutíferas a 67 graos polo cano da súa fonte neoclásica. Podemos facernos cunha botella para levar un pouco de auga, como fan os ourensáns. A lenda alimenta dúas versións sobre o manancial: unha di que nace dun volcán en repouso baixo a cidade e outra debaixo da Capela do Santo Cristo, na catedral, que debemos visitar.

Rematamos a xornada relaxándonos no balneario de Laias
Tamén de riqueza termal saben as terras do Ribeiro, onde esta cultura únese á vitícola. Para aproveitar ambas podemos desprazármonos a Laias, no concello de Cenlle, onde tamén atoparemos aloxamento. Será perfecto pasar o resto da tarde relaxados no seu balneario, rodeados da paisaxe fluvial do río Miño e coroar o día cunha boa cea acompañada dos viños da Denominación de Orixe O Ribeiro. Para pasar a noite podemos quedar no propio balneario ou regresar a Ourense, que ofrece unha ampla e variada oferta de hoteis e pensións.

 

Día 4º

Tramo inicial da etapa San Paio de Bóveda-Carballeda
  

Visitamos o Pazo de Vilamarín

Despois de almorzar continuaremos a nosa particular peregrinación facendo o tramo inicial da etapa San Paio de Bóveda-Carballeda.

Dende San Paio, no concello ourensán de Amoeiro, continuamos ata Tamallancos e Sobreira. Neste lugar podemos desviarnos para visitar o Pazo de Vilamarín, cuxa fisonomía é a dun castelo-fortaleza. Atópase nun contorno completamente rural, próximo ao lugar de Fondevila, nun alto dentro dun extenso terreo. A súa entrada é gratuíta e podemos acceder mesmo ás súas grandes torres. No interior unha das súas pezas máis interesantes é unha lareira con campá apoiada sobre dous piares con capiteis moldurados. Trala visita continuaremos ata Faramontaos o Biduedo, segundo as nosas forzas.

Esta vila é rica en arte e historia. Será interesante visitar as ruínas do castelo dos Condes de Ribadavia, onde se intúe a grandeza dunha das máis importantes fortalezas de Galicia.

Xantamos en Ribadavia, capital do viño do Ribeiro

Cando chegue a hora de comer suxerímosvos contratar un transporte para desprazarvos a Ribadavia, a monumental capital do viño da Denominación de Orixe O Ribeiro. Hai interesantes establecementos con restaurante onde elixir excelentes viños da denominación para acompañar o menú. De sobremesa aonsellámosvos probar uns saborosos doces hebreos que atoparedes no antigo barrio xudeu.

Percorremos unha adega e gozamos dunha sesión termal

Podemos rematar a tarde coñecendo unha das adegas da denominación, no berce xeográfico destes viños, San Clodio, no veciño concello de Leiro. É unha oportunidade para pasear entre os seu extensos viñedos de uva treixadura e despois degustar os seus caldos.

Trala visita podemos completar o día cunha sesión termal ou unha masaxe no balneario de Laias, antes da cea.

Día 5º

De Cea a Vila de Cruces

Degustamos o pan de Cea e o particular licor que elaboran os monxes de Oseira

Tras un bo almorzo proseguimos pola Vía da Prata.

Podemos tomar como referencia a etapa Biduedo-Carballeda, pero suxerímosvos empezala un pouco antes, en Cea, unha localidade coñecida polo seu pan, hoxe con indicación xeográfica protexida. Os antigos peregrinos xa se refuxiaban á calor dos seus fornos e logo levaban o seu bolo para matar a fame na ruta. Tamén hoxe podedes abastecervos facilmente, grazas aos sinais que nos dirixen a eles..

A historia deste pan é paralela á do mosteiro de Santa María A Real de Oseira. Xa no século XIII a vila era a principal subministradora do produto en Galicia grazas aos monxes cistercienses do mosteiro, ao que podemos chegar dende Cea. Marabillaranos a súa monumentalidade, valor artístico e o seu enclave natural, entre montañas. Unha vez alí aconsellámosvos probar o “Eucaliptine”, un particular licor elaborado polos monxes a partir das follas de eucalipto. Ao rematar a visita retomamos o Camiño cara a Dozón e continuamos cara ol Alto de San Domingos ou ata onde nos acompañen as forzas.

Coñecemos os viñedos da ribeira do Ulla, terra de augardentes

Propoñémosvos coñecer a produción de viños e licores no val do río Ulla, terra de gran tradición augardenteira e próxima a Santiago, da man dunha adega da Denominación de Orixe Rías Baixas, no concello de Vila de Cruces. Suxerímosvos desprazarvos alí para xantar nalgunha das casas rurais que ofrecen boa cociña e aloxamento para pasar a noite. Podemos pedir que nos preparen ao forno o seu afamado galo de curral.

A boa gastronomía convive con paisaxes espectaculares deseñadas pola auga. No en van estas terras son parte da Rede Fluvial Ulla-Deza. Repousada a comida trasladarémonos á ribeira do Ulla para coñecer os seus viñedos e aprender máis sobre a auténtica “viticultura do granito”, así coñecida pola composición deste solo, onde tamén medra a uva albariña.

Ao rematar a visita podemos regresar ao aloxamento rural para a cea. Recomendámosvos peixe, dado que esta conca fluvial é das máis ricas en salmón de Galicia, aínda que tamén hai boas troitas e anguías.

Día 6º

De Lestedo a Santiago de Compostela
  

Tralo almorzo estaremos listos para percorrer a pé o último tramo da Vía da Prata. Partiremos de Lestedo, no concello de Boqueixón, dende onde nos separan pouco máis de dez quilómetros da Catedral de Santiago. Iremos deixando atrás a sombra do Pico Sacro, foco de moitas lendas xacobeas.

Más adiante atravesamos as aldeas da A Susana e Paradela, llegando a Compostela por la Rúa da Ponte do Sar, chegando a Compostela pola Colexiata de Sar. Sorprenden os seus muros visiblemente inclinados. Para aprecialo debedes visitar o interior. É a razón de que no exterior vexamos grosos arcobotantes, unidos máis tarde ao edificio, entre os séculos XVII e XVIII..

Logo afrontamos a subida de Castrón Douro, unha rúa tan bonita como empinada. Cruzamos Fonte de Santo Antonio e penetramos propiamente na “améndoa” -casco histórico- de Santiago polo Arco de Mazarelos, a única porta da muralla medieval da cidade que se conserva.

Trala Praza da Universidade, descendemos pola Costa de Xelmírez e alcanzamos a Praza das Praterías, con múltiples e variados tesouros pétreos, como a Casa do Cabido ou a Torre do Reloxo. Esta alberga a maior campá da catedral, a Berenguela, que ás doce do mediodía anuncia a Misa do Peregrino. Logo descendemos e dobramos a esquina ata a Praza do Obradoiro, destino ansiado dos peregrinos.

A Berenguela, a campá da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, anuncia a Misa do Peregrino ás doce do mediodía

Cumprimos con todos os ritos na catedral e xantamos na popular Rúa do Franco

No interior da catedral podemos cumprir todos os ritos asociados á peregrinación, como dar o tradicional abrazo ao Apóstolo ou visitar as súas reliquias descendendo á cripta, baixo o altar maior, onde se gardan nunha urna de prata. Ao rematar faremos un percorrido para coñecer as demais fachadas e prazas catedralicias, cada cal máis fermosa e diferente á anterior.

Á hora de comer, a Rúa do Franco, comunicada directamente coa Praza do Obradoiro, é un escaparate da mellor gastronomía galega: mariscos, peixes e carnes. E, de sobremesa, a tradicional Torta de Santiago, unha delicia feita a base de améndoa.

Paseamos polos espazos verdes da cidade e imos “de viños” pola zona vella

A tarde dedicarémola a pasear pola zona monumental. Atoparemos moitos edificios visitables de diferentes estilos. E se o que nos apetece é aire libre, as zonas verdes de Santiago deixarannos marabillados. A elegancia decimonónica do Paseo da Alameda ou a espiritualidade do parque de Bonaval son algunhas das opcións que nos brinda o centro de da cidade.

Ao culminar a tarde o apetito xa se fará notar. Un costume moi arraigado é “ir de viños” polas rúas do casco histórico, acompañando os caldos galegos coas típicas racións que satisfacen todos os gustos.

Compostela, como cidade Patrimonio da Humanidade, aberta e hospitalaria, conta cunha ampla e variada oferta de aloxamento. Un hotel ou pensión con encanto no casco histórico pode ser unha boa opción para seguir gozando da cidade á mañá seguinte.

Día 7º

Subimos aos tellados da Catedral
  

Despois do almorzo propoñémosvos subir ás cubertas da catedral, que nos descubrirán unha perspectiva diferente da cidade, case sobrevoándola.

Ao rematar podemos dar unha volta por rúas como O Preguntoiro, a Praza de Cervantes, Acibechería ou mesmo o Mercado de Abastos se queremos ultimar algunhas compras. Ao concluír sentaranos ben un descanso nalgún dos encantadores cafés da zona monumental.

Arriba
Axúdanos a mellorar!