Gran parte do percorrido sitúase por riba dos 800 metros de altitude, con continuas subidas e baixadas. Pero a dureza do Camiño vese compensada pola beleza da paisaxe, xa que transcorre en plena natureza, atravesando bosques, montañas, ríos, regatos, vales, campos de cultivo e aldeas con encanto.

Propoñémosvos vivir unha experiencia vibrante nun todo terreo que percorre o contorno do Camiño Primitivo de Santiago, a ruta máis ancestral e lendaria que conduce ata a cidade do Apóstolo Santiago.

Faremos circular o 4x4 por pistas entre bosques de piñeiros sobre as altas montañas orientais de Galicia, que nos ofrecerán espectaculares paisaxes. Camiños rotos por corgas de auga porán a proba a habilidade ao volante, disparando a emoción da vivencia.

Máis información...
- Museo Comarcal da Fonsagrada. Teléfono: 982 340 507
- Albergue do Cádavo. Teléfono: 981 354 057
- Museo Vivente do Mel (Arzúa). www.abelleiro.com
- Catedral de Santiago. www.catedraldesantiago.es
- Mercado de Abastos. www.mercadodeabastosdesantiago.com

Dia 1º

Partimos da Fonsagrada, camiño de Arzúa
  

Na Fonsagrada coñeceremos como se vive nun pobo de montaña

Recomendámosvos chegar a véspera ao atardecer á Fonsagrada, o concello máis extenso de Galicia e tamén a capital municipal de máis altitude de toda a comunidade autónoma, case a mil metros sobre o nivel do mar. Sitúase no extremo da provincia de Lugo, formando un conxunto montañoso que representa a fronteira natural con Asturias, coa que comparte a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A súa principal vía de acceso é a estrada LU-530, que a comunica coa capital provincial. Na localidade existen hoteis e pensións e no ámbito un bo número de casas rurais e algún pazo onde podedes aloxarvos. Se non ceastes polo camiño recomendámosvos que probedes aquí algo da súa rica gastronomía, como o botelo, delicioso embutido tradicional feito de costelas de porco adobadas con allo e pemento, acompañado dunhas patacas cocidas, que gozan na zona de excelente calidade. E, de sobremesa, o saboroso pastel da Fonsagrada, de améndoa e crema pasteleira.

Aconsellámosvos madrugar para dar un paseo polo pobo antes de partir nos vehículos todoterreo acompañados do guía e do condutor. Podedes visitar o Museu Comarcal da Fonsagrada, ao lado da Alameda, que concentra unha boa representación das formas de vida e traballo nunha típica bisbarra de montaña. Veremos a recreación dunha adega, unha forxa de ferreiro e unha lareira. Tamén ten unha sección de arquitectura popular que servíndose de planos, maquetas e fotografías mostra os materiais, características construtivas e tipos de vivenda típicas da zona.

O botelo é un embutido tradicional feito de costelas de porco

Descansamos no Cádavo e comemos en Baamonde

Algo antes da media mañá partimos da Fonsagrada nos 4 x 4 para iniciar un percorrido polo territorio deste municipio ata O Cádavo, sempre por pistas autorizadas para o tránsito dos nosos vehículos. É un relevo accidentado onde abundan as paisaxes de pendente e contrastes de altitude entre os vales e os cumes.
Esta zona permítenos gozar de paisaxes de montaña espectaculares. Os camiños rotos polas corgas causadas pola auga poñerán a proba a mecánica do noso coche, engadindo emoción á experiencia. É difícil velos, pero en toda esta zona hai lobos, xabarís e corzos. Máis sinxelo será avistar aguias, falcóns e outras aves rapaces.

A primeira parada para descansar será no Cádavo, onde existe un moderno albergue e finaliza unha das etapas do Camiño Primitivo en Galicia. Din que aquí se librou unha lendaria batalla na que Alfonso II, O Casto, venceu aos exércitos musulmáns, liberando o camiño a Compostela. Topónimos como Campo de Matanza e numerosos achados de espadas e restos de armaduras seguen fraguando a lenda. Despois, segundo imos descendendo cara ao ámbito da capital da provincia a paisaxe vaise humanizando. A ruta continúa bordeando Lugo. Podemos parar a comer en Baamonde

Visitamos Sobrado dos Monxes e finalizamos a etapa en Arzúa

Unha vez descansados retomamos o Camiño, que transita por pistas entre bonitos bosques autóctonos de carballos e castiñeiros na zona de Friol, camiño de Guitiriz. Segundo imos descendendo cara a Teixeiro, os bosques de piñeiros van deixando paso aos pastos e os seus habitantes naturais, as vacas, xa que esta é zona de gran produción leiteira.

Pola tarde a ruta, aínda que tranquila, non estará exenta de emocións, posto que teremos que vadear algún río para chegar ao noso destino. A primeira parada será en Sobrado dos Monxes a media tarde. Podemos aproveitar para visitar o Mosteiro de Santa María de Sobrado, Monumento Nacional, fundado hai máis de mil anos. Dende aquí nun pequeno paseo podemos achegarnos á lagoa de Sobrado, rodeada de prados naturais e manchas de piñeiro e ameneiro nun ámbito montañoso e agrícola de gran beleza paisaxística.

Ao concluír a visita, xa sobre as catro rodas, pasaremos preto de Arzúa para finalizar o percorrido e aloxarnos en calquera dos seus hoteis, pensións ou nas próximas casas de turismo rural, e cear aquí ou noutro establecemento de restauración da poboación.

 

Día 2º

De Arzúa a Santiago de Compostela
  

Unha fervenza de 32 metros de caída dobre e un museo dedicado ao mel

Cando esteades listos pola mañá suxerímosvos que vos acheguedes a un recurso natural de gran beleza, moi próximo á aldea de Dombodán. Trátase da Fervenza das Hortas, unha fervenza do río Saímes, xusto antes da súa confluencia co Ulla, de 32 metros de caída dobre.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Tamén está preto  Portodemouros, Tamén está preto Museo Vivente do Mel. que podemos visitar se somos amantes da apicultura ou dos seus produtos ou se nos atrae a etnografía. Aquí revélannos como cultivaban o mel os nosos antepasados. No exterior podedes admirar a reprodución dunha alvariza chea de cortizos, trobos e covos e un chineiro tradicional. Como contrapunto veremos un apiario moderno e no interior podemos seguir os procesos de extracción, decantación e envasado do mel. Na tenda atoparemos todo tipo de produtos relacionados coas abellas: mel, pole, xelea real e mesmo cosméticos.A media mañá e se o tempo acompaña, un baño no encoro de Portodemouros.

 

No Pino degustamos galo ao forno ou en guiso

Na etapa do Camiño Arzúa-O Pedrouzo e entre este e Santiago é posible facer a ruta en 4x4 por pistas anchas e accesibles que discorren próximas ao trazado histórico. Pararemos a comer no Pedrouzo, no concello do Pino. Aquí a especialidade é o galo piñeiro, unha raza de galos autóctona que se pode degustar ao forno ou en guiso. A súa festa gastronómica celébrase a principios de agosto.

Polvo, barro, sol y lluvia
es Camino de Santiago.
Millares de peregrinos
y más de un millar de años."

Fragmento dun poema anónimo escrito no Camiño

No Monte do Gozo xa se ven as torres da Catedral de Santiago

Pola tarde subimos de novo ao todo terreo para iniciar un percorrido que transcorre polas inmediacións da Lavacolla e nos achega ao Monte do Gozo, unha pequena elevación dende a que os peregrinos ven por primeira vez as torres da  catedral.  Dende o Ano Santo do 93 transformouse nunha zona dotada de todos os servizos para peregrinos: albergues, hotel, restaurante e cafeterías. Se nos apetece palpar o ambiente da peregrinación xacobea antes de chegar a Santiago este é o lugar idóneo onde facelo.

De tapas polas típicas rúas do casco histórico compostelano

Alcanzamos Santiago de Compostela ao atardecer, polo que teremos que pospoñer a visita á catedral para o día seguinte. Pero podemos gozar dun percorrido polas animadas rúas do casco histórico mesturándonos entre peregrinos, universitarios, turistas e composteláns.

Aconsellámosvos ir de tapas polas súas rúas, onde atoparedes as típicas racións galegas cos “imprescindibles” da súa gastronomía: empanada, polbo á feira, carne ao caldeiro, berberechos, mexilóns, raxo, zorza, pementos de Padrón, sardiñas ou xoubas, e mesmo orella. E sen esquecer a Tarta de Santiago  de sobremesa e os viños das diferentes denominacións de orixe de Galicia.

En canto ao aloxamento, a cidade conta cunha variada oferta hoteleira que se adapta a todos os gustos e necesidades.

 

Día 3º

As xoias da catedral e os espazos verdes do casco histórico
  

Unha sorprendente visita aos tellados da catedral

Despois de almorzar propoñémosvos coñecer a catedral dende unha perspectiva diferente, subindo ás súas cubertas. Trátase dunha visita guiada que inclúe dous percorridos consecutivos. Primeiro o do Pazo de Xelmírez, centro do poder feudal exercido pola igrexa en Santiago. Asombraravos a gran bóveda de crucería de 32 metros de lonxitude do Salón Sinodal, cuxas ménsulas están decoradas con escenas dun animado banquete.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Logo ascendemos polas estreitas escaleiras da Torre do Palacio para percorrer os tellados graduados do templo en toda a súa extensión, o que nos permitirá entender moito mellor as distintas idades da catedral e os seus respectivos estilos. Pero o máis sensacional será ter ao alcance da man as torres, cúpulas e pináculos da catedral e dominar coa vista os tellados de Santiago ata perdérmonos nos montes circundantes.

Abrazamos ao Apóstolo e detémonos ante as súas reliquias

Logo entraremos no templo dende a Praza do Obradoiro, coa impresionante fachada barroca presidida polo Apóstolo Santiago de peregrino con capa e bastón. Ascendemos pola dobre escalinata exterior e no interior topamos coa magnífica vista do Pórtico da Gloria, obra mestra da escultura románica española. De novo o Apóstolo Santiago no parteluz, onde a media altura tamén acharemos as pegadas dos peregrinos afundidas no mármore. Son moitos os tesouros que esconde o interior da catedral e os seus ritos. Destaca o abrazo ao Apóstolo ascendendo ao camarín do altar maior. Tamén nos deteremos ante as súas reliquias, gardadas nunha urna de prata na cripta, baixo o altar maior.

Probamos os peixes e mariscos das rías galegas

Será preto da hora de comer cando acabemos as visitas polo que neste segundo día aconsellámosvos probar os excelentes peixes en caldeirada ou á galega e mariscos das rías galegas ao vapor, á grella ou acompañados de salsas, que atopamos nos restaurantes ou marisquerías das Rúas do Franco, A Raíña e nas súas proximidades.

Da Alameda ao parque de Bonaval

Pola tarde animámosvos a descubrir os xardíns e parques do casco histórico. O máis popular,a Alameda, pulmón verde. O Paseo dos Leóns proporciónanos unha das mellores vistas frontais da catedral, sobre todo coa luz do atardecer. Camelias centenarias, eucaliptos xigantes, vellas carballeiras, esculturas, fontes e mesmo algunha igrexa entreterán o noso percorrido.
Outro estupendo miradoiro sobre a cidade é o Parque de San Domingos de Bonaval, asentado na ladeira oeste do Monte da Almáciga. A medida que subimos pola ladeira os edificios e tellados vanse descubrindo ante os nosos ollos. Conta con espazos moi singulares e fermosos, como un cemiterio desacralizado, cuxa especial acústica e ambiente emprégase en ocasións como lugar de espectáculos musicais.

E para a hora da cea propoñémosvos probar algún dos pratos creados polos chefs da nova cociña galega nos restaurantes de autor da cidade.

Día 4º

Despedímonos de Santiago no Mercado de Abastos
  

Como despedida da cidade, unha visita ao Mercado de Abastos resulta unha experiencia enriquecedora, pois é un lugar vivo onde atoparse con moitos composteláns e con todo o que o mar e a terra galega producen. Peixes e mariscos frescos da ría, excelentes carnes, queixos artesáns, mel, flores… e mesmo polos de curral vivos e outros produtos das hortas próximas da cidade véndense nesta praza. No seu contorno existen restaurantes que por un prezo alcanzable nos preparan os produtos adquiridos no mercado.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba