Seguiremos unha das rutas marítimas xacobeas que se empregaba na Europa medieval para alcanzar Compostela. Dende Cedeira, onde contemplaremos os cantís máis elevados de Europa e visitaremos Santo André de Teixido, navegaremos en veleiro ata Ferrol. E dende aquí emprenderemos o Camiño a Santiago en bicicleta.

Viviremos unha trepidante aventura emulando aos antigos peregrinos do norte de Europa e as Illas Británicas, que antes de avanzar por tierra á cidade Santa de Santiago desembarcaban no norte de Galicia.

Unha costa que nos mostrará algúns dos cantís máis elevados de Europa na Serra da Capelada, onde tamén se abre paso o precioso Santuario de Santo André de Teixido. Navegaremos en veleiro ata Ferrol, onde iniciaremos o Camiño Inglés a Santiago de Compostela en bicicleta.

Más información...
- Torreón dos Andrade (Pontedeume). Tel_ 981 430 270
- Albergue de Bruma (Mesía). Tel_ 981 687 001
- Oficina do Peregrino (Santiago). www.peregrinossantiago.es

Día 1º

Navegamos en veleiro dende Cedeira ata Ferrol
  

Aconsellámosvos pasar a noite no contorno de Cedeira para aproveitar ao máximo a xornada do día seguinte. Na comarca de Ferrol existe unha variada rede de hoteis de ata catro estrelas que conviven con casas de turismo rural e outros establecementos con encanto.

Os cantís máis elevados de Europa

Despois de almorzar poñemos rumbo a un lugar coñecido como Garita de Herbeira, a onde accedemos dende Cedeira. De camiño é fácil ver cabalos salvaxes que pastan libres nos montes. A Garita é un miradoiro espectacular sobre a costa norte do Atlántico, enclavado no corazón da Serra da Capelada. Dende o pequeno edificio de cachotería de granito dominaredes unha panorámica colosal que vos descubrirá os cantís máis elevados de Europa, cunha caída case vertical sobre o nivel do mar de máis de 600 metros.

Moi preto localízase o santuario de Santo André de Teixido. Un popular refrán proclama que alí “vai de morto quen non foi de vivo”. A capela atópase nuha encantadora poboación branca que xorde entre os cantís, no único punto onde as montañas se suavizan permitindo o seu encaixe. Dentro da capela atoparedes un orixinal retablo que acolle a imaxe manierista do Apóstolo Santo André. Chamaranvos a atención os exvotos deixados na ermida á espera da intercesión milagreira do santo; ou os “sanandresiños”, figuriñas de cores feitas de pasta de pan que representan os símbolos da chegada de Santo André a estas terras.

Un alto na travesía para bañármonos nunha praia paradisíaca

Deixamos este lugar repleto de mitos, lendas e ritos e suxerímosvos continuar a pé ata Cedeira durante un traxecto de doce kilómetros de gran beleza natural. Para emular aos antigos peregrinos a Santiago procedentes do norte de Europa e das illas Británicas, que chegaban por barco ata estas costas, propoñémosvos que vos embarquedes a media mañá nun veleiro no porto de Cedeira navegando ata Ferrol.

O periplo pode durar entre tres e catro horas, en función dos ventos. A travesía permítenos contemplar unha costa agreste, salvaxe e indómita que pouco antes observábamos en terra e participar como grumetes nas manobras do veleiro. Se o tiempo é favorable podemos fondear en pequenas calas inaccesibles doutro xeito para darnos un baño ou facelo noutros areais máis coñecidos como o de Pantín, considerado un verdadeiro paraíso para o surf.

Un refrán popular proclama que a Santo André de Teixido “vai de morto o que non foi de vivo”

De tapas polo Ferrol Vello

Degustaremos a bordo ou na praia un pícnic especialmente preparado para a ocasión. No mar estade atentos pois non é raro avistar peixes lúa, caldeiróns ou grupos de golfiños. Deixando atrás Punta Frouxeira, Cabo Prior e as linguas de area de San Xurxo e Doniños introducímonos na axustada ría de Ferrol ata o porto de Curuxeiras, no Ferrol Vello, acostumado dende séculos a recibir por mar aos peregrinos. Hoxe apreciamos tamén un incesante tráfico de barcos que veñen e van de Mugardos, unha pequena poboación mariñeira situada na outra beira.
Desembarcados e unha vez acomodados no establecimento escollido podemos recorrer con máis calma o Ferrol Vello o que nos quede de tarde. Detrás do Paseo da Mariña as rúas conservan o típico sabor mariñeiro. Á hora de cear suxerímosvos facer como os ferroláns, aos que lles encanta ir de tapas polo barrio da Magdalena, declarado Conxunto Histórico-Artístico.

Día 2º

Abandonamos Ferrol en bicicleta, camiño de Miño
  

Visitamos o Castelo de San Felipe, que mandou construir Felipe II

Antes de partir polo Camiño Inglés coas nosas bicicletas de montaña, propias ou alugadas, non podemos marchar de Ferrol sen visitar o maxestoso Castelo de San Felipe, na parte máis estreita da ría. Formaba un auténtico triángulo de fogo para defender a cidade de ataques inimigos, xunto cos castelos de San Martín e A Palma, situados ao outro lado da ría. Esa foi la idea de Felipe II cando o mandou construir. É visitable dende as dez da mañá e no interior suxírennos un percorrido para coñecer os 32 puntos máis interesantes da colosal construcción, ao tempo que aprenderemos léxico militar contemplando baterías, hornabeques ou caponeiras.

De Ferrol a Pontedeume

Trala visita estamos listos para iniciar a primeira etapa sobre dúas rodas do Camiño Inglés que nos conduce a Miño. Partimos do porto de Curuxeiras, donde desembarcamos a véspera. Esta ruta xacobea está perfectamente sinalizada durante todas as etapas e tamén na cidade, así que non será difícil orientarse pola rede de rúas e prazas ata os barrios de Recemil e Caranza, as aforas.
Dende aquí chégase ao polígono industrial da Gándara, moi próximo a Narón. Despois virá Neda, tras pasar o muíño de marea e a ponte sobre o río Xubia.

o itinerario continúa por Fene e Cabanas. No estuario do Eume, pasando a praia da Madalena, seguimos o Paseo Marítimo ata Pontedeume, que toma o seu nome da ponte do século XIV, unha construcción emblemática do Camiño que cruzaremos. Na súa orixe posuía, ademáis dun hospital de peregrinos, un total de 68 arcos, dos que hoxe só se conservan 15.

Comemos en Pontedeume e pasamos a noite en Miño

En Pontedeume pararemos a explorar o seu casco urbano e comer. Nas céntricas rúas de San Agustín, Os Ferreiros e Real atoparedes restaurantes onde saciar o apetito. Non esquezades pedir algún dos exquisitos doces da localidade, como a torta de Pontedeume, os melindres, a prolla ou o manguito eumés.

A praza do Conde, o torreón dos Andrade, que completaba o seu recinto amurallado, a igrexa das Virtudes e a de Santiago son algúns dos puntos de interese da vila. Retomamos o Camiño e, saíndo de Pontedeume, aconsellámosvos tomar un desvío cara a igrexa de Breamo, onde ademáis de visitar este templo románico obteredes unha amplia panorámica sobre as rías de Betanzos, Ares e Ferrol.
Máis adiante unha curiosa ponte medieval dun único ollo sobre o río Baxoi condúcenos ao final da etapa en Miño, onde encontramos hospedaxes, pensións e casas rurais onde cear e pasar a noite.

Día 3º

De Miño a Ordes
  

Tras un bo almorzo abandonamos Miño pola rúa Real para encontrámonos de novo co mar. Seguindo a línea da costa, continuamos ata a ponte medieval do Porco, que cruza o río Lambre. Ao pe da ponte veredes tallada a escultura que representa o xabaril da nobre casa dos Andrade. Por zona de monte pasamos despois Paderne e logo O Porto e Chantada.

Visitamos Betanzos e as súas curiosas prazas e parques

Dende aquí comeza un descenso ata Betanzos, capital dunha das provincias do antigo Reino de Galicia. Esta baixada regálanos bonitas panorámicas da ría e a zona de marisma ata entrar na que foi unha das principales vilas de Galicia en tempo dos Reis Católicos.

O Camiño adéntrase por San Martín de Tiobre, onde está situado Betanzos o Vello, pasa a zona dos Remedios e de alí introdúcese no casco histórico por unha das portas conservadas da muralla medieval. Paga a pena achegarse ata as igrexas de Santa María do Azougue e, sobre todo, San Francisco polos sepulcros medievais que alberga no seu interior.

O Xardín Enciclopédico de Betanzos posuía estatuas de 265 Papas, escritores e emperadores

O Camiño cruza a Praza dos Irmáns García Naveira, que podemos considerar o centro da localidade. Está presidida por unha rexia fonte, con unha escultura de Diana Cazadora de bronce fundido nun taller parisiense no século XIX. Suxerímosvos que vos acheguedes ao Parque do Pasatempo, non moi lonxe do casco urbano e que vos sorprenderá pola súa enorme orixinalidade. Pódense ver restos das ruinas do Xardín Enciclopédico, formado por labirintos, fontes, canles e estatuas de ata 265 Papas, escritores e emperadores. Foi construido entre 1893 e 1914 a instancias dos irmáns García Naveira, indianos benfeitores da poboación, a modo dun pioneiro parque temático que xa se citaba nas guías de viaxes de entón.

Paramos a comer no albergue de Bruma, en Mesía

Abandonamos Betanzos, non sdn antes provernos dun pequeno pícnic que levaremos nas alforxas da bicicleta para degustar no momento que nos entre o apetito durante o Camiño. A ruta ascende ata o concello de Abegondo, onde cruza a ponte de Limiñón, a de Presedo e segue en dirección a Francos, Bocelo e Valardel. O itinerario intérnase no monte chegando á Malata. Finalmente alcanzamos Bruma, onde hai un albergue de peregrinos e podemos parar a descansar e comer.

Fin da xornada en Ordes

Reposados reemprendemos o Camiño cara ao concello de Ordes. A ruta pasa por O Seixo, Carreira, Mámoas e A Carballeira, onde comeza un tramo polo monte que conduce ao lugar da Rúa. Aquí hai unha casa rural, exemplo das tradicionais casas de agras da comarca de Ordes, onde podemos cear e pasar a noite. Crese que as súas orixes están ligados á próxima igrexa de San Paio de Buscás, que podemos visitar. Outra opción é desviármonos cara á localidade de Ordes, poboación en plena travesía da N-550, que dispón de todos os servizos para cear e descansar.

Día 4º

De Ordes a Santiago de Compostela
  

Aconsellámosvos que vos ergades cedo e despois dun bo almorzo continuar a ruta dende o lugar da Rúa. Déixase atrás o Muíño de Trabe e a Ponte do Cubo continúase cara a Outeiro de Abaixo, onde tomamos un sendeiro arborado que conduce á igrexa de San Xulián de Poulo e logo a Senra.

O Camiño chega aos lugares de Carballo, Casanova de Pereiro e cruza a ponte de posible orixe medieval de Ponte Pereira para chegar a Carrás, zona de mananciais que en ocasións dificulta o paso. Logo continuamos cara a Baxoia e chegamos a Sigüeiro, onde atravesamos a ponte sobre o río Tambre. É curiosa a súa mestura de estilos, xa que ten catro arcos románicos e un gótico, debido a unna reparación feita no século XIV. Na actualidade a N-550 úsao para salvar este leito fluvial, famoso polas súas troitas.

Chegamos a Santiago de Compostela

En diante a etapa transcorre case en paralelo á N-550 ata o polígono del Tambre. Logo introducímonos en Meixonfrío e pouco despois sae ao noso paso o fermoso parque de Pablo Iglesias, xa na cidade de Santiago.
Cada vez estamos máis próximos á catedral, só nos queda salvar a Avenida Xoán XXIII. Refuxiados baixo a gran marquesiña sostida por grandes piares con forma de cono invertido pódese contemplar o campus norte da Universidade e os seus parques; detrás Monte Pío e nun tercer plano o Monte do Pedroso. Esta arteria de comunicación vincula a zona externa de Santiago co seu casco histórico.

A monumental Praza do Obradoiro e a catedral

Na zona monumental o primeiro edificio impoñente que vislumbramos é o convento de San Francisco, á dereita e, inmediatamente despois, a facultade de Medicina e logo o Hostal dos Reis Católicos. Entre este antigo hospital de peregrinos, á dereita, e o máxico arco do Pazo de Xelmírez, á esquerda, descóbrese ante nós a Praza do Obradoiro.

“A Compostela se acerca uno como quien se acerca al milagro”.
Álvaro Cunqueiro

Por fin podemos celebrar o éxito da nosa peregrinación ante a sobrecolledora fachada da catedral, un magnífico telón barroco para este templo románico. Baixo a mirada do Apóstolo Santiago, que preside a fachada vestido de peregrino co seu bastón e a súa capa e flanqueado polas grandes torres de 74 metros que parecen escalar ao ceo, compartiremos a emoción con máis peregrinos.

Antes de entrar ao templo recomendámosvos ir á Oficina do Peregrino na Rúa Carretas 33. Conta con servizos de consigna, parking de bicicletas e envío destas a destino. Selarannos a credencial e entregarannos a “Compostela”, documento de orixe medieval que acredita ter realizado o Camiño.

Ás doce podemos asistir á Misa del Peregrino na catedral, darlle o abrazo ao Apóstolo e visitar as súas reliquias descendendo á cripta, baixo o Altar Mayor. Contemplaremos o Pórtico da Gloria, obra cume da escultura románica esculpida polo Mestre Mateo, onde se nos revela a visión apocalíptica da Xerusalén celeste.

A Rúa do Franco debe o seu nome a que, noutros tempos, era o lugar onde se establecían os peregrinos franceses

Chega a hora da comida. Case en comunicación directa coa Praza do Obradoiro atópase a Rúa do Franco, así coñecida por ser o lugar onde en tempos se establecían os peregrinos franceses. Hoxe existe unha enorme oferta gastronómica con restaurantes de referencia e bares de tapas. Pareceranos curioso que moitos deles mostren á súa entrada os productos en acuarios e cámaras refrixeradas.

Visita guiada ou audioguía

Se pasades a tarde en Compostela é imprescindible pasear arredeor de todas as prazas catedralicias e polas rúas do casco antiguo. Na Rúa do Vilar existen dúas oficinas de turismo, onde conseguir material útil e orientativo, solicitar unha visita guiada ou unha audioguía, que nos permite percorrer a cidade ao noso ritmo sen perder detalle de datos, anécdotas e lendas.

Arriba
Axúdanos a mellorar!