A ruta xacobea máis coñecida, Itinerario Cultural Europeo e Patrimonio Cultural da Humanidade, ofrécenos unha emocionante experiencia dunha semana a lombos dun cabalo. Dende a aldea do Cebreiro, de orixe prehistórica, pasaremos por múltiples lugares que nos amosarán os seus tesouros máis prezados.

Propoñémosvos unha viaxe para compartir en grupo unha semana emocionante percorrendo a cabalo o Camiño Francés en Galicia. Esta ruta milenaria é a máis coñecida do Camiño de Santiago.

É Patrimonio da Humanidade e Primeiro Itinerario Cultural Europeo. En 2004 recibiu o premio Príncipe de Asturias da Concordia. O noso periplo arranca no Cebreiro.

Máis información...
- Museo Etnográfico do Cebreiro. Tel: 982 369 025.
- Mosteiro de San Xulián de Samos. www.abadiadesamos.com
- Consello Regulador da D.O.P. Arzúa-Ulloa. www.arzua-ulloa.org
- Oficina do Peregrino (Santiago). oficinadelperegrino.com
- Catedral de Santiago. www.catedraldesantiago.es

Día 1º

Recollida dos participantes e traslado ata O Cebreiro
     

Os técnicos valorarán a nosa experiencia como xinetes

As viaxes organizadas a caballo son unha boa opción para que gocedes de maneira diferente do Camiño Francés, a máis coñecida das rutas de peregrinación a Santiago. Deixaremos en man de profesionais a loxística requerida para o coidado dos animais. Encargaranse, ademáis de ofrecernos un guía, de todo o material e axuda necesaria en ruta, aloxamento, manutención, traslados ao punto de inicio do Camiño e de volta aos nosos destinos, vehículos de apoio e portaequipaxes necesarias durante a realización das etapas.

A peregrinación durará sete días e seis noites de pernoctación. Distribúense en cinco etapas ecuestres, de entre seis e sete horas de duración cada xornada. Inclúense visitas a lugares de interese por tradición xacobea ou relevancia histórica, artística, arquitectónica o paisaxística. Os cabalos poden ser de raza española, inglesa ou árabe, de carácter máis dócil e máis brioso, segundo a nosa preferencia e en función da experiencia como xinetes que demostremos e que valorarán os técnicos da organización.

No Cebreiro coñoceremos as típicas pallozas

Pola tarde chegaremos ao Cebreiro, unha aldea de orixe prehistórica a 1.300 metros de altitude entre as serras dos Ancares e O Courel, declarada Conxunto Histórico-Artístico Nacional. Teremos tempo de recorrer esta poboación máxica e moi antiga que se levanta na montaña como unha aldea de conto.
Aquí conservánse as pallozas, exemplo vivo de adaptación do hombre ao medio. O seu teito de palla ben tupida soporta o peso da neve e resiste a forza do vento da montaña. E as súas paredes de pedra baixa teñen ventás pequenas e as portas necesarias para dar servizo a animais e persoas, que noutros tempos convivían no seu interior. Unha delas alberga o Museo Etnográfico, que podremos visitar para comprobar como se vivía aquí dende hai séculos e ata hai pouco. Outras recuperáronse como preciosas pousadas de peregrinos, onde é posible aloxarse.

Un relicario doado polos Reis Católicos

Durante o percorrido tamén podemos visitar a igrexa prerrománica de Santa María A Real. No seu interior atópase a Capela do Santo Milagre. Nunha vitrina gárdase o “Santo Grial”, o cáliz e a patena, xoias do románico, onde din que se obrou o milagre eucarístico da conversión da hostia e o pan na sangue e o corpo de Cristo. Tamén veredes un relicario doado polos Reis Católicos para gardar as reliquias.

Na cea recomendámosvos degustar a gastronomía do lugar, basada en produtos autóctonos, tanto de curral como embutidos. No postre non debemos renunciar ao tradicional queixo do Cebreiro, que conta con Denominación de Orixe, acompañado de mel da zona.

 

Día 2º

Do Cebreiro a Samos
   

Erguerémonos á primeira hora da mañá e tras un bo almorzo ensélamos os cabalos e iniciamos o Camiño.

Pasaremos por Liñares, subindo por entre as casas ata a igrexa románica; o Alto de San Roque, onde nos atopamos coa estatua dun peregrino contemplando a paisaxe; o Hospital da Condesa, atravesando a súa vistosa calzada de piedra; e o Alto do Poio. Todos eles lugares de gran beleza e valor paisaxístico.

Paramos a comer en Triacastela

Chegaremos sobre a hora da comida a Triacastela, que xa figuraba como undécima etapa do Camiño no Códice Calixtino. É unha poboación pequena que vive arredor da tradición xacobea, en cuxo centro vemos como se concentran as pousadas para os peregrinos. Pararemos a comer e descansar nun mesón á saida da localidade.

A primeira hora da tarde reemprendemos o Camiño pola variante de Samos, que se desvía cara ao sur polo contorno do río Sarria. Saénnos ao paso numerosos exemplos de arquitectura popular e paisaxes de arboredos autóctonos, carballeiras e soutos, accidentes xeográficos e ríos. Chegamos a San Cristovo e descendemos xunto ao río Oribio, cruzado por dúas pequenas pontes, mentras o noso trote discorre entre frondosos castiñeiros.

Chegamos a Samos, onde podemos cear troitas e anguías

Pasamos varias aldeas ata que chegamos a Samos, final da nosa etapa. Visitamos a capela mozárabe do Ciprés, declarada Monumento Nacional, chamada así pola corpulenta árbore que a acompaña.

E tamén o famoso mosteiro de San Xulián de Samos, declarado Bien de Interese Cultural, que conta con hospedaxe onde repoñer forzas e descansar. Chama a nosa atención a súa enorme dimensión e a súa variedade de estilos, debido a que se foi construíndo en varias épocas.

Durante a cea podemos degustar as afamadas troitas e anguías dos ríos Oribio e Sarria.

Día 3º

De Samos a Portomarín
  

Dende Sarria xa se gaña a “Compostela”, documento de orixe medieval que acredita a realización do Camiño

Despois do almorzo volvemos enselar os cabalos para ir deixando atrás o fermoso e fértil val de Samos e chegar a unha das localidades máis importantes do Camiño, Sarria. Se é cedo, pola Rúa Maior veremos unha fervedoira de peregrinos, pois xúntanse os que proceden de etapas anteriores cos que o inician aquí. Dende Sarria o peregrino xa gaña a “Compostela”, documento medieval que acredita a realización do Camiño e que só se obtén alegando motivos relixiosos. Se as motivacións son outras concederannos unha Certificación do Peregrino.

Descendemos a poboación e atravesamos a preciosa ponte da Áspera e logo continuamos por medio dunha antiga carballeira ata chegar a Barbadelo, onde podemos visitar a igrexa románica de Santiago, Monumento Nacional. Na vila paramos a comer.

Descansados seguimos a cabalgar mentres pasamos por distintos lugares ata chegar a Ferreirós, primeira poboación da Ribeira Sacra lucense. A paisaxe alterna aldeas típicas de teitos de lousa cos prados de vacas pastando. Máis adiante obtemos a primeira visión do río Miño no encoro de Belesar, que atravesamos pola ponte ata chegar a Portomarín, importante referencia xacobea.

En Portomarín é típica a empanada de anguía e a augardente

A antiga poboación de Portomarín asolagouse ao construírse o encoro, non sen antes trasladar pedra a pedra varios edificios, entre eles a igrexa de San Nicolao (antes de San Xoán), moi particular por ter estrutura de fortaleza e unha rica decoración exterior. É posible ver as ruínas da poboación e a antiga ponte aflorar das augas do encoro cando o seu nivel é baixo. Numerosos albergues e pousadas recíbennos na localidade.

Para cear non esquezamos que a empanada de anguía e a torta de améndoas, acompañada da afamada augardente de Portomarín, son pratos típicos desta cociña.

Día 4º

De Portomarín a Palas de Rei
   

Pola mañá cedo, tras un bo almorzo, empezamos a cabalgar e axiña nos introducimos por sendeiros entre masas de piñeiros e carballos. Pasamos polas aldeas de Castromaior, Ventas de Narón, A Previsa e Os Lameiros, onde está a capela de San Marcos, entre carballos centenarios.

Chegamos a Ligonde, onde pasaron a noite os peregrinos máis ilustres que o Camiño tivo no século XVI, Carlos V e o seu fillo Felipe II. De grande importancia foi o seu hospital e aínda hoxe se conserva un antigo cemiterio de peregrinos e unha gran cruz de pedra “O Cruceiro”, das máis representativas do Camiño.

Nesta poboación deterémonos a xantar; poderemos degustar cocido galego, churrasco ou carnes de tenreira ou cordeiro, sen esquecernos dunha sobremesa con queixo cremoso da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa.

En Palas de Rei visitaremos o Castelo de Pambre, a única fortaleza que resistiu os ataques irmandiños na Idade Media

Pola tarde, apartándonos do Camiño atoparémonos co mosteiro de Vilar de Donas, moi preto de Palas de Rei.

En Ligonde pasaron a noite
Carlos V e o seu fillo Felipe II,
os peregrinos máis ilustres que
o Camiño tivo no século XVI

As “donas” foron dúas mulleres nobres que fomentaron a súa construción. As súas figuras vense nas pinturas murais do século XIV que hai no seu interior. Arredor do templo atoparedes as tumbas dos cabaleiros da Orde Militar dos Cabaleiros de Santiago, encargados de protexer o Camiño. Palas de Rei atesoura múltiples e valiosos templos románicos, pazos e castelos medievais como o de Pambre, a única fortaleza que resistiu os ataques irmandiños na Idade Media.

Logo procuramos onde cear entre os varios restaurantes, mesóns e adegas da localidade, sen renunciar tampouco aquí a uns entrantes de queixo da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, tanto de granxa como curado.

A localidade conta con varios albergues e unha completa oferta de aloxamento.

Día 5º

De Palas de Rei a Arzúa
  

Almorzamos e enselamos os caballos na parte baixa da vila de Palas de Rei, coñecida como Campo dos Romeiros, ao lado da súa nave gandeira, onde dormen os equinos e se celebran as famosas feiras de gando e produtos agrícolas da zona.

Abandonamos a vila e pasamos polas preciosas poboacións de Aldea de Riba e San Xulián, sucadas de arroios e á sombra de antigos carballos. Estamos a cruzar as terras que inmortalizou Emilia Pardo Pazán na súa novela Los pazos de Ulloa.

Separándonos varios quilómetros do Camiño atravesamos a paisaxe da conca do río Pambre, co seu castelo; o río baña os seus cementos, onde vemos os muíños de auga, as pontes de madeira e a vegetación de ribeira.

Chegamos a Melide, famoso polos seu polbos á feira

Máis adiante, na aldea de Leboreiro, atopamos o lugar ideal para unha foto de grupo sobre o fondo dun cabazo, hórreo circular semellante a un canastro con teito de palla e a igrexa medieval de Santa María.
Axiña chegamos a Melide, atravesando a ponte medieval de Furelos, unha das xoias da arquitectura civil do Camiño. A vila é famosa polo seu tradicional polbo á feira, cuxa preparación aquí ten xusta sona e por iso pararemos a degustar unhas racións acompañadas de pan de centeo.

Na parroquia da Castañeda, en Arzúa,
localizábase os fornos de cal
para realizar as obras da Catedral de Santiago

Logo saímos de Melide en descenso, por medio de arroios e dun eucaliptal. Chegamos a Castañeda, onde se localizaban os fornos de cal para realizar as obras de construcción da Catedral de Santiago, que os peregrinos abastecían con pedras calcarias traídas nas súas bolsas dende as montañas do Cebreiro e Triacastela.

Pasamos Ribadiso, aldea onde se acha un dos albergues de peregrinos máis bonitos do Camiño, de casiñas rehabilitadas, lareira no comedor e un xardín con escaleiras directas ao río Iso.

Ao llegar a Arzúa atopamos todo tipo de servizos ao peregrino. Aquí ceamos e pasamos a noite.

Día 6º

De Arzúa ao Monte do Gozo
  

Abandonamos Arzúa despois do almorzo, onde poden servirnos as súas ricas rosquillas, melindres e un pouco do seu afamado queixo.

Tamén nos despedimos da igrexa da Magdalena e dunha preciosa alameda con plataneiros e os monumentos ao famoso queixo de tetilla. Cruzamos frondosos arboredos, pasando por Salceda e Arca, no concello do Pino.

Os xinetes faremos aquí unha parada para descansar e afrontar o último tramo ata A Lavacolla, onde antano os peregrinos se lavaban no río antes de entrar en Compostela.

Almorzamos e nos preparámonos para chegar a San Marcos e ao Monte do Gozo.

“Verás la maravilla del camino,
camino de soñada Compostela
-¡oh monte lila y flavo!-, peregrino,
en un llano, entre chopos de candela”
.
Antonio Machado

O Monte do Gozo é un lugar de indescriptibles emocións, pois é dende este outeiro onde se contempla o perfil das torres da catedral por primeira vez. Dende o Xacobeo 93 a zona acondicionouse con bonitas áreas de recreo dotouse de múltiples servizos dirixidos aos peregrinos: albergues, restaurantes, hoteis, bares, capela e fonte. É o lugar perfecto para compartir todas as anécdotas e vivencias do Camiño con compañeiros e outros peregrinos. E, por suposto, coroar o día cunha foto de grupo ante o monumento ao Peregrino, antes de cear e irnos descansar.

Día 7º

Debemos entrar na cidade de Santiago antes das nove da mañá
  

Tralo almorzo cabalgamos ata a cidade Santa de Santiago. As normas municipais establecen que a chegada dos peregrinos a cabalo debe ser anterior as nove da mañá.

Recalamos na impoñente Praza do Obradoiro, rodeados de pedra feita arte. Será o momento dunha última foto cos animais ante a magnífica fachada barroca da catedral, para que a organización se encargue do seu traslado.

Na Oficina do Peregrino recibimos a “Compostela”

Despois recomendámosvos que vos dirixades á Oficina do Peregrino, moi próxima á catedral, na Rúa do Vilar, para obter o selo final nas credenciais de peregrino e o certificado tradicional da peregrinación, a coñecida “Compostela”, se alegamos motivos relixiosos. Doutro modo concederannos a Certificación del Peregrino.

Aproveitamos para percorrer as fachadas catedralicias antes da Misa do Peregrino, celebrada no templo ás doce do mediodía. No seu interior podedes darlle o tradicional abrazo ao Apóstolo, no altar maior; visitar as súas reliquias, gardadas nunha urna de prata labrada na cripta; e marabillarvos ante a obra cumbre do románico, o Pórtico da Gloria. Se a vosa chegada se produce en datas litúrxicas sinaladas, entón asistiredes ao espectáculo inesquecible do botafumeiro, un incensario xigante que percorre o transepto nun voo pendular, case rozando a bóveda, grazas á forza e habilidade de oito tiraboleiros.

Na Misa do Peregrino
podemos asistir ao espectáculo do botafumeiro,
impulsado por oito tiraboleiros

E, para comer, os mellores peixes, carnes e mariscos de Galicia

Á hora de comer, Santiago ofrece o máis selecto da gastronomía galega. Na próxima Rúa do Franco atoparedes as mellores carnes, peixes e mariscos expostos en vitrinas refrixeradas e en acuarios ás portas dos restaurantes.

Pola tarde animámosvos a percorrer as rúas empedradas do casco antiguo, repledo de monumentos, museos, salas de exposicións e marabillosos parques urbanos que vos encantará descubrir, ata a hora de cear. O Santiago nocturno tamén é toda unha revelación cando as pedras e os edificios se deixan aloumiñar pola iluminación das farolas, que nos mergulla nun ambiente de irrealidade.

Día 8º

Contemplamos Santiago dende as cubertas da catedral
  

Despois de almorzar suxerímosvis aproveitar o último día na cidade para descubrir Santiago dende unha perspectiva inusitada polas cubertas da catedral.

Logo podedes terminar a estancia relaxándovos do esforzo do Camiño nun spa urbano. Moitos deles ofrecen circuitos termais específicamente dirigidos aos peregrinos, para que volvan aos seus fogares descansados e en plena forma.

Arriba
Axúdanos a mellorar!