Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

De Navia de Suarna ás Pontes de Gatín... portos de Ancares
O que ve Ancares, ve todos os lugares.
Dito popular

As amplas extensións dos Ancares permiten realizar un completo percorrido polos seus portos e vales. Lugar mítico da montaña galega, a súa natureza reloucante, orografía esgrevia e rico patrimonio etnográfico, fai desta comarca unha visita obrigada do oriente galego.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Navia de Suarna

Os Ancares é un dos principais sistemas montañosos de Galicia. Conxunto de serras, as espectaculares paisaxes de montaña ofrecen grandiosidade e contrastan co recollemento das súas aldeas. Lugar illado, comparte serras coas zonas extremas de Asturias e León, conformando unha das rexións menos poboadas da Península Ibérica.

Navia de Suarna é o punto de partida escollido para este itinerario. A Proba de Navia é a capital deste extenso concello e tamén o principal núcleo da zona. A súa traza na ribeira do río Navia desenvolveuse na contorna da Ponte Vella, de orixe altomedieval e durante anos o único paso sobre o río en moitos quilómetros á redonda.

De Navia ao Val de Rao

Seguindo o curso do Navia e da súa vexetación de ribeira, chégase ao desvío cara a Murias e Balouta, que nos afastará do val. O primeiro gran ascenso é o porto de Folgueiras de Aigas. Pasando a aldea de Munís, a serra de Larxentes amósase dura e a estrada, con bo firme, comeza a asomarse a grandes desniveis.

Camiño de Rao, o continuo subir e baixar permite fermosas perspectivas da serra. O val de Rao é un lugar perdido no tempo. Entre montañas que superan os 1000 metros, as pequenas aldeas acomódanse entre verdes prados e densa vexetación. Ao seu arredor as cortiñas e soutos remiten á economía agraria e gandeira da zona, con frecuentes invitacións a adquisición de mel e doutros produtos artesáns.

Murias é a aldea grande da zona. De singular arquitectura, o núcleo adaptase á ladeira de forma integral. Pouco despois, unha coqueta área recreativa permite descansar e gozar das vistas do seu miradoiro: unha impoñente caída sobre o río Rao que flúe fondo, encaixado.

Do Val de Rao ao Porto de Ancares

No camiño cara a Balouta entramos en Castela e León. Pouco importa, a paisaxe non entende de lindes e mantén toda a forza. Balouta é núcleo antigo. Similar a Piornedo pola presenza de pallozas pero posiblemente menos coñecido. Ancares ten estas cousas, é tan amplo que sempre queda algo por ver.

As última casas de Balouta son o inicio das ramplas do Porto de Ancares. De firme cambiante e ascenso continuado, esta subida levaranos aos 1648 metros de altitude, no límite entre Galicia e Castela e León. As vistas dende o miradoiro de Balouta pagarán a pena.

Silencio e calma.

Do Porto de Ancares a Doirás
Piornedo

O percorrido esixe que volvamos (brevemente) sobre o andado na procura do desvío cara a Suárbol e Piornedo. Auténtico catálogo vivo da arquitectura popular da montaña galega, Piornedo merece unha visita pausada.

En Cervantes, por Donís e Vilarello, temos algunhas das meirandes concentracións de frondosas de Galicia, un auténtico espectáculo de texturas e cores, que nos levaran á Campa da Braña, punto clave para os afeccionados ao montañismo e ao sendeirismo por ser inicio de fermosas rutas como a do Pico Tres Bispos (1794 m).

Doiras é intersección importante no noso itinerario. Un pequeno paseo permite a visita ao seu vello castelo baixomedieval, coñecido tamén como Torre da Ferrería.

De Piornedo a Pontes de Gatín
Gatin

As Pontes de Gatín, xa en Becerreá, supón a fin desta incursión na montaña oriental galega. De orixe antiga, a ponte daba sustento á Vía Romana XIX e conta cun miliario nun dos seus muros. Actualmente permite o tránsito peonil, deixando o tráfico rodado para unha ponte recente, nun agradable recuncho do río Navia co que rematamos a viaxe ancaresa.

Lenda de Ponte Gatín

A lenda da Ponte de Gatín di que dous namorados vivían en cadansúa ribeira separadas polas augas do río Navia. O demo pactou co home a creación dunha ponte a cambio de darlle a vida do seguinte nacido na aldea. O home enganou ao demo, ofrecéndolle uns gatos recén nacidos, evitando así o cruel destino para o fillo que agardaba coa súa namorada pero condenando aos gatiños. A ponte coñeceuse dende entón co nome de Gatín.

Non te podes perder

Porto de Ancares

Ancares designa un conxunto de serras. É frecuente que nestes casos o nome mais coñecido se aplique por extensión a toda a formación montañosa. Ancares é unha serra e tamén un val en Candín (León), contiguo ao val de Balouta e unido a través deste porto de Ancares.

Dende a cima, temos perspectivas das dúas vertentes: Por un lado, no sector norte o miradoiro de Balouta permite amplas vistas da aldea do mesmo nome, coas súas pallozas e coidados prados. De fondo as montañas ascenden a máis de 1700 metros, xa en terras de Asturias. Cara ao sur, o val de Ancares discorre alongado acompañando, dende abaixo á serra que alberga ao Mostallar (1934 m).

O porto de Ancares foi incluído en diversas ocasións na “Vuelta Ciclista a España”.

Arriba