Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

Da Pobra de Trives ás Ermidas... herdanza romana nas tierras del Bibei
Ládranlle os cás de palleiro
as néboas de medía noite
que, coma lobos famentos,
faíscan nivand'o monte...
Noite de inverno, Manuel Luís Acuña (poeta de Trives)

O río Bibei flúe pola provincia de Ourense ata empatar co río Sil. Nas voltas do seu percorrido atravesa as Terras de Trives, entre rochosas paredes nas que medran viñas históricas. Partindo da Pobra de Trives, descéndese ata a Ponte Bibei, expoñente máxima da herdanza romana na zona e que aínda a día de hoxe facilita o paso a Larouco e Valdeorras na procura do sorprendente destino final: o santuario das Ermidas, empoleirado nas rochas.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
A Pobra de Trives
Entroido

O encaixado val do río Bibei define este itinerario dividindo en dous o percorrido e artellando un territorio montañoso pero de fortes contrastes climáticos.

A Pobra de Trives é o punto de orixe do percorrido e tamén a principal vila da comarca. O núcleo antigo, que conserva vellas e estreitas rúas, foi paso da Vía XVIII romana ou Vía Nova que unía Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). A emblemática Torre do Reloxo na praza do mesmo nome pode ser-vir de punto de partida, non sen antes degustar a deliciosa bica de Trives, biscoito de sobremesa de obrigado desfrute nestas terras.

Da Pobra de Trives ao val do río Bibei
Paisaxe

A vella estrada que une Ourense con Ponferrada deixa a vila e transcorre entre mestos soutos que nos lembran a relevancia da castaña nestas terras. A continua baixada ábrese ao val do Bibei e a frondosidade da vexetación deixa paso aos socalcos que ocupan a vertente cara ao río. A orientación á solaina e a protección no encaixe do val permiten a existencia dun microclima que resulta idóneo para o cultivo das vides de variedades Godello e Mencía.

A estrada vai salvando o desnivel, volta tras volta, ata chegar a carón do río. Na parte máis fonda do canón do Bibei, e a pouco máis de 300 metros de altitude, atópase a ponte romana do Bibei, flanqueada por diversos miliarios atopados na zona.

Do val do río Bibei ao santuario das Ermidas

Dende este punto toca remontar todo o baixado anteriormente, nun continuo subir polo alto da Ermida até alcanzar Larouco, sempre coa compaña ao lonxe de Cabeza de Manzaneda.

A parte final do percorrido, xa no concello do Bolo é unha fermosa baixada cara ás Ermidas, na procura do reencontro co río Bibei. As condicións climáticas excepcionais, de tendencia mediterránea, permiten a presenza de vides e oliveiras e mesmo de exemplares de sobreiras e érbedos.

Santuario da Nosa Señora das Ermidas

O santuario da Nosa Señora das Ermidas localízase ao final do núcleo, incrustado literalmente nos bolos graníticos que bordean a parte superior da aldea. Edificado no século XVII por mandato do bispo de Astorga (Diocese á que pertence) foi declarado Ben de Interese Cultural en 2006. A fachada, datada entre 1713 e 1726, é un dos grandes expoñentes do barroco galego.

A posición das Ermidas, entre os afloramentos rochosos e o inicio do canón do Bibei, outórganlle un marco paisaxístico inmellorable e cambiante segundo a estación do ano na que se visite.

Non te podes perder

A ponte romana do Bibei

O canón do Río Bibei agocha unha xoia arquitectónica, a ponte Bibei, maxestosa obra granítica de tres arcos, 75 metros de lonxitude e elevada máis de 20 metros sobre as augas do río. A ponte, da época do emperador Traxano, foi punto clave da Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario Antonino. Construída, aproximadamente, entre o anos 114-119 d.C. segue en pleno funcionamento, sendo a única ponte da súa época (xunto coa do Freixo sobre o río Arnoia) que conserva practicamente intacta a súa estrutura orixinal, pese ás diversas remodelacións.

Os condicionantes técnicos van dende a propia elección do punto no que se debe superar o leito do río até a propia xeometría da construción. O trazado da propia Vía Nova está condicionado neste treito pola ponte, salvando o desnivel mediante unha sucesión de curvas de ferradura.

A perfecta integración da obra na súa contorna é a mellor mostra do bo facer dos enxeñeiros romanos na busca da eficiencia na intervención; e os case 2000 anos de antigüidade exemplifican a calidade da obra.

A Ponte Bibei foi declarada Monumento Histórico-Artístico en 1931 e, ao seu carón, consérvanse un miliario romano da época de Vespasiano (79-81 d.C.) e unha columna de Traxano en referencia á obra da propia ponte.

Arriba