Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

De Avión ao miradoiro das Tres Rías... do Suído ao Cando
Lambe orballiñas
e asubiar asubía
...asubía o vento
escoitade:
Suído.
Xosé Luis Santos Cabanas

As serras do Suído e do Cando conforman o sector meridional da denominada Dorsal Galega, sistema montañoso que atravesa o centro de Galicia con disposición norte-sur. Cunha posición privilexiada, a medio camiño entre o Ribeiro e as Rías Baixas, estas montañas sorprenden pola súa paisaxe, patrimonio singular e contactos culturais con América, froito dos procesos migratorios.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Avión

Avión é unha pequena vila en tamaño pero de resonancia en Galicia. Historicamente as xentes destes vales entre montañas procuraron un mellor futuro na emigración, fundamentalmente en México. A colonia galega do outro lado do Atlántico prosegue cos descendentes dos que partiron e, a día de hoxe, xeran un interesante fluxo cultural e económico que a converten nun lugar singular, con influenzas arquitectónicas, gastronómicas e mesmo lingüísticas de procedencia americana.

De Avión á Serra do Suído
Emigracion

Partindo desta pequena vila de Avión, comezamos o percorrido que nos irá levando entre carballeiras e aldeas, unha paisaxe representativa do interior galego. Tras unha serie de desvíos en Abelenda, a chegada a Rodeiro marca o inicio do ascenso á serra do Suído.

O Coto dos Xarotos é un porto de montaña que supera os 1000 metros de altitude. Destaca polas súas costeiras ramplas, especialmente no tramo coñecido como Outeiro Malato con múltiples curvas de ferradura. Xa no curuto, o parque eólico marca o punto alto da serra.

As peculiaridades climáticas das serras do Suído e O Cando teñen explicación pola súa localización xeográfica, sendo o primeiro cordal montañoso que atopan as frontes atlánticas que penetran polas rías e vales fluviais até bater con estas paredes, o que convirte a esta zona na de máis elevada pluviosidade de Galicia. Estas condicións xeran un hábitat no que predominan os afloramentos rochosos e as matogueiras nas zonas de maior altitude, brañas e zonas húmidas nas chairas, fragas e bosques autóctonos nas ladeiras e numerosos cursos fluviais. Ríos medios como o Avia, Verdugo, Oitavén ou Tea nacen nestas serras.

Baixando do Suído
Carballeira

Baixando do Suído por terras da Lama, a chegada á capela e carballeira das Ermidas supón un cambio de rumbo indo agora cara ao norte en dirección á serra do Cando. A sucesión de aldeas de arquitectura tradicional condúcenos polo val do río Verdugo até a Barcia do Seixo.

Dende aquí o ascenso esixe precaución ao tratarse dun camiño de terra. O pequeno esforzo paga a pena por todo o que imos atopar na cima: a montaña máxica.

Subida á serra do Cando

A serra do Cando conta con numerosos elementos de interese, ecolóxicos, paisaxísticos e estéticos, pero acada unha gran singularidade pola forza telúrica do monte do Seixo, montaña considerada como máxica pola tradición da zona. A cruz do Seixo preside a entrada na serra. A partir dela aparecen rochas de curiosas formas e profundos significados: Portalén coa súa disposición en forma de porta habilita un paso cara o máis alá, a porta do alén, permitíndonos introducirnos no mundo dos mortos. Esta porta ábrese unha vez ao ano, o día 1 de novembro, día de defuntos. Cómpre atravesala de norte e a sur e sobre todo retornar á inversa dado que, segundo a lenda, corremos o risco de quedar atrapados no mundo dos mortos. O Marco do Vento é unha descomunal rocha granítica de máis de cinco metros de altura, disposta a modo de pedra fita como un gran menhir. O conxunto megalítico caracteriza unha paisaxe de montaña desgastada polos ventos e a auga. A capela de Santa Mariña, solitaria no verdor do cordal, sacraliza un lugar de cultos remotos.

As grandiosas vistas poden gozarse dende diversos puntos da serra debido á súa disposición, pero acadan especial espectacularidade dende o miradoiro das Tres Rías, punto final do noso percorrido. Dende aquí entre muíños eólicos e gando, pódense enxergar ao lonxe as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, distinguindo (en días claros) como a ponte de Rande ou as illas Cíes.

Non te podes perder

Os chozos do Suído

As néboas e a humidade forman parte do encanto do Suído, xunto coas texturas da vexetación propia de montaña e a presenza de gando en liberdade. A conxunción de elementos fan deste espazo un lugar moi representativo das serras medias galegas.

A humidade das zonas altas garante a presenza de pastos de montaña, razón pola que historicamente sempre houbo pastoreo e gandería extensiva.

Este aproveitamento da serra levou á construción dos chozos, edificacións sinxelas e xeralmente de pequeno tamaño con paredes a base de cachotería de granito e teitos de laxas. A súa utilidade era dar acubillo tanto a pastores como ao gando, que contaba con cortellos propios. Son frecuentes tamén os peches de lousa delimitando o espazo de pastoreo de cada familia e os curros e sesteiros para acomodar o gando.

Arriba