Saída de Ourense

Comezaremos o noso percorrido en Ourense, e tomaremos a N-540 (Ourense-Lugo), ata Chantada, onde admiraremos o seu casco histórico, cos famosos soportais. Seguidamente tomaremos o Corredor Rápido Monforte-Lalín (CRG-22), e un pouco despois da nova ponte sobre o río Miño veremos, á dereita, un indicador que sinala a Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, magnífico exemplo do románico característico da Ribeira Sacra. A igrexa, que se adapta perfectamente á pendente rochosa, domina o val do Miño, e dende ela pódese ver o encoro de Belesar. Ademais de admirar o monumento, gozaremos dunhas panorámicas extraordinarias sobre a ladeira oeste do Miño, chea de socalcos de arriba a abaixo.

Se volvemos sobre os nosos pasos, e chegamos de novo ao cruzamento co CRG-22, teremos dúas opcións. Poderemos visitar —augas arriba da presa de Belesar— as igrexas de Santa María de Pesqueiras e San Vitoiro de Ribas de Miño, así como a famosa igrexa de San Nicolao de Portomarín, que foi desmontada pedra a pedra e montada de novo, por mor da construción do Encoro de Belesar. Se dispoñemos de menos tempo, seguiremos o indicador que nos levará ata San Paio de Diomondi, igrexa do século XII que se pode visitar os domingos ás 12 horas, durante o servizo relixioso.

Cabo do Mundo

Seguindo por terras do Saviñao, e avanzando cara ao sur polo curso do Miño, chegaremos a un cruzamento, onde deberemos virar á dereita, seguindo as indicacións que nos levarán á igrexa de San Martiño da Cova. Esta xoia do románico está situada no lugar chamado “Cabo do Mundo”, nun impresionante meandro que o Miño describe ao sur dos concellos de Chantada e O Saviñao.

Avanzando cara ao sur, e entrando xa no concello de Pantón, chegamos á zona de maior densidade de románico de toda a Ribeira Sacra. A nosa primeira parada será San Miguel de Eiré, pequena pero esvelta igrexa que poderemos visitar se pedimos a chave nunha casa particular, como se indica á entrada da propia igrexa. Dende Eiré, é obrigado visitar tres xoias do Románico: Santo Estevo de Atán, San Vicente de Pombeiro e San Fiz de Cangas. Para a primeira debemos baixar de novo cara ás ribeiras do Miño. Para ver San Vicente de Pombeiro deberemos chegar ata Os Peares, e coller alí unha estrada cara á esquerda, regresando despois de novo a Atán. Por fin, dende Atán tomaremos durante un breve treito a N-120 (Ourense-Monforte), desviándonos un pouco antes de Ferreira de Pantón para visitar San Fiz de Cangas.

Dende alí tomaremos dirección a Monforte, para chegar ao Castro de Ferreira (Pantón), onde visitaremos o Mosteiro das Bernardas de Ferreira, que xa existía no século X, rexéndose pola orde de San Bieito. Hoxe só se conserva a igrexa do antigo cenobio feminino, unha construción de grande sinxeleza arquitectónica. Despois destas visitas, continuando pola N-120, tomaremos un desvío en dirección á estación de ferrocarril de Canaval. Tras admirar a igrexa de San Pedro de Canaval, visitaremos Santa María de Proendos e Santa María de Bolmente, percorrendo unha estrada local que parte da capital municipal de Sober.

Se seguimos por esa mesma estrada, atoparemos as igrexas de San Vicente de Pinol e San Xiao de Lobios, para regresar finalmente sobre os nosos pasos á N-120, e volver a Ourense.

Arriba
Axúdanos a mellorar!