De Monforte a Chantada

Partindo de Monforte, tomaremos a antiga N-120 ata Ferreira de Pantón, onde visitaremos o Mosteiro das Bernardas, tras admirar a igrexa de San Miguel de Eiré, a só tres quilómetros. Continuando en dirección Escairón (O Saviñao) colleremos unha desviación para visitar a igrexa de San Martiño da Cova, nunha fermosa paraxe. Desde aí seguiremos en dirección Escairón ata tomar o Corredor Rápido en dirección Chantada. Chegando ao Miño debemos estar atentos á indicación do lugar de Belesar, localidade ben conservada no fondo do val. Alí poderemos coller o catamarán e logo achegarnos a Chantada.

De Chantada a Monforte

Despois da visita e paseo pola zona vella de Chantada, o retorno a Monforte farémolo polo mesmo corredor rápido, podendo parar nas igrexas románicas de Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi, moi cerca da ponte sobre o río Miño, gozando das fermosas vistas na primeira e das fragas frondosas de Diomondi. Estas son só algunhas das moitas igrexas e mosteiros presentes nestes concellos do sur de Lugo. Para visitalas debemos coller desvíos ben sinalados que nos apartan pouco da estrada principal, volvendo comodamente a Monforte.

Arriba
Axúdanos a mellorar!