Pola ribeira do Sil

Podemos comezar a ruta desde Monforte ou desde Ourense collendo a estrada N-120, e tomando nos Peares a estrada de servizo das presas hidroeléctricas, que nos levará pola marxe sur do río Sil. Esta estrada, construída polas compañías hidroeléctricas, é privada, pero permítese a libre circulación de vehículos particulares. Despois dun percorrido ao mesmo nivel do río, a estrada comeza unha subida cara a Luíntra. Antes de chegar a esta poboación atoparemos un desvío á dereita que nos levará ata o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Actualmente o Mosteiro pertence á rede de Paradores de Turismo, pero pódense visitar libremente os tres claustros, a igrexa e un centro de interpretación do mesmo situado na planta baixa.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Parada de Sil

Volveremos sobre os nosos pasos e tomaremos a estrada xeral de Luíntra a Parada de Sil. Na entrada deste núcleo atoparemos un desvío á esquerda que nos conducirá ata o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, ao que se accede a través dunha pista asfaltada. Regresando de novo cara a Parada de Sil (onde podemos achegarnos ao magnífico miradoiro dos Balcóns de Madrid), tomaremos a estrada que, por Hedrada, nos leva ata Vilariño Frío, no cruzamento coa antiga estrada comarcal de Ourense a Ponferrada.

O noso seguinte obxectivo é o Mosteiro de Santa María de Montederramo, parte do cal foi convertido en colexio. Para chegar ata Montederramo percorreremos uns quilómetros en dirección a Trives, e colleremos unha estrada local á dereita, que se interna cara a Montederramo e á Serra de San Mamede.

Ata Ourense

Volvendo despois sobre os nosos pasos, e seguindo a vella estrada comarcal, esta vez cara a Ourense, pasaremos por Vilariño Frío e o Alto do Rodicio, dende onde poderemos apreciar unhas grandiosas vistas sobre o val de Maceda. En plena baixada, tomaremos un desvío cara á dereita para achegarnos a Xunqueira de Espadanedo, onde admiraremos o seu mosteiro.

San Pedro de Rocas será o seguinte punto de interese, no concello de Esgos. Este é un valioso conxunto que cativará ao viaxeiro pola fusión entre medio natural e patrimonio histórico, testemuño do asentamento nestas terras dos primeiros monxes, coas tumbas labradas na rocha. Para iso volveremos á estrada comarcal, pasaremos a capital municipal de Esgos, e tomaremos un desvío á dereita, que nos levará directamente a este especial punto de interese patrimonial.

 

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba