Ruta dos Encoros en catamarán

O relevo encaixado que caracteriza os trazados fluviais do Miño e o Sil na Ribeira Sacra levou á construción de presas e ao aproveitamento hidroeléctrico dunha grande parte dos seus tramos. Durante os anos 50 e 60 construíronse os catro grandes encoros desta zona: Belesar e Os Peares no río Miño, e San Pedro e Santo Estevo no Sil.

As fortes pendentes e os desniveis, a existencia de grandes masas de vexetación autóctona, e unha intensa ocupación humana do espazo mediante os socalcos, son elementos que confiren un grande atractivo ao percorrido polos vales fluviais citados. Estamos diante dos denominados “mares interiores de Galicia”. Os encoros de Belesar, Os Peares e Santo Estevo remansan as augas do Miño e do Sil, permitindo a navegación a pasaxeiros nos famosos “catamaráns”. A bordo destas modernas embarcacións pódese apreciar o espectáculo único dos canóns dende o seu fondo, convertendo a navegación nun pracer para os sentidos.

Existen varios servizos de catamaráns en funcionamento, no río Miño e no río Sil. Os do río Miño saen da localidade de Belesar e descenden ao longo do val do Miño, rodea a illa fluvial de Sernande para regresar logo a Belesar. O Miño discorre profundamente encaixado por terras de Chantada, O Saviñao, Carballedo e Pantón, nunha paisaxe onde o viñedo é o protagonista nas vertentes de sollío, mentres que carballeiras, soutos e bosques de variadas especies poboan as ladeiras de avesedo.

O canón do Sil é máis encaixado que o do Miño, con paredes verticais en moitos casos dunha grande espectacularidade. Existe un catamarán que parte do embarcadoiro de Santo Estevo, no encoro do mesmo nome. Este catamarán fai o percorrido remontando o encoro ata San Fiz, facendo logo a volta. Os outros servizos saen de Abeleda en Castro Caldelas, de Ponte do Sil en Monforte de Lemos e do embarcadoiro dos Chancís en Sober.

Estas viaxes polo encoro de Santo Estevo permiten apreciar a totalidade dos tramos espectaculares do canón que o Sil foi escavando, ao longo dos concellos de Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira (os tres na parte de Ourense) e Sober (Lugo). Así mesmo, pódense apreciar os cortados rochosos e a exuberante vexetación que en moitos casos é propia do clima mediterráneo, como se comproba coas aciñeiras, difíciles de atopar en Galicia.

Cómpre lembrar que os servizos e horarios sofren variacións en función do mes. É aconsellable informarse e reservar os billetes con anterioridade ao desprazamento.

Ligazóns de Interese:

Deputación de Lugo: https://reservas.rutasembalses.es/

Consorcio de Turismo Ribeira Sacra: https://turismo.ribeirasacra.org/es/rutas-fluviales

 

Ruta dos encoros en coche

Por suposto, tamén é posible percorrer os encoros en coche, seguindo as estradas que ofrecen excelentes vistas panorámicas sobre os vales do Miño e o Sil. Podemos realizar unha excelente ruta con orixe e destino en Monforte de Lemos.

Para iso, en Monforte de Lemos deberemos tomar o Corredor Rápido CGR-22 Monforte-Lalín. Tras cruzar o Miño, e coa presa de Belesar á dereita, deberemos estar atentos a un desvío á man esquerda, que nos permite descender en pronunciada pendente ata a localidade de Belesar, a través de socalcos primorosamente cultivados onde o viñedo é o protagonista. É sobre todo no outono cando a gama de cores das follas regala ao viaxeiro un auténtico espectáculo, con reflexos prateados na auga do río.

Para continuar percorrendo o val do Miño, deberemos subir en dirección a Chantada, a través dunha estrada empinada con moitas curvas. Despois de pasar a parroquia de Líncora, colleremos cara á esquerda a estrada que percorre toda a marxe dereita do Miño, até Os Peares, por terras de Chantada e Carballedo. Na maior parte do traxecto hai boas vistas sobre o val do Miño, sobre todo nas proximidades do meandro que o Miño describe no límite entre Chantada e O Saviñao, denominado “Cabo do Mundo”.

Nos Peares, onde se produce a tripla confluencia dos ríos Miño, Sil e Búbal, poderemos seguir percorrendo estes impresionantes canóns da Galicia interior, agora seguindo o curso do río Sil. Tomaremos para iso a estrada de servizo das presas hidroeléctricas á que xa aludimos con anterioridade. Aos poucos quilómetros chegaremos á confluencia do río Cabe —que tamén está fortemente encaixado—, e veremos as primeiras instalacións das estacións transformadoras do Encoro de Santo Estevo. Continuando pola estrada, chegaremos pronto á boca da presa, e subiremos despois ata enlazar coa estrada de Nogueira de Ramuín á Teixeira.

Ao longo desta estrada, teremos magníficas vistas sobre os tramos máis encaixados do Sil. Sucesivamente poderemos ir visitando mosteiros como Santo Estevo e Santa Cristina, e tamén miradoiros como os Balcóns de Madrid. Por outra banda, parroquias como Sacardebois ou Cristosende conservan un casarío tradicional que realza as espectaculares vistas. O encaixado val do río Mao e os socalcos de viñedos completan una paisaxe agarimosa que guiará ao viaxeiro até A Teixeira, pequena capital de concello dende a que hai excelentes vistas sobre o val do Sil.

É posible agora achegarse ao Castro de Caldelas, o mellor miradoiro natural sobre todo este espazo. A vila, co castelo, domina un alto de estratéxica localización sobre o tramo máis encaixado do Sil. Tanto se imos como se non ao Castro de Caldelas, deberemos tomar a estrada comarcal que nos levará a Monforte de Lemos, cruzando o Sil por Abeleda. É na vertente luguesa, que mira cara ao sur, onde atopamos as maiores extensións de viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, así como varias adegas que é posible visitar. Despois dun percorrido cheo de atractivo, chegaremos a Monforte, onde finalizaremos esta ruta circular.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!