Unha aventura de cinco días que une o esplendor termal de Galicia coa beleza do Camiño de Santiago. Despois de realizar un tramo diario do Camiño Francés, o esgotamento compensarase con tratamentos relaxantes en balnearios.

Cada día combinaremos un tramo desta ruta xacobea por Galicia co descanso e a relaxación en balnearios, que reviven a idade de ouro do termalismo con modernas instalacións wellness adaptadas ás esixencias do século XXI

Esta proposta irmanda o Camiño de Santiago coa riqueza balnearia de Galicia para que corpo e espírito aproveiten o mellor de ambos. O Camino Francés é a vía de peregrinación a Santiago máis coñecida, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa e Premio Príncipe de Asturias da Concordia. Cada día combinaremos un tramo desta ruta xacobea por Galicia co descanso e a relaxación en balnearios, que reviven a idade de ouro do termalismo con modernas instalacións wellness adaptadas ás esixencias do século XXI.

Máis información...
-Balneario Río Pambre (Palas de Rei). www.balnearioriopambre.com
-Albergue Los Caminantes (Arzúa). www.albergueloscaminantes.com
-Queixo Arzúa-Ulloa. www.arzua-ulloa.org
-Balneario de Compostela (Brión). www.hbcompostela.com
-Catedral de Santiago. www.catedraldesantiago.es

Día 1º

Augas termais rodeadas de natureza en Palas de Rei

O noso punto de partida será a poboación de Palas de Rei, na comarca da Ulloa, pleno centro xeográfico de Galicia. Atravésana dúas vías principais: a LU-231 e a N-547. Esta última conecta Lugo con Santiago de Compostela.

Un balneario á beira dun río
Será conveniente chegar a primeira hora da tarde para gozar do seu patrimonio, das instalacións termais do balneario e da gastronomía do territorio. É un punto emblemático do Camiño Francés, por iso conta con hoteis, casas rurais, pensións, albergues e co Hotel Balneario Río Pambre, con categoría de tres estrelas, que aloxa a estación termal do lugar.

Atoparedes o desvío ben sinalizado dende a N-547. Nada máis chegar apreciaredes a arquitectura tradicional da zona. O edificio principal do balneario é de pedra, madeira e lousa. A construción dos outros dous, máis pequenos, imita ás  pallozas, con planta circular e teito de palla. O conxunto, subido na ladeira do río Pambre, rodéase de xardín e áreas de paseo, dentro dun contorno de bosque autóctono coas augas cristalinas do río discorrendo ao fondo.

Visita ao Castelo de Pambre
Dende as instalacións divísase o castelo de Pambre. Dende aquí pódense tomar boas panorámicas da súa gran torre cadrada de tres plantas, flanqueada por outras catro de menor altura, todas ameadas en punta ou en triángulo e unidas por unha muralla. Esta fortaleza, icona da arquitectura militar medieval de Galicia e un dos poucos superviventes das revolucións irmandiñas, levantamentos de campesiños contra o poder señorial ocorridos durante o século XV, merece unha visita. Podedes ir paseando dende o balneario, acompañados da sombra e a protección de árbores centenarias

Un circuíto termal antes da cea
Trala visita recomendámosvos regresar ao balneario e realizar un circuíto termal nas súas augas sulfuradas, fluoradas e bicarbonatadas, indicadas para mellorar as funcións do aparato locomotor e respiratorio, moi aconsellables para afrontar a primeira etapa do Camiño ao día seguinte. Logo podedes descansar na área de repouso contemplando as vistas ao bosque e ao río ata antes da hora de cear.

O rei da gastronomía local é o queixo con Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. Unha táboa que combine o curado e o de granxa, máis fresco e cremoso, pode ser un entrante ideal a un prato da excelente carne desta zona, eminentemente gandeira.

 

Día 2º

O Camiño entre Palas de Rei e Arzúa

En Galicia existen axencias de viaxes que poden organizar os traslados entre os aloxamentos e os balnearios e cada inicio e fin de etapa, así como encargarse do transporte da vosa equipaxe e procurarvos un vehículo de apoio ao longo de toda a ruta. Recomendámosvos acudir a elas ou solucionalo por conta propia a través de servizos de taxi ou alugueiro de vehículos.

Calquera itinerario do Camiño iníciase cunha pequena madruga que será máis levadeira grazas a un bo almorzo. Durante esta xornada faremos a etapa do Camino Francés entre Palas de Rei e Arzúa. Un vehículo achegaranos ata San Xulián do Camiño, onde comezamos a camiñada ao lado da súa igrexa románica e o seu cruceiro. Ata Melide non é un tramo doado pero a súa beleza recompensaranos.

Un hórreo circular con teito de palla
Entre Ponte Campaña e Casanova asombraranos o paso entre un espectacular bosque de ramas retorcidas que parece recrear o imaxinario de Tolkien. A poboación de Leboreiro é a primeira parroquia coruñesa da etapa, un fito no Camiño polo seu cabazo, un hórreo circular semellante a un gran canastro trenzado con teito de palla. Coa igrexa románica de Santa María ao fondo proporciónanos a escenografía perfecta para inmortalizar cunha foto o noso paso por aquí. A antesala de Melide é a ponte medieval de Furelos, considerada unha xoia da arquitectura civil do Camiño.

En Melide, polbo á feira e os seus doces típicos
Xa en Melide alcanzamos a fermosa praza empedrada do Convento, centro do casco histórico, onde se citan o antigo hospital de peregrinos, o convento de Sancti Spiritus e un pazo do século XVIII que alberga o Concello.

Se tenemos fino olfacto notaremos nas rúas os aromas dos fornos tradicionais, que amasan os típicos melindres, os ricos e os amendoados. Reservando estes exquisitos doces para a sobremesa non podemos renunciar ao costume de tomar aquí unhas racións de polbo á feira, famosas por ser das máis saborosas de Galicia.

Visitamos un bonito albergue en Arzúa
Abandonamos Melide pola Rúa Principal con intención de completar a etapa ata Arzúa. É un tramo doado e en bo estado, que intercala sendeiros e pequenas estradas entre as poboacións. En ocasións sentirémonos como dentro dunha postal, por exemplo tras pasar Carballal, onde a paisaxe se rodea de eucaliptos, especies de folla caduca e prados ata o paso empedrado do río Catasol
En Ribadiso suxerímosvos que visitedes un dos albergues máis bonitos do Camiño Francés. É un conxunto de casiñas rehabilitadas e un gran xardín con escaleiras directas ao río, onde podedes darvos un baño se é verán.

Xa en Arzúa pódenos recoller o vehículo no lugar convido para regresar ao balneario de Palas de Rei, onde vos suxerimos acompañar o tratamento termal cunha masaxe que vos deixe como novos antes de cear e vos asegure un bo descanso.

Día 3º

O Camiño, de Arzúa a Arca

Tralo almorzo desprazarémonos en coche ata o inicio de etapa en Arzúa, co obxectivo de chegar á poboación de Arca, situada en el término municipal de O Pino

A maior parte do Camiño discorre por este concello, con moitos tramos entre prados, carballos, eucaliptos e cultivos de millo arredor de pequenas aldeas como A Calzada, Ferreiros, A Salceda, A Brea o Santa Irene. Aquí podemos achegarnos á súa coqueta ermida dedicada á santa portuguesa, xunto a unha fonte de augas curativas rodeada por frondosas árbores.

Trala aldea de A Rúa Chegaremos a Arca, a capital de O Pino, ben entrados na hora de comer. Mesóns, restaurantes e asadores inclúen nas súas cartas produtos autóctonos, entre os que destaca a carne de galiña piñeira, unha raza autóctona cuxo sabor se define entre o polo de curral e a ave de caza, e que resulta perfecta para pratos de guiso, salteado e forno.

Relaxámonos da camiñada no balneario de Compostela, en Brión
Trala comida seguro que vos apetece unha tarde de relax e repouso. Un dos balnearios máis próximos está no O Tremo, no concello de Brión. Chégase en media hora en coche pola N-634, despois a AP-9 para circunvalar Santiago e, finalmente, a AG-56 en dirección Noia.
O balneario atópase nas instalacións do Hotel-Balneario de Compostela, construídas sobre o histórico manancial de Nosa Señora dos Anxos. O seu percorrido termal inclúe un circuíto indicado para mellorar a circulación nas pernas, que pode sernos de gran alivio trala camiñada. Tamén podedes solicitar unha masaxe ou un tratamento específico.

Despois, unha pequena sesta servirá para restituírnos totalmente do esforzo realizado. Ademais do hotel, na zona existe unha oferta de establecementos rurais de calidade onde aloxarse. Para cear podedes quedarvos no propio hotel ou nos restaurantes e bares da próxima poboación de Bertamiráns.

Día 4º

O Camiño, do Pino a Santiago

Despois de almorzar trasladámonos en coche ata o albergue de Pedrouzo, no municipio do  Pino, punto de saída para a última etapa do Camiño Francés a Compostela.

Trala poboación un sendeiro cuberto polas follas intérnanos nun bosque de eucaliptos ata a aldea de Santo Antón, dende onde ascendemos cara ao concello santiagués por outro bosque de piñeiros e eucaliptos reforestados que aparecen xuntos e aliñados, con algúns carballos.

Trala última aldea do Pino, un monólito esculpido co bordón, a cabaza e a vieira anúncianos a entrada no concello de Santiago. Despois de rodear o perímetro do aeroporto compostelán comeza un descenso cara á Lavacolla, onde cruzamos o río Sionlla. Antano os peregrinos despoxábanse aquí das súas vestimentas e lavábanse antes de chegar á cidade do Apóstolo.

Antano os peregrinos
lavábanse no río Sionlla
antes de chegar a Santiago

Dende o Monte do Gozo vense as torres da catedral por primeira vez
Xa estamos preto do Monte do Gozo, unha elevación onde as torres da Catedral de Santiago asoman aos ollos emocionados dos peregrinos por primeira vez no Camiño. Con motivo do Xacobeo 93 o lugar reconverteuse nunha extensa e bonita zona que presta todos os servizos ao peregrino.

Conta cun grande albergue, restaurantes, hoteis, bares, capela e unha fonte. Será o lugar indicado para repousar, comer e compartir con decenas de peregrinos as nosas sensacións e experiencias na ruta xacobea. Unha foto de despedida xunto ao monumento ao peregrino que se alza na cima do promontorio será un agradable recordo.
Coa emoción e a imaxe da catedral na retina aconsellámosvos regresar ao balneario e gozar o resto da tarde dos seus espazos termolúdicos ou dun tratamento de hidroterapia ou masoterapia, culminado cunha pequena sesta antes de cear.

 

Día 5º

O último tramo do Camiño Francés en Santiago

Atravesamos rúas e prazas cheas de encanto
Tralo almorzo aconsellámosvos limitar a mañá ao tramo urbano do Camiño Francés en Santiago, que comeza na prolongada Rúa de San Lázaro, que enlazaremos coas rúas do Valiño, As Fontiñas e Os Concheiros, que conecta coa Rúa de San Pedro.

Esta rúa ten un auténtico sabor medieval, polos seus edificios de pouca altura e de pedra escurecida polo tempo e a choiva. Non obstante, atoparédela alegre e chea de vida, animada por un comercio moi activo e de calidade, onde destacan as súas tendas de artesanía, cafeterías e onde os bares e tascas de toda a vida comparten beirarrúa coas propostas máis modernas no mundo da restauración.

Despois atravesamos a Porta do Camiño, paso que aínda conserva o nome dunha das portas da extinta muralla medieval que rodeaba Santiago. Ascendemos pola Rúa das Casas Reais,onde nos saen ao paso as súas casas brasonadas e a igrexa das Ánimas. Fixádevos no seu baixorrelevo sobre a portada que mostra unha expresiva imaxe das almas do purgatorio en chamas.

Alcanzamos a Praza de Cervantes, que adoita bulir de actividade pois nela desemboca unha das rúas comerciais máis activas do casco histórico, O Preguntoiro. Logo descendemos pola Rúa da Acibechería, que debe o seu nome aos artesáns que tallaban o acibeche. Hoxe séguense a ver fermosas pezas desta pedra nos escaparates. Máis adiante, á nosa dereita álzase o Mosterio de San Martiño Pinario e a Praza da Inmaculada, que revela a fachada norte da catedral, á esquerda.

Compostela aínda conserva
multitude de tendas
dedicadas ao acibeche

O máxico descenso polas escaleiras baixo o arco do Pazo de Xelmírez, xeralmente acompañado pola música que tocan os artistas que buscan aquí o seu refuxio, é paso previo á Praza do Obradoiro. E aquí por fin, ante os ollos eríxese como suspendida no ceo a magnífica fachada barroca da Catedral de Santiago. Para entón a emoción, seguramente compartida con decenas de peregrinos, será difícil de describir.

A Misa do Peregrino celébrase ás doce do mediodía
Chegaremos a tempo de escoitar no interior do templo a Misa do Peregrino, que se oficia todos os días ás doce do mediodía. Se coincide en datas litúrxicas sinaladas, o marabilloso espectáculo de ver voar o botafumeiro será un recordo imborrable. Tamén podemos darlle o tradicional abrazo ao Apóstolo, ascendendo ao camarín do altar maior e visitar as súas reliquias na cripta situada baixo o mesmo.

A mellor gastronomía galega, concentrada na Rúa do Franco
O noso último día en Santiago pode concluír gozando dos manxares da gastronomía galega. Na próxima Rúa do Franco acharemos unha síntese das mellores carnes, mariscos e peixes, que se expoñen en vitrinas refrixeradas ás portas dos restaurantes. Ademais de comer de prato, aquí é costume pedir racións variadas, que nos permiten degustar moitos sabores e preparacións.

Arriba