As vilas termais de Laias e O Carballiño bríndannos as propiedades salutíferas das súas augas mineiromedicinais. Combinaremos esta experiencia coa riqueza vitícola das terras do Ribeiro, onde visitaremos unha adega e degustaremos os seus excelentes viños.

Propoñémosvos aproveitar a particular simbiose entre termalismo e enoturismo no corazón de Galicia cunha escapada ás terras do Ribeiro e O Carballiño. Aquí as augas curan, xeran paisaxes de gran beleza e exercen unha influencia beneficiosa no cultivo da vide.

Máis información...
-Denominación de Orixe O Ribeiro. www.ribeiro.es
-Balneario de Laias (Cenlle). Teléfono 988 280 409
-Gran Balneario de O Carballiño. Teléfono 988 270 926
-Bodega Viña Meín. www.vinamein.com

Día 1º

Augas mineiromedicinais e paisaxes con encanto en Laias

As augas de Laias gózanse dende a época romana
As comarcas do Carballiño e O Ribeiro, na provincia de Ourense, coñécense dende antigo pola auga termal e o viño da Denominación de Orixe O Ribeiro, que hoxe seguen a ser a base da súa economía. Neste contorno, o concello de Cenlle proporciona espazos onde a auga, que abrolla a máis de cincuenta graos, sanda e ademais xera lugares de espectacular beleza.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Para aloxarnos, o lugar conta con casas rurais e un hotel-balneario na parroquia de Laias, onde os antigos romanos se estableceron para explotar as areas de ouro que arrastraba o Miño. Aconsellámosvos chegar a Cenlle a primeira hora da tarde para gozar de maneira relaxada da paisaxe e das súas augas mineiromedicinais, cuxos beneficios xa apreciou no ano 999 o rei de León Bermudo II, que acudía aquí acompañado do príncipe Afonso V para curarse e aliviarse da súa gota.

Unha camiñada pola ribeira do Miño
Unha vez instalados no aloxamento elixido, suxerímosvos empezar a entrar en contacto con esta paisaxe de auga e bosque. No exterior da vila termal de Laias existe un paseo de algo máis de dous quilómetros que permite camiñar entre a vexetación de ribeira, seguindo o curso do Miño ata a poboación de Barbantes-Estación.

Ao longo do sendeiro, sinalizado e de doado percorrido, apreciamos como as augas mansas e embalsadas do río reflicten como un espello estas ladeiras poboadas de viñedos, de pequenas aldeas e dunha frondosa vexetación de carballos, cerquiños e outras especies ribeirás. No camiño sentiremos a frescura e tamén certo misterio ao camiñar xunto aos troncos retorcidos e cubertos de musgo dos carballos que van saíndo ao paso.

Outros tramos teñen un aire máis romántico cando as follas caen e van amolecendo o camiño. Na outra beira do río álzanse casas señoriais como o Pazo de Rioboo, do século XVII, cuxo fermoso portalón de estilo barroco con influencias compostelás parece saudarnos amigablemente.

Unha sesión termal no balneario
Ao rematar o paseo, podemos culminar a tarde nas instalacións do balneario, deixando que os beneficios das súas augas hipertermais e predominantemente bicarbonatadas e alcalinas fagan efecto sobre a nosa saúde. A súa piscina exterior de auga quente e a terraza contigua son como un balcón con vistas privilexiadas ao encoro de Castrelo de Miño.

A cea, a base de empanada e carne, con viño do Ribeiro
Á hora de cear, estas terras contan con excelentes produtos da cociña tradicional galega. Podemos empezar o menú con empanada e seguir con carne richada, cachucha ou lacón con grelos, acompañados polos viños da Denominación de Orixe O Ribeiro. Aconsellámosvos aprazar a degustación do polbo á feira para a xornada de mañá no Carballiño, onde as polbeiras gozan de fama merecida.

Día 2º

Unha xornada na vila termal do Carballiño

Despois de almorzar propoñémosvos que vos acheguedes en coche á vila termal do Carballiño, á que chegaredes pola AG-53 e logo collendo as saídas sinalizadas cara á localidade. Orixinais edificios, balnearios e paseos fluviais á beira do río Arenteiro fana ideal para pasar parte do día.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

O sorprendente estilo do Templo da Veracruz
Podemos comezar visitando unha das construcións que máis chama a atención a quen chega por primeira vez, o Templo da Veracruz, do arquitecto galego Antonio Palacios. É un edificio de estilo “historicista” no que se mesturan distintos elementos decorativos de períodos artísticos como o románico ou o gótico e engádense ameas de castelos ou pazos. Todo iso define unha obra moi particular, que está presente noutras construcións como o Templo Votivo de Panxón ou a Virxe da Rocha en Baiona.

A auga medicinal do Gran Balneario do Carballiño
Despois, seguindo a Rúa Marcelino Parrondo, alcanzamos a Avenida do Balneario e axiña veremos o Gran Balneario do Carballiño emerxer tralo seu enreixado entre un magnífico arboredo de carballos e faias centenarias. Este bosque incrementa o encanto que ten de por si o edificio, coa súa torre ameada, a súa gran galería branca e a súa lanterna acristalada no centro. Suxerímosvos que entredes no recinto, onde se atopa o Pavillón de Auguistas, que alberga o manancial de auga medicinal, e probedes a súas salutíferas augas

Un paseo pola beira do río
A mañá culminará de maneira perfecta se a completades cun paseo pola beira do río Arenteiro, percorrendo un dos lugares de lecer máis emblemáticos desta poboación, o Parque Municipal. É unha grande extensión de arboredo sucado por camiños, avenidas e prazas, pasarelas e pontes de madeira. Aquí é onde se celebra cada segundo domingo de agosto a Festa do Polbo, a romaría por excelencia do Carballiño. Animámosvos a seguir ata o final do paseo, despois do lugar coñecido como Illa do Filomeno, onde se localiza unha piscifactoría, ata atopar a Pena dos Namorados, unha gran rocha no alto dun conxunto granítico, envolta de lendas sobre tesouros e amoríos.

Polbo á feira e pan de Cea
Á hora de xantar podemos lembrar o dito da zona: “Para carne, pan e viño, O Carballiño”.Pero non renunciaremos a unhas racións de pulpo á feira, cortado sobre os pratos de madeira de ameneiro, con sal groso, pemento e aceite de oliva, polas afamadas polbeiras da localidade. O pan de Cea, poboación próxima recoñecida por este produto, e os viños da Denominación de Orixe O Ribeiro serán uns acompañantes de luxo. Para concluír, na sobremesa podedes degustar unhas canas recheas de crema, doce típico do Carballiño, e un licor café, tan popular na provincia.

De visita a una adega, no berce do Ribeiro
Pola tarde propoñémosvos visitar algunha das adegas amparadas pola Denominación de Orixe O Ribeiro e probar os seus viños. Unha opción interesante é achegarse ata a parroquia de San Clodio, no concello de Leiro, onde se cre que, na época medieval, os monxes cistercienses plantaron as primeiras cepas.
Pasearemos por unha plantación de treixadura, unha das varietais de branco preferentes da denominación. Xunto ao viñedo érguese un coqueto aloxamento de turismo rural, pioneiro do enoturismo en Galicia, que naceu dun vello e gran casal rehabilitado. Dende aquí veremos ascender os viñedos pola ladeira. Coa degustación dos seus caldos concluímos a visita e regresamos ao hotel para cear.

Día 3º

Tratamento no balneario e visita a un castro

Durante a mañá da despedida podemos aproveitar as instalacións termais do balneario para recibir un tratamento de estética, saúde ou de relax, que nos prepare para volver á casa liberados por completo do estrés.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

O Castro de San Cibrao de Las é un dos máis grandes de Galicia.
Unha vez concluído o tratamento, podedes aproveitar os escasos quilómetros que separan estas instalacións do Castro de San Cibrao de Las, un dos máis grandes de Galicia. Tamén é coñecido como A Cidade e atópase a cabalo entre os concellos de Punxín e San Amaro. Estivo habitado entre os séculos II antes e despois de Cristo, durante a etapa final da cultura castrexa.

Distinguiredes fortes e extensas murallas, unha dentro doutra, formando dúas elipses case concéntricas. A superficie dentro dos muros aproxímase aos 100.000 m², dos que practicamente 9.000 pertencen á acrópole. Con esta extensión é difícil reparar en todos os elementos interesantes que encerra. Recomendámosvos que vos fixedes nunha das súas construcións máis singulares, a fonte-alxibe situada ao lado da porta oeste da anteacrópole.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba