Gozaremos da auga de Guitiriz en familia. Percorreremos os seus fermosos espazos naturais, ateigados de fontes, ríos e muíños. E aproveitaremos as propiedades das augas mineiromedicinais do seu afamado balneario, mentres os nenos gozan na zona termolúdica.

A riqueza do seu ecosistema hídrico convérteo en Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e a conca fluvial á que pertence é Reserva da Biosfera.

En Guitiriz a auga inunda os sentidos: véndoa correr por ríos e regatos cristalinos, oíndoa caer dende pequenas fervenzas, bebéndoa e ulíndoa nos seus mananciais ou bañándonos nos seus balnearios. As paisaxes belas e serenas que provoca este líquido elemento son perfectas para gozar con paseos e baños en familia.

Máis información...
- Balneario de Guitiriz. www.balneariodelugo.com
- Marcelle Natureza. www.marcellenatureza.com

Día 1º

O valor da auga en Guitiriz

Aconsellámosvos chegar preto do mediodía a Guitiriz, situado na comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo, para aproveitar mellor o día en contacto coa natureza e a auga.

O noso destino é un dos balnearios de referencia en Galicia, famoso por unhas augas mineiromedicinais moi singulares porque brotan frías e están especialmente indicadas para o aparato dixestivo e renal.

O nome de Guitiriz traspasou fronteiras grazas ao seu hotel-balneario. Tras levar pechado longo tempo comparte o renacer do termalismo en Galicia. No ano 2003 someteuse a unha importante reforma, na que se respectou o impoñente aspecto orixinal do edificio e construíuse un novo que alberga o balneario e o club termal. O bosque de máis de 40 hectáreas que o rodea, no que se integra un campo de golf, incrementa a sensación de somerxerse en plena natureza.

Patacas, grelos e queixo, produtos estrela da comarca
Unha vez instalados propoñémosvos xantar nun mesón, nun asador ou nun restaurante da zona. A Terra Chá é un verxel do bo produto galego, con denominacións e indicacións xeográficas protexidas que amparan moitos dos seus produtos, como a pataca, os grelos ou o delicioso queixo de San Simón da Costa. Por iso un lacón con grelos, un cocido galego, tamén con grelos, ou mesmo unha sinxela tortilla de pataca son un regalo ao padal, se ademais o coroamos coa típica torta de millo de Guitiriz.

A Ruta da Auga
O valor que en Guitiriz ten a auga permítenos aproveitar este recurso de moitas maneiras. As súas terras pertencen á Conca Alta do Río Miño, chamada “Terras do Miño”, declarada Reserva da Biosfera pola Unesco. E, dentro desta, están no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Parga-Ladra-Támoga.

Tralo xantar, propoñémosvos comezar a tarde facendo un pouco de sendeirismo por esta paisaxe de gran valor medioambiental seguindo a ruta homologada PR-G 99, coñecida como “Ruta del Agua”.Discorre polas marxes dos ríos Parga e Ladroil, unindo as tres fontes de augas curativas máis importantes de Guitiriz: Valdobín, San Xoán de Lagostelle e Fonte de Santo Domingo. O seu trazado sen desniveis é perfecto para facelo cos nenos.

Muíños á beira do río
O percorrido total alcanza case vinte quilómetros. Por iso suxerímosvos limitalo nesta ocasión á parte que une as inmediacións do Balneario de Guitiriz coa área recreativa Sete Muíños, onde os pequenos se sentirán ás súas anchas trala camiñada.

Chegaremos apenas un quilómetro e medio despois de cruzar a capital municipal. Acharedes un espazo natural de gran beleza cos muíños que se atopan á beira do río Escádebas, que lle outorgan un importante valor etnográfico á área recreativa.

Con nós parecen camiñar os ameneiros, bidueiros, carballos, castiñeiros e piñeiros da ribeira. As pontes de madeira e pasos sobre o río permiten percorrer sen perigo esta zona e contemplar as fervenzas que se forman antes de caer nunha poza, hoxe reconvertida nunha piscina natural. Se o tempo o permite podemos darnos un baño nela. Os máis pequenos poden pasar un anaco divertido xogando no parque infantil situado nesta zona.

Unha sesión no balneario para nenos e adultos
Tralo paseo podemos completar a tarde nos espazos termolúdicos do balneario. Os nenos divertiranse na piscina termal infantil e na súa zona de xogos. Mentres, os maiores poden relaxarse facendo un circuíto termal e aproveitando as propiedades mineiromedicinais destas augas, antes da cea no restaurante do hotel.

Día 2º

Natureza salvaxe en Outeiro de Rei e historia medieval en Friol

Tralo almorzo suxerímosvos que vos encamiñedes cara a Outeiro de Rei para pasar a mañá no parque zoolóxico Marcelle Natureza. Pola tarde os propoñémosvos visitar a Fortaleza de San Paio de Narla.

Animais de varios continentes nun mesmo contorno natural
Chegaredes en media hora en coche pola N-VI. Trátase dun espazo natural onde aproximarnos a animais autóctonos e doutros puntos do planeta e coñecer máis sobre a diversidade biolóxica que nos rodea, tanto fauna como flora.

Neste contorno atopamos llamas e ñandús de América do Sur, bisontes e wapitis de América do Norte, emúes e canguros australianos, cebras e elands africanos ou muflóns e linces boreais europeos. Poderemos ver osos dende seguros miradoiros e lobos que gozan dun minibosque reservado para eles. Tamén nos sorprenderán as serpes e tartarugas xigantes do reptilario.

O parque conta con zonas de merendeiros cubertos, ideais para descansar e repoñer forzas para continuar coa visita. Podemos traer o noso propio pícnic, que nos preparará o restaurante do hotel, e gozar aquí del se o tempo o permite. Se non é así, no parque hai un posto de bebidas e un restaurante, en cuxa carta se inclúen especialidades de carnes exóticas.

Visitamos unha fortaleza medieval
Pola tarde propoñémosvos visitar a  Fortaleza de San Paio de Narla, coñecida popularmente como Torre de Xiá, que se eleva nun outeiro xunto ao río Narla, no concello de Friol. Atópase a unha media hora de distancia polas estradas provinciais LU-234 e LU-232.

Aseguraremos unha tarde entretida xunto aos nenos percorrendo este gran conxunto fortificado do século XIV, que se compón da chamada Torre da Homenaxe, corpo central, torreón e capela. Vítima dalgúns capítulos das revoltas irmandiñas, rebelións do campesiñado contra a opresión señorial na Idade Media, foi reconstruída no século XVI. Hoxe ábrenos as súas portas como museo etnográfico e de historia.

Cada cal verá atrapado o seu interese pola enorme variedade de elementos que se expoñen: teares, mobiliario antigo, apeiros de labranza na adega, selas de montar nas cortes e unha gran colección de armas brancas e de fogo no terceiro piso da Torre da Homenaxe. Entre elas destacan armaduras de placa e de samurai. Tamén nos fixaremos na orixinalidade dunha cheminea renacentista decorada con elementos zoomorfos e fitomorfos.

Pan, queixo e troitas para a cea
Se trala visita pensamos en cear na zona, non esquezades acompañar a comida con pan de Ousá e pedir unha táboa de queixo artesán de Friol, dúas das súas exquisiteces gastronómicas, xunto coas troitas do río Narla.

Día 3º

Despedímonos de Guitiriz no balneario

Tralo almorzo podemos realizar un tratamento de estética ou de saúde, recibir unha masaxe ou aproveitar os jacuzzis de chorros e burbullas. Se desexades dilatar máis a saída, podedes animarvos a facer un tramo máis da “Ruta da Auga

O último circuíto termal.
Tralo almorzo podemos realizar un tratamento de estética ou de saúde, recibir unha masaxe ou aproveitar os jacuzzis de chorros e burbullas, a pulverización con aromaterapia ou a área de masaxe xabonosa, incluída no circuíto termal. Os nenos gozarán na súa zona de xogos e cos últimos baños na súa piscina de auga mineiromedicinal, espremendo ao máximo o tobogán acuático.

Unha camiñada entre curiosas fontes
Se desexades dilatar máis a saída, podedes animarvos a facer un tramo máis da “Rota da Auga”. Propoñémosvos comezar na magnífica ponte medieval de San Alberte, por onde pasa o Camiño do Norte a Santiago de Compostela.

Solo en el reino de Galicia se encuentran tantas fuentes minerales que en este punto no se iguala a otro alguno del resto de España”.
Pedro Gómez de Bedoya, médico da Ilustración (1772)

Preto atoparemos a  capela do mesmo nome, nun contorno natural de gran beleza. Trátase dun edificio gótico do século XIII con reminiscencias árabes e aos seus pés, brotando auga, a Fonte da Fala, así coñecida porque unha mestura de tradición e lenda atribúe ás súas augas o poder de curar a tartamudez.

Se avanzades un pouco máis chegaredes ata a Fonte de Valdobín, emprazada nunha bonita área acondicionada nas marxes do río Parga, próxima a Parga. Nesta poboación tamén hai unha fermosa carballeira onde gozar dun apracible descanso e quedar a xantar se nos apetece.

Arriba