Dende que no século IX se descubriran en Compostela os restos que a tradición atribúe ao Apóstolo Santiago, miles de peregrinos chegan cada ano a este destino.

Son diversas as rutas históricas que nos conducirán ata esta cidade Patrimonio da Humanidad. Sexa cal sexa a que escollamos, con cada paso sentiremos o palpitar da maxia xacobea.

Viviremos unha xornada en Santiago de Compostela, entre as súas pedras e as súas augas termais.

E coñeceremos algunhas das vilas mariñeiras máis pintorescas de Galicia, camiño de Fisterra. Alí contemplaremos como o Sol morre no Atlántico.

Máis información...
-Oficina do Peregrino (Santiago). www.peregrinossantiago.es
-Catedral de Santiago. www.catedraldesantiago.es

Día 1º

Monumentalidade, gastronomía e augas termais en Santiago

Entrar en Compostela despois de realizar o Camiño de Santiago durante longas xornadas de marcha -nalgúns casos mesmo semanas ou meses- produciranos unha sensación única.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Unha morea de fermosas rúas e prazas
Dirixirémonos cara á Porta do Camiño, por onde de antigo entraban os peregrinos do Camiño Francés na cidade amurallada de Compostela. As murallas medievais de Santiago xa non se conservan aínda que na cidade séguense a empregar os nomes de Porta de Mazarelos, Porta Faxeira, Porta da Mámoa y Porta do Camiño.

Subiremos pola Rúa das Casas Reais, onde poderemos contemplar nalgunhas fachadas os brasóns nobiliarios que fan honor ao nome da rúa. Atravesaremos a coqueta Praza de Cervantes antes de somerxernos na Rúa da Acibechería,así denominada polo gremio de artesáns que tallaban a pedra do acibeche. Aínda hoxe en día acharemos numerosos ourives que nos ofrecerán as súas creacións.

Antes de atopármonos coa maxestosa basílica compostelá, deixaremos á nosa dereita o Mosterio de San Martiño Pinario, fundado polos monxes beneditinos no século X. Foi o máis poderoso de Galicia e o conxunto, que ocupa uns 20.000 metros cadrados, é unha das maiores construcións deste xénero que existen en España.

A Praza do Obradoiro é unha das máis fermosas do mundo
Un misterioso arco de pedra permitiranos atravesar as dependencias do Pazo de Xelmírez, o máis célebre da historia de Santiago, construído no século XII. E ao instante toparémonos coa marabillosa Praza do Obradoiro, quilómetro cero de todas as rutas xacobeas.

O momento será sublime e seguramente compartiremos a nosa alegría con decenas de peregrinos que alí se asombran contemplando tantas obras de arte. A un lado o Hostal dos Reis Católicos, obra renacentista mandada edificar por Isabel de Castela e Fernando de Aragón. Ao outro, o colexio de San Xerome, obra do gótico tardío do século XV. Ás nosas costas, o Pazo de Raxoi,sede actual do concello e recreación neoclásica de equilibradas formas.

Á nosa fronte, a sinfonía pétrea da fascinante fachada barroca do Obradoiro, así chamada por ser o lugar onde traballaban os canteiros que esculpían o granito galego, transformando a fría pedra en exquisitas formas plásticas. Cativaranos a contemplación desta praza, unha das máis fermosas do mundo.

San Martiño Pinario,
que ocupa uns 20.000 metros cadrados,
é un dos mosteiros
máis grandes de España

Recollemos a “Compostela” e visitamos a catedral
Antes de entrar no templo catedralicio suxerímosvos que vos acheguedes á Oficina do Peregrino, onde certificarán a vosa peregrinación mediante o documento de orixe medieval que se coñece como a “Compostela”. Podedes depositar aquí as vosas mochilas e realizar así unha visita máis descansada pola cidade.

A misa de mediodía dedícase aos peregrinos e durante o Ano Santo ou en datas litúrxicas sinaladas faise funcionar o grande incensario coñecido como o botafumeiro. A súa contemplación cortaranos a respiración e permanecerá para sempre nos nosos mellores recordos.

A Catedral de Santiago ofrécenos multitude de tesouros. O máis universal de todos eles é o Pórtico da Gloria, obra cume da arte románica, esculpida en pedra polo Mestre Mateo e a súa escola de canteiros. Resulta obrigada a visita á cripta, onde se atopa o sepulcro do Apóstolo, e o tradicional abrazo á súa imaxe, que preside o altar central.

Os manxares máis exquisitos da cociña galega.
É o momento de buscar un restaurante onde saborear a apreciada gastronomía galega. Na próxima Rúa do Franco -así chamada por identificar aos peregrinos, fundamentalmente de orixe francesa, que alí se asentaban- atoparemos unha gran diversidade de establecementos especializados nos produtos frescos da cociña autóctona. Peixes, mariscos e carnes expóñense ao público en vitrinas refrixeradas, cativando a atención dos transeúntes, sobre todo dos foráneos, aos que adoita sorprender esta mostra culinaria. Será tamén unha boa oportunidade para degustar a afamada Torta de Santiago, feita de améndoas esmiuzadas.

Trala comida podemos dar un paseo sosegado polo casco histórico da cidade. A Rúa do Vilar, a Rúa Nova, as prazas que rodean á catedral e o resto das rúas de orixe medieval irannos amosando os seus segredos. E resultaranos doado atopar algún café con encanto onde descansar, mentres asistimos ao espectáculo do continuo deambular de turistas.

De relax nun balneario ou nun spa
Para acabar o día suxerimos unha opción relaxante destinada a aliviar a fatiga da nosa peregrinación. En Santiago atoparemos varias ofertas de establecementos con spa e algún balneario con augas mineiromedicinais así certificadas. Un circuíto termal, seguido dunha boa masaxe, será a mellor maneira de concluír a xornada. E, como broche final, a cea no noso hotel-balneario.

Día 2º

Vilas mariñeiras camiño de Fisterra

Santiago de Compostela é o final tradicional da peregrinación xacobea. Pero miles de persoas deciden continuar a súa senda de espiritualidade ata chegar a Fisterra, a “fin da terra” como a denominaron os romanos.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Este segundo día dedicarémolo a achegármonos ao mundo mariñeiro de Galicia a través das súas vilas máis pintorescas. Propoñémosvos que reservedes un coche de alugueiro para realizar unha apaixonante excursión na busca do lugar onde o Sol se afunde no inmenso océano Atlántico.

O casco histórico de Noia
A primeira parada será na pequena localidade de Noia. Podemos pasear polo seu casco histórico de traza medieval e achegármonos ata a igrexa de Santa María A Nova para coñecer a colección de laudas gremiais que alí se expoñen. Son lápidas sepulcrais sobre as que se gravaban marcas ou signos que identificaban ao gremio ao que pertenecían os defuntos (mariñeiros, ferreiros, canteiros, zapateiros...). En ocasións, estes signos foron interpretados como escuras mensaxes simbólicas.

En Muros degustamos os mellores peixes e mariscos
Dende Noia continuamos o noso camiño cara Muros, bordeando o litoral da súa súa ría e descubrindo en cada curva paisaxes marítimas que nos cativarán. Nesta vila atoparemos bos lugares onde degustar os peixes e mariscos do mar galego, unha selección de frescura e sabor que os sitúan entre os mellores do mundo.

Muros, fundado no século X, foi durante a Idade Media un dos portos máis importantes de Galicia e declarado conxunto histórico-artístico en 1970. Da súa fronte marítima, enmarcada por acolledores soportais, parten estreitas calexas que nos conducirán a prazas rodeadas de sólidas edificacións nobres e outras máis rústicas e mariñeiras. Aproveitaremos para visitar a igrexa de San Pedro de Muros, de estilo gótico mariñeiro, ou a ermida de San Roque, situada no punto máis alto da vila, dende o que teremos unha bonita vista de toda a comarca.

A desembocadura en fervenza
do río Xallas no mar,
un fenómeno único en Europa

Hórreos, fervenzas e o sabor do mar
Por esta ruta da costa iremos atopando lugares que nos convidarán a deter o vehículo e regalarannos vistas e extraordinarias paisaxes de faros e praias salvaxes. En Carnota din que se localiza o hórreo máis grande de Galicia, cuxa espectacular beleza merece a nosa visita.

Na pequena poboación de Ézaro descubriremos outra marabilla natural, a desembocadura en fervenza do río Xallas directamente no mar, unha rareza na Europa continental. Dende o miradoirodo alto da fervenza contemplaremos unha das máis fermosas imaxes marítimas de Galicia.

Máis adiante pagará a pena facer unha pequena parada en Corcubión, antes de rematar a nosa excursión na vila de Fisterra. É un enclave moi pintoresco que nos ofrece toda a autenticidade e o aire mariñeiro das poboacións costeiras galegas. Probaremos o delicioso pan trenzado con ovo, elaborado aquí con gran mestría.

A posta de Sol sobre o mar en Fisterra
A visita ao faro de Fisterra proporcionaranos o instante máis agardado do día. Se calculamos ben o tempo poderemos deternos aquí o suficiente para contemplar a feiticeira escena da posta do Sol, que dende época inmemorial ten dado lugar a ritos de culto neste lugar, identificado como unha “ara solis”, un altar solar primitivo. Trala última luz chega o momento de regresar a Santiago de Compostela ou ben aproveitar algún dos numerosos restaurantes da localidade para agasallar ao noso fatigado corpo cunha apetitosa cea.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba