Mondariz-Balneario, referente termal en Europa dende finais do século XIX, ofrécenos un plan idóneo para mergullarnos nas súas augas terapéuticas. No seu contorno deleitarémonos co seu rico patrimonio natural e histórico, unha viaxe que nos levará tamén a Ponteareas, Soutomaior e Tui.

Este minúsculo concello de 2,4 km2, o máis pequeno de España, concentra múltiples marabillas patrimoniais, históricas e naturais, e un rico anecdotario arredor da cultura balnearia.

A "Moi Hospitalaria Vila” de Mondariz-Balneario é un destino excelente para vivir unha experiencia centrada no relax termal. Este minúsculo concello de 2,4 km2, o máis pequeno de España, concentra múltiples marabillas patrimoniais, históricas e naturais, e un rico anecdotario arredor da cultura balnearia. Aquí recuperamos os ecos da Belle Époque e os anos dourados do termalismo a finais do XIX e principios do XX, cando Mondariz era un referente obrigado de luxo e grandiosidade.

Máis información...
- Balneario de Mondariz. www.balneariodemondariz.es
- Castelo de Sobroso (Centro de Recuperación da Cultura Popular). Teléfono: 986 654 305
- Castelo de Soutomaior. www.hotelpousadadelcastillo.com

Día 1º

De ruta polo contorno do Balneario de Mondariz

Na comarca do O Condado, na provincia de Pontevedra, atópase Mondariz-Balneario, asentado no apracible val do Tea, a tan só 30 km de Vigo. Está moi ben comunicado debido á proximidade de importantes arterias viarias como a AP-9, a A-52 ou a N-120 e a N-550.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Recomendámosvos chegar a primeira hora da tarde para instalarvos no  Hotel Balneario de Mondariz. Unha vez acomodada a equipaxe, é o momento de empezar a empaparse deste contorno, protagonizado polas súas augas mineiromedicinais, vestidas de espectaculares edificios, monumentos, estatuas, xardíns e paseos fluviais.

Propoñémosvos facer unha ruta de familiarización de algo máis de dúas horas seguindo as indicacións dunha audioguía de descarga gratuita na web do concello. Coñeceremos así os elementos máis destacables de Mondariz-Balneario e gozaremos de amenas e entretidas explicacións históricas e de substanciosas anécdotas.

Un curioso dolmen
Dende a porta do Hotel Balneario, a voz virtual conduciravos primeiro ata as inmediacións da área recreativa de San Pedro para ver o Dolmen das Tres Cruces. É un curioso vestixio megalítico, cristianizado na Idade Media, cando cravaron sobre as súas pedras tres cruces inclinadas.

Segundo o momento da vosa visita quizais coincidades cos romeiros que se paran a rezar na súa peregrinación ao Santuario da Virxe da Franqueira, cuxa popular romaría se celebra o Luns de Pentecoste e o 8 de setembro no veciño concello da Cañiza. Próxima no percorrido está a capela de San Pedro. De camiño a ela, se o día é claro, mesmo divisaredes o castelo de Sobroso, que nos reservaremos para a xornada de mañá.

As ruínas do antigo Gran Hotel, referencia termal en Europa dende finais do XIX
O seguinte tramo discorre dende a capela ata o valado do antigo Gran Hotel, dende onde xa podemos botar unha ollada aos xardíns do balneario. Sorprenderanvos as ruínas dos edificios e as vellas bañeiras convivindo con plantas e árbores.

Polo sendeiro indicado volvemos a desembocar no centro neurálxico de Mondariz-Balneario, fronte ao monumento granítico de Enrique Peinador Vela. Este doutor, fillo predilecto da vila, foi quen ideou o colosal proxecto para Mondariz-Balneario, elevándoo a referencia termal en Europa dende finais do século XIX. Cando se decatou do espectacular auxe da chegada de auguistas ata aquí propúxose construír un hotel monumental, que se inaugurou en 1898.

El Gran Hotel hospedou a
personaxes ilustres como
Rockefeller, Primo de Rivera ou
a Infanta Isabel de Borbón

O “Gran Hotel”, proxectado polo arquitecto Genaro de la Fuente, caracterizado polo luxo e grandiosidade, adquiriu sona mundial e atraeu hóspedes ilustres como o mesmo magnate Rockefeller. Tamén Primo de Rivera, a Infanta Isabel de Borbón, Luis Peral, Emilio Castelar ou Ramón Cabanillas subiron algún día as impresionantes escalinatas de corte imperio que conducían a unha das súas 250 habitacións. Chegaron a acuñar unha moeda propia, a ter un programa operístico propio e a editar unha gaceta. Estes son só algúns dos numerosos exemplos que vos farán imaxinar a magnitude e importancia do complexo.

En abril de 1973 un incendio asolou o espectacular edificio, deixando en pé só as pedras que fixeron posible unha fiel reconstrución da súa fachada orixinal, trala que hoxe se atopa un bloque de vivendas. Sentados nos bancos do palco da música, próximo ao monumento ao doutor Enrique Peinador, podemos pararnos a admirala.

As propiedades curativas da Fonte de Gándara
Nas rúas contiguas veredes os edificios “Baranda” e “Antonio Palacios”. O primeiro albergou un teatro e hoxe acolle o balneario, parte dos cuartos do hotel e unha tenda de produtos do centro termal. O segundo distinguímolo pola súa torre, onde se atopa a “Suite do Miradoiro” do hotel e o centro de congresos.

Tampouco se vos pasará por alto a Fonte da Gándara, un exquisito templete de estilo clasicista, obra do arquitecto Antonio Palacios. Suxerímosvos que accedades ao interior da cúpula e aproveitedes algún dos bancos da entrada para descansar.

Chamaravos a atención a curiosa forma da fonte. Baixade ata ela e no depósito observaredes o ton ferruxinoso da auga. Sempre hai un vaso ao lado para probala. Non debe desanimarvos o seu cheiro, mentres que o seu sabor é similar a calquera auga con gas. A súa composición carbogaseosa, bicarbonatado-cálcica e ferruxinosa é indicada en afeccións metabólicas, locomotoras, respiratorias, nerviosas e cardiovasculares, entre outras. Se botades unha ollada á placa colgada na parede esquerda asombrarédesvos de cantas doenzas pode combater.

A orixe das augas mineiromedicinais de Mondariz-Balneario
E dun manancial dirixímonos a outro, coñecido como Fonte de Troncoso. O percorrido discorre paralelo ao curso do río Tea, ideal para gozar do son da auga e do colorido e frescor da vexetación. De camiño toparedes unha ponte. Cruzádea se vos apetece visitar a praia fluvial de Mondariz-Balneario, de fina e branca area. Mollar os pés nas transparentes augas do Tea seguro que vos reconforta.

Tralo refrescante inciso debebes atravesar de volta a ponte e seguir sempre en liña recta ata a fonte, que identificaredes pola súa estrutura de ferro forxado e o seu tellado de uralita azulada. De aquí brotaron as primeiras augas mineiromedicinais descubertas e con elas a orixe dunha historia de esplendor e un fito do termalismo en Galicia. Se nos sentimos con gana, podemos continuar polo paseo peonil ata o campo de golf do complexo, de 18 foxos.

Un circuíto termal no Palacio da Auga
Outra opción moi apetecible é culminar a camiñada de volta ao punto de partida, a porta do Hotel Balneario de Mondariz, e gozar dun circuíto termal no Palacio da Auga para quedar como novos. O recinto acolle preto de 3.000 metros cadrados dedicados ao lecer e ao relax, pero tamén espazos lúdicos específicos para nenos onde garanten a súa diversión e coidado.

A gran piscina central, de 300 metros de lámina de auga, baixo una inmensa cúpula acristalada que inunda o recinto de luz natural, é a protagonista. Tamén existen minipiscinas panorámicas no piso superior, saunas a distintas temperaturas e humidades e un gran número de recursos que completan o circuíto. Para cando teñamos concluído estará próxima a hora de cear. Recomendámosvos permanecer no hotel e gozar da carta dos seus restaurantes.

Día 2º

Un percorrido pola historia en castros e castelos

Despois dun bo almorzo propoñémosvos explorar a riqueza patrimonial do contorno facendo unha ruta que permite apearnos en dous momentos diferentes da historia: dous mil anos atrás, no Castro de Troña; e na Idade Media, cunha visita ao castelo de Sobroso.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A vida nunha aldea prerromana
Dende o complexo termal subimos en coche pola Rúa Ramón Peinador, que é a PO-254, en dirección a Ponteareas. Catro quilómetros ben indicados sepárannos do Castro de Troña, asentado a 225 metros de altitude sobre o Monte do Doce Nome de Xesús.

Despois de deixar o coche situámonos diante dos paneis informativos, colocados no acceso ao castro, e comezamos a subir ata a metade da rampla, para logo coller un sendeiro á esquerda. En todo momento seguimos os paneis, que trazan un percorrido circular, para observar mellor o castro e evitar unha visita caótica.

No ascenso xa saltan á vista as solucións arquitectónicas, como ramplas e escaleiras, coas que os antigos poboadores salvaban os desniveis do terreo. Primeiro atopamos as escavacións das vivendas na ladeira, de estruturas circulares e semellantes entre si. Tamén distinguiredes almacéns, escaleiras, muros de contención ou lousados, que vos darán unha idea de como era a vida nunha aldea prerromana.

Seguindo o camiño chegamos a outro empinado que baixa cara ao bosque, onde atoparedes un cruceiro envolto en lendas que falan de serpes que roubaban o gando aos paisanos. E, no cume do monte, topamos a fermosa Capela do Doce Nome de Xesús, de estilo barroco. O seu interior só é visitable os días de romaría (o terceiro domingo do mes de xaneiro e o 6 de agosto), cando a explanada se enche de xente e os fieis deixan as súas ofrendas no manto da imaxe de Xesús, que á súa vez pasean polo exterior.

O Castelo de Sobroso
Tras este percorrido retomamos a condución para dirixirnos ao castelo de Sobroso. Tres quilómetros despois de cruzar A Ermida, no concello de Ponteareas, está o acceso principal co nome do castelo. Dende alí introducímonos nun parque forestal que se estende por 30 hectáreas de monte arborado con ata 40 especies diferentes e fauna en semiliberdade.

A Raíña Dona Urraca fuxiu
en 1117 a Santiago de Compostela
tras ser cercada no Castelo de Sobroso
polos partidarios do seu fillo, Afonso VII

Seguimos co vehículo pola pista que atravesa o parque, podendo deternos ante os elementos que chamen a nosa atención, como un hórreo rodeado de castiñeiros ou áreas recreativas. Aconsellámosvos estacionar preto do cruzamento que indica o camiño ao castelo e o da saída e seguir a pé o percorrido circular ata a fortaleza, que nos vai descubrindo a súa silueta e dende onde se controlaban as comunicacións entre o interior e a cidade de Tui no medievo.

Existe constancia da existencia do castelo dende 1117, cando a Raína Dona Urraca foi cercada aquí polos partidarios do seu fillo, Afonso VII. A lenda fala da súa fuxida por un pasadizo (hoxe o Paseo de Troncoso, en Mondariz-Balneario) cara a Compostela buscando a protección do arcebispo Xelmírez.

Durante a subida podemos ir reparando na estrutura arquitectónica. O muro exterior, de 140 metros de perímetro, caracterízase polas súas paredes irregulares. Ao franquear a porta do muro vemos a Torre da Homenaxe, en cuxas pedras os canteiros labraron as súas marcas, e a zona residencial do castelo, convertida en centro de recuperación da cultura popular. No seu interior agárdannos catro salas expositivas dedicadas á indumentaria, á preparación do liño, aos oficios tradicionais da comarca e á reprodución de estancias dun típico fogar galego con todos os seus elementos.

As ostras de Arcade
Tomádevos o voso tempo para gozar deste interesante museo e, para cando teñades rematado, suxerímosvos poñer rumbo ata a poboación costeira de Arcade, famosa pola súas ostras, que, regadas cun viño albariño da D.O. Rías Baixas, constitúe o tándem perfecto para a comida. E, na sobremesa, nada mellor que un paseo polo molle do porto e a praia do Peirao para divisar o perfil interior da ría de Vigo.

Unha expedición botánica polos xardíns do Castelo de Soutomaior
Eliximos este lugar, ademais de polos seus atractivos gastronómicos e paisaxísticos, pola súa proximidade ao castelo e os xardíns de Soutomaior,que vos recomendamos visitar pola tarde, xa que se chega en apenas dez minutos en coche. Fóra dos muros atópase este parque botánico, que ostenta o título de “Xardín de Excelencia Internacional”, concedido pola Sociedade Internacional da Camelia.

O xardín do Castelo de Soutomaior
posúe máis de 500 exemplares de camelios,
de 25 especies diferentes,
entre eles o de maior tamaño de Galicia

O xardín posúe unha aloumiñada colección de máis de 500 exemplares de 25 especies diferentes de camelia, coñecida como la “flor de inverno”.Entre eles destaca o camelio máis antigo, con 18 troncos que medran dende a súa base, o que o sitúa no de maior porte de Galicia.

Palmeiras e secuoias; un bosque autóctono, cun castiñeiro de 800 anos; unha plantación de froiteiros; e a panorámica que se obtén dos viñedos de albariño dispostos en bancais sobre o outeiro converten este paseo nunha deliciosa expedición botánica. Na entrada atoparedes folletos que guiarán a vosa visita, aberta gratuitamente ao público.

Para acceder ao conxunto amurallado atravesamos unha ponte levadiza, en cuxa porta distinguimos o escudo dos marqueses de Mos. Esta fortaleza foi o feudo de Pedro Madruga, figura clave da Galicia do século XV, tanto nas revoltas campesiñas como contra os Reis Católicos. A Torre da Homenaxe e o Palacio, cas súas estancias totalmente restauradas, son as partes principais. O acceso ao interior para contemplar o Salón do Tapiz, o de Batalla ou a Galería de Damas está suxeito a horarios de mañá e tarde, excepto os luns, que permanece pechado.

Unha sesión terapéutica e relaxante no balneario
Tras térmonos somerxido na cultura e a natureza, propoñémosvos regresar ao Hotel Balneario de Mondariz para probar algún dos tratamentos de saúde, relax, beleza ou dun amplo catálogo de masaxes, tanto terapéuticas como relaxantes. Unha pequena sesta é o broche perfecto para concluír a experiencia termal, antes da hora de cear

Día 3º

De Mondariz-Balneario a Tui

Á volta será hora de recoller a equipaxe e despedírmonos de Mondariz-Balneario. Se dispoñemos de tempo para aproveitar a mañá e o mediodía antes de volver a casa, suxerímosvos que vos dirixades á vila de Tui, a pouco máis de media hora en coche, accesible pola A-55.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Tralo almorzo, animámosvos a gozar do último baño no Palacio da Auga. Pero se o que vos apetece é estirar as pernas, podedes dar un pequeno paseo ata a praia fluvial de Cernadela, no punto onde o río Tea é atravesado pola ponte do mesmo nome, unha excelente construción de orixe románica con cinco arcos oxivais e o central de medio punto

A Catedral de Tui, o Miño e os seus meixóns
Tui foi unha das sete capitais de Galicia ata 1833 e ten unha catedral-fortaleza, a única da provincia de Pontevedra, que coroa o promontorio onde se asenta a vila. Gozaredes dunha xoia do gótico español, ademais dunhas estupendas vistas sobre a paisaxe fluvial do río Miño, tinguido dos verdes propios do bosque de ribeira e da súa outra beira, Portugal.

Para cando sexa hora de xantar pensade que Tui coñécese como a “capital do meixón”, aínda que tamén é famosa por outros manxares de río, como a lamprea ou a zamborca, que maridan á perfección cos viños do Rosal, da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O Parque Natural Monte Aloia
Se o día se presta, outra opción é encargar un pícnic e gozalo no próximo Parque Natural Monte Aloia, ao que accedemos dende a estrada comarcal PO-340. Alí podemos deleitarnos coa comida, protexidos pola sombra dun bosque autóctono e de especies exóticas con máis dun século, contemplando pequenas fervenzas e regatos. No Centro de Visitantes “Casa do Enxeñeiro Areses”, un pintoresco edificio de pedra e madeira situado á entrada do Parque, poderán axudarnos a centrar a visita para espremer o tempo ao máximo.

Arriba