No corazón do Salnés realizaremos actividades ao aire libre, atoparemos a paz nos seus mosteiros e faremos rutas polos seus principais viñedos e adegas.

Propoñémosvos unha escapada enoturística ao corazón do Salnés, onde se atopan as raíces do albariño, para pasear entre viñedos aos pés das adegas señoriais, vangardistas e de rústica beleza.

Son moitas as posibilidades que nos ofrece esta subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas, con numerosas firmas dedicadas á elaboración de viños, escondidas en centros históricos como Cambados ou entre os suaves outeiros que van descendendo ata o Atlántico. Aproveitaremos o envoltorio mariño da ría e a frondosa natureza do val para organizar actividades ao aire libre.

Máis información...
- Adega Mar de Frades. www.mardefrades.es
- Adega Agro de Bazán. www.agrodebazan.com
- Adega Pazo de Zárate. www.bodegas-zarate.com

Día 1º

Ruta de sendeirismo e cea nun antigo muíño

Escollemos o concello de Meaño como punto de partida da nosa experiencia enoturística, pola súa fermosa paisaxe e a súa posición central na península do Salnés, onde a uva albariño estende os seus dominios.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Entre a súa oferta de aloxamento atópase un hotel rústico con encanto de excelente servizo, onde chegaremos pola tarde. Teremos tempo de programar unha primeira actividade exploratoria destas terras, que concentran a maior superficie de viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Propoñémosvos percorrer un tramo da ruta de sendeirismo dos muíños do río Chanca, concretamente o que discorre entre as parroquias de Lores e Simes. Poderedes recrearvos na súa natureza frondosa, detervos a escoitar o son das pequenas fervenzas e remuíños de auga entre os cantos rodados ou observar como a corrente mexe a vexetación acuática.

Muíños restaurados, de máis de 200 anos de antigüidade

Partimos da ponte sobre o río Chanca, nas inmediacións da igrexa parroquial de Lores. En adiante serán seis quilómetros que discorren sen apenas elevación do terreo. A ruta está ben sinalizada, provista de paneis explicativos, pasarelas e pontes de madeira e alumeado. Son moitos os muíños restaurados que atopamos, como o da Ponte, Igrexa, Daniel O Ferreiro, Entremuíños, Quintáns, Marcial de Barbeito ou Couso. Algúns teñen máis de 200 anos de antigüidade.

Aproximándonos a Simes, xa no segundo tramo, pasando a estrada, vemos que o bosque dá paso a campo aberto e cultivos de albariño. Suxerímosvos que, se o tempo o permite, pidades no hotel rústico que vos preparen un pícnic de produtos típicos e albariño, para aproveitar as estupendas áreas recreativas da ruta. Outra alternativa moi recomendable é, unha vez concluído o paseo, cear nun dos antigos muíños desta ruta, restaurado e convertido en restaurante con encanto. A súa oferta gastronómica destaca polas súas carnes á brasa.

Día 2º

Paz e sosego no Mosteiro de Santa María de Armenteira

Despois do almorzo empregaremos a mañá coñecendo o patrimonio enolóxico e cultural do Salnés. Propoñémosvos comezar pola visita ao mosteiro de Santa María de Armenteira, moi ben sinalizado dende que tomamos a AG-41. Considerado a catedral do Salnés, atópase nun contorno boscoso, ao abeiro do Monte Castrove. Fundono no século XII a Orde do Císter, aínda que da construción primitiva só se conserva a igrexa. O seu interior verémolo iluminado por un magnífico rosetón calado de elementos xeométricos.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

As monxas que o habitan dende 1989 reviviron e abriron todo o conxunto á comunidade. Se pensamos en fuxir do mundanal ruído buscando tranquilidade e sosego, abrirannos as portas da súa hospedaxe. Isto proporciónalles ingresos que completan coa elaboración artesanal de xabróns medicinais, a partir do aceite de camelia que cultivan no seu xardín e que se destila na Estación Fitopatolóxica do Areeiro..

Un percorrido polo viñedo e a Adega Mar de Frades

E a só tres quilómetros de distancia atopámonos en Meis coa Adega Mar de Frades, referencia innovadora do albariño nestas terras. Nela podemos observar o proceso de elaboración do seu viño. Comezamos no viñedo, estendido en terrazas con impresionantes vistas á ría. Continuamos coa adega, cuxo deseño vangardista, evocador dunha gran vela de barco, intégrase no bosque que coroa o Monte Valiñas.

No seu interior predomina unha marcada estética tecnolóxica, que apreciamos sobre todo na sala de fermentación, cuxos enormes tanques de aceiro podemos observar sobre as pasarelas metálicas que os rodean. En todo momento acompáñannos traballadores da adega. Coa degustación dos seus viños conclúe a visita, aínda que tamén podemos iniciarnos na cata profesional cun sumiller experto.

Peixe, marisco e albariño en Cambados

Pensando no xantar propoñémosvos retomar a Autovía do Salnés en dirección a Cambados,a vila estandarte do albariño. Nas inmediacións da monumental Praza de Fefiñáns atoparedes moitos restaurantes que maridan os produtos da súa ría cos caldos afroitados da Denominación de Orixe Rías Baixas, ambos de merecido prestixio. Na sobremesa podemos deambular polas súas rúas señoriais ou respirar a brisa mariña no Paseo Marítimo mentres contemplamos o perfil da ría máis grande de Galicia.

Visita á Adega Agro de Bazán, en Vilanova de Arousa

Pola tarde faremos unha visita guiada con degustación á señorial Adega Agro de Bazán, seguindo a Estrada de Deiro (PO-9005), á que chegaremos en menos de dez minutos. Atópase no lugar de Tremoedo, xa no concello de Vilanova de Arousa. O seu edificio neoclásico eríxese ao estilo dos châteaux franceses. Está semienterrado nunha ladeira peiteada con extensos emparrados de calculada regularidade.

A paisaxe, cos seus viñedos, os bosques e o mar, é tan embriagadora como a visita ao interior. Aquí chaman a atención os alambiques tradicionais da sala de destilación, onde os augardenteiros preparan delicadas augardentes e licores a partir do bagazo da uva. A sala de barricas é unha alegoría aos útiles da cata; as súas columnas de granito reproducen a forma dos cataviños e os seus capiteis un tastevin. Ao rematar o percorrido, propoñemos a volta a Meaño para cear no noso hotel.

 

Día 3º

Unha ruta en bici todo terreo ou unha visita a unha adega tradicional

Tralo almorzo podemos despedirnos do Salnés cun pouco de exercicio. No veciño Meis atopamos o primeiro centro BTT (bicicletas todo terreo) aberto en Galicia dende o que se poden programar rutas en bici. Podemos escoller a do Monte da Escusa, de baixa dificultade e que ofrece impresionantes vistas ás rías de Pontevedra e de Arousa. Como algúns tramos transcorren entre bosques de piñeiros é fácil atopar cabalos en estado semisalvaxe pastando entre as árbores.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Se preferimos tomárnolo con calma podemos aproveitar o último paseo por Meaño para visitar o Pazo de Zárate, reconstruído no século XVIII, e que tamén alberga unha adega de gran tradición familiar. Tras franquear o seu enorme muro de granito polo portalón de madeira, achegámonos ao muíño e ao vello lagar, rodeado de antigos apeiros da vendima e a labranza. A súa beleza rústica achéganos o contraste perfecto ao señorío e a vangarda das adegas que visitamos o día anterior.

Arriba