Monterrei, dominado pola súa cidade-fortaleza, e Verín, terra de entroidos ancestrais, mostrarannos os segredos do viño da máis xove denominación de orixe galega.

Queremos achegarvos unha experiencia enoturística onde, ademais de gozar dos viños da máis xove Denominación de Orixe galega, a de Monterrei, vos sintades acollidos por unha terra de entroidos ancestrais. Marabillaranvos as súas variadas paisaxes, presididas pola mirada omnipresente da gran cidade-fortaleza de Monterrei.

Máis información...
- Adega Vía Arxéntea. Teléfono: 687 409 618
- Casa de turismo rural "O retiro do Conde". www.oretirodoconde.com
- Balneario de Cabreiroá. Teléfono: 988 590 015
- Oficina de Turismo de Verín: 988 411 614

Día 1º

A beleza e monumentalidade do Val de Monterrei

Propoñémosvos chegar a primeira hora da tarde ao Val de Monterrei, na marxe do río Támega. Estamos na zona suroriental da provincia de Ourense, moi preto de Portugal.

Tras deixar as maletas no hotel comezaremos esta aventura enoturística explorando as fermosas poboacións do val. A parroquia de Vilaza, no concello de Monterrei, resulta un excelente punto de partida, pola súa proximidade ao enlace coa Autovía das Rías Baixas (A-52), que dota á poboación dunha inmellorable accesibilidade sen romper a vida apracible que se respira aquí.

Pazos convertidos en casas de turismo rural

A localidade conserva a arquitectura dos seus tradicionais pazos. Algúns acollen establecementos de turismo rural, como o Pazo de Espada (antes coñecido como Pazo Branco-Raxoi), só accesible aos hóspedes, que ademais poden gozar dunha viñoteca provista dos caldos da Denominación de Orixe Monterrei. En fronte atópase o chamado Pazo de Limia; o seu portalón de entrada está coroado por un reloxo de sol e na súa fachada principal destaca unha galería acristalada e unha característica pedra de armas rodeada de decoración barroca.

Unha das principais singularidades de Vilaza é a súa igrexa barroca, a de San Salvador. Tiene adosada una torre de construcción más antigua y de grandes dimensiones, llamada Torre de los Templarios.

Visita á fortaleza medieval de Monterrei

Vilaza sente en todo momento a impetuosa mirada da fortaleza medieval de Monterrei, a icona desta comarca, do concello, do val e da etiqueta da súa Denominación de Orixe. A súa maxestosa presenza exerce unha influencia omnipresente sobre este territorio limítrofe con Portugal, cuxa fronteira vixía dende hai 800 anos. Aproveitaremos a tarde para visitar esta acrópole, a maior de Galicia para moitos autores.

Chegados dende Vilaza á N-525 xiraremos á esquerda en dirección Ourense ata atopar un desvío á dereita que sinaliza o Parador de Verín. Dende o contorno do Parador, aos pés do castelo, ascendemos camiñando polo outeiro. É a mellor maneira de reparar na tripla muralla e os seus edificios, construídos entre o século XII e o XVII. Primeiro atopamos o Hospital de Peregrinos, fundado no século XV. Non esquezamos que esta comarca é a porta de entrada a Galicia dende a Meseta e Portugal e referencia ineludible na Vía da Prata ata Santiago de Compostela.

Logo atravesamos as rúas do poboado ata chegar á última porta, que franqueamos para alcanzar o patio de armas. Dende aquí accedemos á Torre da Homenaxe, unha impresionante mole de pedra de 22 metros de altura. Dende ela dominaredes gran parte da conca do río Támega, val salpicado de viñedos, hortas, poboacións pequenas e máis grandes, como a de Verín. Tamén atoparedes a Torre das Damas, de menor tamaño e perfectamente encravada no Pazo dos Condes, edificio renacentista cunha vistosa arcada apoiada en columnas. A Igrexa de Santa María completa o conxunto; nunha das súas fachadas ten un Cristo rodeado de figuras antropomorfas e mitolóxicas que vos marabillará.

Neste ambiente, que nos traslada a outra época, non nos custará imaxinar as lendas que rodean o lugar e que falan da condesa infiel que, temendo a ira do seu marido, se precipita dende a torre ao pozo do patio de armas, coñecido como “pozo verde”, de 14 metros de profundidade.

Aínda que o contorno exterior da fortaleza é aberto, se estamos interesados en acceder ao interior da Torre da Homenaxe, do Pazo dos Condes e da igrexa, o horario de visitas é de 10.00 a 19.00 horas todos os días.

E, para comer, polbo á feira, bacallau ou cocido

Ao rematar a visita podemos cear en Verín, acompañando os viños da Denominación de Orixe Monterrei con polbo á feira ou bacallau. O cocido galego e todos os produtos relacionados coa matanza do porco, como a androlla ou a cachucha, tamén son unha boa opción. Estes manxares están vinculados co Entroido, aquí declarado de Interese Turístico Nacional, posto que nesta época degústanse con maior deleite.

Día 2º

Achegándonos á arte do viño

Tras un bo almorzo, pola mañá agárdannos os adegueiros de Monterrei. Dado que o territorio que conforma a Denominación de Orixe é relativamente pequeno, teremos ao alcance da man a maioría das adegas adheridas, repartidas polo Val do Támega.

Se eliximos Vilaza como lugar de aloxamento poderemos visitar a Adega de Vía Arxéntea, de tradición familiar. O seu propietario guiaranos entre as vides e amosaranos as diferenzas entre unha treixadura e unha godello, as varietais brancas más cultivadas na zona. Tocamos as cepas, as súas follas e as uvas para comprobar a textura e dureza. Poderemos asistir aos traballos de rareo da uva, a poda ou a vendima, segundo a época do ano. Na adega explícase o proceso de produción; descubriremos como se capturan todos os aromas da uva para transmitilos aos viños antes do seu paso pola prensa. E, finalmente, degustaremos os caldos que aquí se producen.

Nesta comarca poderás atopar diferentes adegas asociadas á  Ruta do Viño Monterrei. En www.rutadelvinomonterrei.com poderás atopar información sobre as mesmas así como sobre as visitas máis interesantes a este territorio. Percorrendo os seus viñedos e degustando os caldos brancos de godello e treixadura ou os tintos de mencía chegariamos ao mediodía. Na contorna atoparemos un mesón que prepara cociña tradicional e cuxa especialidade son os asadores de carne.

A beleza do Parque Natural do Invernadeiro

Despois da sobremesa poremos a guinda á xornada coñecendo o Parque Natural do Invernadeiro, no Macizo Central ourensán, que deixa parte da súa pegada ao norte de Monterrei. A visita ten que ser previamente autorizada, xa que se trata dunha extensión propiedade da Xunta de Galicia.

Dende Verín tomamos a estrada comarcal OU-114 de Laza e alí colleremos o desvío a Campobecerros. É o mellor lugar para que a natureza destas terras nos seduza por completo, dentro dun territorio que sempre estivo deshabitado. No parque atoparemos abundante presenza de acivros, cancereixos e teixos. As aguias e os falcóns sobrevoan a zona e ata é posible avistar algún voitre branco. Os solos son dominio do lobo, o xabaril, o armiño ou a garduña.

Existen cinco posibles rutas guiadas, polas que podemos seguir a pista de corzos e cervos. Recomendámosvos escoller a que conduce ao circo glaciar e á fermosa fervenza dos Arcos. Inundados de sensacións regresamos ao hotel en busca da cea e o descanso.

Día 3º

De paseo por Verín

Antes de partir recomendámosvos unha camiñada matutina máis relaxada pola vila de Verín, seguindo o curso do Támega polo paseo do río ata a Alameda. Se desexades facer as últimas compras da viaxe podedes internarvos na zona máis comercial.

Aos amantes da heráldica non se lles pode pasar por alto a coñecida como Casa do Asistente, próxima á ponte que cruza o Támega. Impresiona o fermoso escudo que loce a súa fachada. Este edificio construíuse para o asistente do Conde de Monterrei, de aí o seu nome. Actualmente é un albergue de peregrinos.

Un territorio rico en augas mineiromedicinais

Esta comarca é famosa polas súas augas mineiromedicinais. Cabreirorá, Sousas ou Fontenova son algúns dos seus mananciais; na actualidade tamén firmas de prestixio que comercializan a súa auga. Se desexamos visitalos, o máis singular é o Balneario de Cabreiroá, a un quilómetro da vila. Está rodeado dunha extensa área de bosque e xardíns polos que pasear e onde veremos o templete dos auguistas. No seu interior hai un gran depósito transparente onde chega a auga directamente do manancial, a cal burbulla de cando en cando. Isto débese a que estas augas manan con certo grao de carbónico de maneira natural, o que as fai tan especiais. Dunha billa conectada ao tanque podemos probar canta desexemos e comprobar as súas propiedades mineiromedicinais, xa declaradas de utilidade pública en 1906.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!