Un percorrido pola acrópole máis grande de Galicia, unha sesión de balneoterapia, visita a algunha adega e ao mosteiro onde os monxes cistercienses trouxeron as primeiras cepas de viño.

A cultura do viño e da auga termal están intimamente ligadas nas terras da comarca do Ribeiro, na Galicia interior. A súa accidentada orografía, mestura de ribeira e montaña, conforman fermosas paisaxes pero tamén gardan fabulosos castros, ermidas, igrexas e mosteiros, considerados o berce dos excelentes viños que producen.

Estes caldos están hoxe amparados pola Denominación de Orixe do Ribeiro, cuxas adegas e rico patrimonio animámosvos a descubrir.

Máis información...
- Adega Pazo Casanova. www.pazocasanova.com
- Adega Viña Meín. www.vinamein.com
- Balneario de Laias.Teléfono: 988 280 409

Día 1º

Dende Cenlle ata a acrópole máis grande de Galicia, o Castro de San Cibrao de Las

Propoñémosvos partir de Cenlle, concello situado na marxe do río Miño, onde as súas augas se acumulan a causa do encoro de Castrelo de Miño. Os seus mananciais de auga termal, que mana a máis de 50 graos, permítenos beneficiarnos deste recurso en modernas instalacións.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Aconsellámosvos chegar ao lugar a primeira hora da tarde, así poderedes aproveitala para programar unha visita a algún dos interesantes recursos patrimoniais da zona, como o espectacular castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como “A Cidade”, moi próximo a Cenlle, a cabalo entre os concellos de San Amaro e Punxín. Está considerado o maior de Galicia. A súa superficie interior esténdese ao longo de case 100.000 m2, dos que 9.000 pertencen á acrópole.

Entre a multitude de elementos do castro que chamarán a vosa atención, un dos máis singulares é a fonte-alxibe situada ao lado da porta oeste da muralla exterior. Sábese que o castro estivo habitado entre os séculos II antes de Cristo e o II despois de Cristo, etapa na que xa declinaba a cultura castrexa, polo que se aprecian na acrópole evidentes signos de romanización. Todo o castro, na cima dunha suave lomba, está rodeado dunha bonita paisaxe de onduladas montañas e vexetación autóctona.

Unha sesión de balneoterapia en Laias

Ao rematar a visita suxerímosvos que culminedes a tarde cunha sesión de balneoterapia nas instalacións termais de Laias. Segundo está documentado tamén o facía o rei de León Bermudo II, que no ano 999 acudía a estas terras acompañado do príncipe Alfonso para repoñerse da gota que padecía, a sabendas das propiedades salutíferas destas augas hipertermais, que hoxe coñecemos que son predominantemente bicarbonatadas e alcalinas. Gozar dun baño na piscina exterior de auga quente non só reporta beneficios para a saúde senón unhas excelentes vistas, pois é como un balcón onde mirar as augas do Miño remansadas no encoro de Castrelo de Miño. Se nos apetece tamén podemos realizar un tratamento de saúde, relax ou beleza.

"Mentras auga teña o Miño, no Ribeiro non falta viño" .
 Dito popular

Acompañamos os mellores manxares da zona cunha copa de ribeiro

Á hora da cea existe unha gran variedade de produtos autóctonos de calidade cos que agasallar o padal. Xunto cunha copa de viño da Denominación de Orixe Ribeiro podemos escoller pan de Cea e un prato de polbo á feira, ao estilo de como o preparan na localidade próxima do Carballiño, famosa polas súas polbeiras, acompañado de cachelos e uns pementos da Arnoia, se é temporada. Se preferimos a carne, podemos decantarnos por unha cachucha ou lacón con grelos.

 

Día 2º

Coñecemos os lugares onde os monxes trouxeron as primeiras cepas de viño a principios do milenio pasado

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Despois de almorzar propoñémosvos comezar a somerxervos na cultura vitivinícola destas terras cunha visita a algunha das adegas amparadas pola Denominación de Orixe Ribeiro. O mosteiro cisterciense de San Clodio, no próximo concello de Leiro, está considerado o xerme do nacemento dos viños da zona, onde os monxes da Orde trouxeron as primeiras cepas a principios do milenio pasado.

No contorno existen ademais exemplos de adegas da Denominación de Orixe, como a de Viña Meín, na parroquia de San Clodio, que vos poden introducir na historia, a produción e as características dos viños que aquí se cultivan. Se a visitades poderedes pasear entre os viñedos dunha plantación de treixadura, unha das variedades de uva branca preferentemente utilizadas pola Denominación de Orixe, e percorrer as instalacións da adega. Xunto ao viñedo tamén hai unha construción tradicional rehabilitada e acondicionada como aloxamento rural; dende a súa galería vense os viñedos ascendendo pola ladeira. Culminaremos a visita degustando os caldos producidos pola adega, acompañados dunhas tapas, tan populares en Galicia.

Unha visita ao Mosteiro de San Clodio

Despois recomendámosvos que coñezades o mosteiro de San Clodio, que se converteu en hotel-monumento con categoría de catro estrelas pero está aberto ás visitas. É posible pasear polos xardíns e polos soportais dos seus claustros ou acceder á igrexa románica, que alberga no seu interior un interesante retablo e un curioso artesoado mudéxar baixo o coro.

Ademais, o mosteiro atópase enclavado nun val rodeado de viñedos, por onde resulta delicioso camiñar. Animámosvos a que vos acheguedes á ponte medieval de San Clodio, do século XV, que mostra na súa parte central un interesante cruceiro. Xunto co mosteiro forma un conxunto que ostenta a condición de Monumento Histórico-Artístico Nacional.

Carne, ribeiro e licor café

Á hora de xantar a zona conta con varios restaurantes, tanto no hotel-monumento de San Clodio como en distintas casas rurais. Ademais dos excelentes caldos da Denominación de Orixe Ribeiro é posible degustar boas carnes. Para acompañar a sobremesa non esquezades pedir unha copiña de licor café, pois o da veciña parroquia de Berán goza de xusta fama.

Un pazo do século XVIII convertido en adega

Pola tarde, xa repousada a comida, podedes poñer rumbo á poboación de Santa Cruz de Arrabaldo, próxima a Ourense, onde atoparemos un exemplo significativo das adegas da Denominación de Orixe Ribeiro, a Adega Pazo Casanova. Os seus viñedos das variedades treixadura, albariño, godello e loureira están xunto a un pazo do século XVIII, que pertence á adega e a onde accedemos tras pasar os seus muros de pedra. A adega colabora coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia en proxectos que perseguen o desenvolvemento e evolución dos viños da zona, que poderemos degustar xunto cos destilados que elaboran.

Trala visita podedes concluír relaxadamente a tarde nas instalacións do Balneario de Laias, antes da cea.

 

Día 3º

Ourense, capital termal de Galicia

Despois do almorzo suxerímosvos unha visita á cidade de Ourense, capital termal de Galicia, con gran atractivo patrimonial e comercial.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

No centro histórico atópase un dos seus símbolos, a fonte neoclásica das As Burgas, onde fumean as augas que abrollan dela a altas temperaturas. Existen dúas lendas: unha que di que a orixe do manancial está nun volcán en repouso baixo a cidade e outra que o establece baixo a Capela do Santo Cristo, na Catedral de Ourense, basílica de visita obrigada.

No casco histórico atoparedes tamén a Praza Maior, unha curiosa praza inclinada rodeada de edificios con preciosas galerías brancas; e a igrexa de Santa Eufemia, xa de camiño cara á zona máis moderna da cidade, coa que conecta a través da Rúa do Paseo. Esta é a grande arteria peonil de Ourense, unha rúa de gran dinamismo, onde vos chamarán a atención os seus establecementos comerciais, en especial os de moda de calzado e téxtil.

Arriba