O xeodestino Terras de Santiago abrangue os concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra.

Estas son terras con un gran patrimonio artístico e monumental. Terras de Santiago deseña un mapa de camiños que conflúen no Camiño de Santiago. Unha ruta espiritual non exenta de praceres gastronómicos. Na beira do Sar, Padrón, berce de escritores como Rosalía de Castro ou o premio Nobel C.J. Cela, agarda aos que chegan por mar co mellor da súa horta, os famosos pementos de Padrón (Pemento de Herbón).

Patrimonio

Catro Camiños a Santiago vertebran este xeodestino impregnándoo de pegadas da cultura xacobea. A Vía da Prata atravesa os concellos de Vedra e Boqueixón. O Camiño Portugués chega a Santiago a través de Padrón, Rois e Teo; a Ruta de Fisterra-Muxía atravesa Ames, Negreira e Santa Comba. A Ruta do Mar de Arousa remataba historicamente en Padrón.

O paso dos camiñantes durante séculos por este destino deixou tras de si un ronsel de manifestacións artísticas, arquitectónicas e culturais que chegou ata os nosos días e que identifica estas terras como destino turístico.

A magnífica riqueza patrimonial de Terras de Santiago fai deste xeodestino un mundo de posibilidades para todos os interesados no culto e na cultura xacobea pero tamén na arquitectura civil, nas paraxes naturais, na arquitectura fortificada e nos costumes e tradicións populares. 

Entre o patrimonio relixioso desta parte de Galicia fai falta resaltar santuarios como o de Santa María de Herbón ou a igrexa de Santiago de Padrón que garda o Pedrón (ara romana dedicada a Neptuno na que, segundo a Tradición, amarrouse a barca de pedra que transportou o corpo do Apóstolo Santiago); tamén ostentan gran relevancia as igrexas de San Vicente na Baña, a de Santa María de Lampai en Teo, a igrexa de Bastavales (á que canta Rosalía de Castro nos seus poemas).

O Camiño de Santiago propicia a aparición de numerosos elementos patrimoniais e históricos vinculados á ruta e espallados por todo este territorio, como é o caso da fonte barroca e a capela do Santiaguiño en Vedra. En Negreira, ademais do magnífico Pazo do Cotón e da singular paraxe da Ponte Maceira co Pazo de Baladrón, está o Pazo da Chancela, en cuxo escudo pódese ver a ponte que coa súa destrución cortoulles o paso aos perseguidores dos discípulos de Santiago que fuxían do legado romano de Fisterra; en Brión, o Castro Lupario, dominado pola raíña Lupa e delimitado por murallas; en Boqueixón, o Pico Sacro preside as paisaxes circundantes e está vinculado á tradición da Traslatio do corpo do Apóstolo de Iria a Compostela. Tamén existen na zona recursos museísticos moi relevantes como a Casa Museo da Matanza en Padrón, onde viviu e faleceu Rosalía de Castro.

Espazos naturais

Terras de Santiago ofrece tamén sorprendentes paraxes naturais como o sistema fluvial Ulla-Deza; e os Lugares de Importancia Comunitaria do Río Tambre (e parte do seu estuario) e da Serra do Careón. Outros espazos coa natureza como reclamo son a Carballeira de Santa Minia en Brión ou o Xardín Botánico de Padrón.

Festas e gastronomía

Ademais de ser berce de famosos literatos como Rosalía de Castro e o Premio Nobel Camilo José Cela e de ser unha vila de gran relevancia no culto e a cultura xacobea, Padrón é coñecida por un dos produtos dos seus campos de cultivo: os pementos de Padrón. Aínda que a Denominación de Orixe Protexida deste produto é Pemento de Herbón, debido ao topónimo da parroquia na que se sitúa o convento de Santo Antonio de Herbón, ao que se vincula a introdución deste pemento procedente de América. Curiosamente, non todos os pementos presentan sabor picante, senón que este aparece ocasionalmente, de aí a coñecida frase popular: os pementos de Padrón, uns pican e outros non.

No tocante ás celebracións e eventos turísticos máis relevantes da zona, fai falta destacar as festas de Interese Turístico de Galicia como a da Filloa en Lestedo e a do Pemento de Herbón (en Padrón). Durante o entroido, nos concellos de Boqueixón, Teo e Vedra celébranse os atranques ou altos dos Xenerais da Ulla.

DESTACADO: Casa Museo de Rosalía de Castro e a Ruta da Camelia

Coñecida tamén como Casa da Matanza de Padrón, nela faleceu a escritora Rosalía de Castro en 1885. Conserva practicamente inalterada a súa estrutura orixinal e pódense contemplar numerosas fotos da poetisa, dos seus familiares e amigos, recordos persoais, escritos e multitude de obxectos cotiáns da Galicia do século XIX.

Por outra banda, a Casa Museo de Rosalía de Castro está dentro da Ruta da Camelia, destacando nos seus xardíns a camelia do patio que foi traída a mediados do século pasado. Preto da Casa da Matanza pódese gozar do Xardín Botánico-Artístico con preto de 300 especies.

A poucos quilómetros, en Vedra, dentro tamén da Ruta da Camelia pódese gozar do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla co seu impresionante paseo de oliveiras.

Arriba
Axúdanos a mellorar!