Este recuncho das Rías Baixas é un dos puntos de maior atractivo para a observación de aves de toda Galicia. A súa mestura de marismas, praias, calas, acantilados escarpados e illas deshabitadas atraen especies únicas. Non todo o mundo sabe que, máis alá das súas turísticas praias, existe un paraíso que descubrir, con miles de aves de ducias de especies diferentes. 

Un paraíso de aves nas Rías Baixas

Esta importante área de observación de aves está conformada por dous escenarios claramente diferentes: O Grove e concellos adxacentes, cos seus diferentes ecosistemas litorais, e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, entre as que destacamos as Cíes, a illa de Ons e a de Sálvora.

No Grove e a súa contorna podemos visitar tramos de costa rochosa con praias, marismas, dunas e o afamado intermareal da enseada do Vao. Rodeando o conxunto, podemos mencionar tamén a existencia de campos de cultivo e antigas explotacións de arxila que atraen máis aves. En definitiva, estamos nun dos lugares máis extraordinarios para a observación de aves acuáticas e mariñas do norte da península Ibérica, onde se contabilizaron centros de especies, algunhas delas particularmente escasas ou difíciles de observar. O Parque Nacional inclúe illas nas que alternan abruptos acantilados con plácidas praias (como as Cíes ou Ons), outras de perfil máis suave (como Sálvora) ou baixas e arboradas (como Cortegada). As colonias de aves mariñas son aquí as protagonistas.

 

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche “Tringa”

MELLOR ÉPOCA

Entre setembro e febreiro (limícolas e patos) ou abril e maio (migración primaveral e reprodución)

DISTANCIA

37 km

DURACIÓN

4 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo

PERCORRIDO

Cambados - Esteiro do río Umia - Esteiro da Chaca - A Fianteira - Arnosa - Marisma do Vao - Illa da Toxa - O Grove - Esteiro de Terra do Porto

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Partindo da Seca xunto ao porto de Cambados (1) seguirmos cara ao sur parando no esteiro do Umia (2) (3), no esteiro da Chanca (4) e na Fianteira (5).
  2. Na estrada que atravesa o istmo da Lanzada podemos parar en calquera dos seus observatorios (6), (7), (8). Neste percorrido poderemos observar a maioría das especies presentes na área: cullereiro común, bilurico claro, bilurico común, gabita común, pilro gordo, mazarico real e chiador, ánade friso, cerceta común ou gaivotas de diferentes especies.
  3. Finalizaremos o percorrido no esteiro de Terra de Porto (9), con presenza de gaivotas e limícolas.

Roteiro para coche “Melanitta”

MELLOR ÉPOCA

Entre novembro e maio (sobre todo entre finais de decembro e comezos de febreiro)

DISTANCIA

27 km

DURACIÓN

De 2 a 3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

O Grove

PERCORRIDO

Miradoiro de Barreiros - Sanxenxo - Portonovo - Aios - Capela da Lanzada - Praia da Lanzada - Marisma do Vao - As Pantoeiras - Paxareiros - Pedras Negras - Punta Pateiro

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Partindo de Sanxenxo (1), continuamos bordeando a costa ata O Grove. Observando sempre o mar aberto (2), (3) (4), é posible anotar non poucas especies como a pardela cincenta, o furabuchos das baleares ou a palleira grande, diferentes gaivotas, o corvo mariño grande e o cristado, a mobella grande e a ártica ou, con algo máis de sorte, o arao dos cons.
  2. En calquera das praias do percorrido poderemos observar pilros tridáctilos e virapedras.
  3. Pasando polo istmo da Lanzada, chegamos á marisma do Vao (5), onde é posible ver cullereiros e unha impresionante cantidade de exemplares de diversa especies de anátidos e limícolas.
  4. Visitamos por último varias atalaias sobre a baía da Lanzada (6) (7) (8) e sobre a bocana da ría (9).

Roteiro para bicicleta ou a pé “Fulica”

MELLOR ÉPOCA

Abril e maio

DISTANCIA

10 Km

DURACIÓN

3-4 horas a pé, 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

O Grove

PERCORRIDO

San Vicente do Grove - Area Grande - A Mexilloeira - Lagoa da Bodeira - A Gandariña - Balea - San Vicente do Grove

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde San Vicente do Grove (1), a ruta lévanos ao noso destino: a lagoa Bodeira (2).
  2. Aquí poderemos observar tanto aves propias do litoral píllara das dunas ou pilro tridáctilo) como aves acuáticas ligadas a zonas húmidas mergullón pequeno, galiñola negra, rascón común ou escribenta das canaveiras). Igualmente desfrutaremos de multitude de aves terrestres como a avenoiteira cincenta, a papuxa cabecinegra ou a carriza dos xuncos.

 

Roteiro para bicicleta ou a pé “Alauda”

MELLOR ÉPOCA

Entre os meses de novembro e maio

DISTANCIA

13 Km

DURACIÓN

4-5 horas a pé, 2-3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

O Grove, Sanxenxo

PERCORRIDO

Praia da Lanzada - A Revolta - Os Leiros - Campos de Rouxique - Barreiras de Rouxique - Rouxique - A Revolta - Praia da Lanzada

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos desde o aparcadoiro sur da praia da Lanzada (1) ata chegar ás lagoas naturalizadas de Rouxique (2).
  2. Debemos prestar atención particularmente ás aves nas diferentes barreiras e tamén nos campos (3) e dunas (4). Trátase dunha ruta particularmente apropiada para observar especies acuáticas como o rascón común, o picapeixe, o mergullón pequeno, a galiñola negra ou a escribenta das canaveiras, así como especies típicas de pequenos bosques lindeiros e campos de cultivo, como o lagarteiro común, a laverca ou a papuxa cabecinegra.

Roteiro a pé “Monedula”

MELLOR ÉPOCA

Primavera e finais de verán

DISTANCIA

17 Km

DURACIÓN

5-7 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Bueu

PERCORRIDO

Peirao de Ons - Canexol - Pereiró - Puntal de Fedorento - Litoral occidental - O Centolo - Praia de Melide - Peirao de Ons

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. A ruta parte do peirao (1) e segue o litoral da illa. Durante todo o traxecto podemos observar as especies máis características desta illa e do Parque Nacional: a gaivota patiamarela e o corvo mariño cristado, pero tamén un bo número de especies, tanto mariñas furabuchos das Baleares ou mascato do Atlántico) como terrestres gralla pequena, carriza dos xuncos, falcón peregrino ou pedreiro cincento)

Roteiro para bicicleta ou a pé “Charadrius”

MELLOR ÉPOCA

De outubro a marzo

DURACIÓN

4 horas a pé, 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Illa de Arousa

PERCORRIDO

Praia do Vao - Praia de Camaxe - Valado de madeira - Litoral do Carreirón - Observatorio - Valado de madeira e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

A ruta transcorre pola parte sur da Illa de Arousa (1). No percorrido poderemos ver diferentes especies de limícolas como a píllara das dunas, o pilro tridáctilo, o mazarico real e o chiador ou a gabita común, ademais de garzas reais, garzotas pequenas, carráns cristados ou varias especies de gaivotas. Con algo de sorte poderemos observar outras especies de grande interese como mobellas grandes, mergos cristados ou mergullóns de pescozo negro. Tamén hai especies terrestres como a carriza dos xuncos e a papuxa cabecinegra.

Roteiro a pé “Larus”

MELLOR ÉPOCA

Finais de verán

DISTANCIA

4 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Vigo

PERCORRIDO

Peirao de Cíes - Dique de Boca do Lago - Faro de Cíes

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. A ruta parte do peirao (1), ao norte da praia de Rodas (considerada por algúns, a mellor do mundo).
  2. No punto medio do itinerario, temos acceso ao observatorio de aves (2) que se asoma aos acantilados colgados sobre o mar aberto. Podemos observar as aves mariñas existentes, as súas colonias e, especialmente na contorna do faro (3), andoriñóns reais.
  3. A ruta cruza desde a Illa de Monteagudo ata a Illa do Faro, que precisamente será o noso destino.

Roteiro a pé “Aristotelis”

MELLOR ÉPOCA

Primavera e finais de verán

DISTANCIA

3 Km

DURACIÓN

1,30 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Vigo

PERCORRIDO

Peirao das Illas Cíes - Faro da Porta

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

Esta ruta, en parte, é común á anterior.

  1. Parte do peirao (1), ao norte da praia de Rodas pero, en vez de ascender ao Faro de Cíes, continúa bordeando o mar (2).
  2. Finaliza no outro faro, o da Porta (3). No traxecto poderemos observar as colonias de gaivota patiamarela e outras aves mariñas.
As aves

Na contorna do Grove destaca a presenza de miles de limícolas, gaivotas de diferentes especies e outras aves acuáticas como garzas ou anátidos, en especial entre setembro e febreiro. O fermoso cullereiro é unha das especies icónicas que podemos observar aquí con facilidade. A enseada do Vao, a baía da Lanzada, as barreiras de Rouxique e o esteiro do río Umia son puntos indicados para a súa observación. A mellor época para ir ás illas de Sálvora, Ons e Cíes vai desde abril ata xuño (migración primaveral e cría de aves mariñas) ou desde mediados de agosto a comezos de novembro (migración outonal). As colonias de aves mariñas, en especial a gaivota patiamarela e o corvo mariño cristado, son particularmente atractivas. Recoméndase visitar previamente a web do Parque Nacional.

Podemos completar o nos periplo por este espazo natural cunha expedición en barco (o Chasula) desde O Grove ata as 12 millas ao oeste da illa de Ons co fin específico de observar aves mariñas en migración. Esta travesía é especialmente interesante entre finais de xullo e comezos de novembro, cando poderemos observar multitude de aves pouco comúns como a gaivota de Sabine ou o paíño de Wilson.

Consellos e recursos
  • Atención aos lugares sensibles, como lagoas, xunqueiras ou dunas. A súa flora e fauna son moi delicadas. 

  • En toda a contorna do Grove atoparemos diferentes observatorios de aves de grande utilidade. Recoméndase planificar a visita en función da posición do sol e a marea; o mellor momento é cando esta está subindo. 

  • Non esquecer de levar protección para o sol e a auga, sobre todo nos itinerarios polas illas.

  •   É recomendable o uso do telescopio en case todo o espazo, especialmente no Grove.

  • Respectar en todo momento as normas do Parque Nacional.
     

Arriba