É un dos lugares máis visitados das Rías Baixas, grazas á súa enorme duna móbil de 20 metros de altura, as súas inmensas praias e o seu patrimonio megalítico. Alén diso, Corrubedo ten tamén un enorme atractivo ornitolóxico que paga a pena descubrir.

As aves da area

Ademais dun lugar de indubidable beleza paisaxística e singulares elementos xeolóxicos e humanos, Corrubedo é unha importante zona de reprodución, migración e estadía invernal de aves. O parque natural abrangue hábitats costeiros (como praias, rochedos litorais, marismas e dunas) e tamén de interior (como bosquetes, campos de cultivo, charcas e áreas de matogueira).

Os roteiros

Roteiro en coche: Castro de Baroña - Cabo de Corrubedo

MELLOR ÉPOCA

En época de migración (de setembro a novembro e de marzo a maio)

DISTANCIA

32 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Porto do Son, Ribeira

PERCORRIDO

Castro de Baroña - Cabo de Corrubedo

Puntos clave da ruta

  1. Desde o castro de Baroña (1) podemos observar a presenza de aves mariñas como o mascato do atlántico e o furabuchos das Baleares.
  2. A continuación, tomamos a AC-550 e atravesamos Queiruga (2) en dirección a Caamaño. No traxecto veremos a avenoiteira cincenta e a papuxa cabecinegra.
  3. Desde alí, seguindo unha pista á dereita cara á praia de Arealonga, entrando polo seu flanco norte ata a zona dunar (3) (onde se localiza a píllara das dunas e a laverca común) e o esteiro do río Sieira (onde é posible ver gaivotas arxénteas e canas).
  4. Máis ao sur, en Xuño (4), habemos ver o pardal montés e o cardeal común, e cara á costa, a avenoiteira cincenta, a cotovía pequena e a papuxa común. Nas lagoas de Xuño e Muro (5), en primavera son frecuente as cercetas albelas e, a últimos do verán, as folosas dos xuncos e diversas limícolas.
  5. Un pouco máis ao sur, no extremo norte do parque natural de Corrubedo, ao pé da duna móbil (6), podemos tentar buscar co telescopio o alcaraván común.
  6. Máis ao oeste, na entrada do núcleo urbano de Corrubedo, pola primeira rúa asfaltada á esquerda iremos cara á Pedra do Pino e o litoral rochoso da Comboa (7). Aquí é posible rexistrar a gabita común e o pilro tridáctilo.
  7. Desde o centro de Corrubedo chegamos ás inmediacións do porto (8), onde podemos observar carráns cristados e pardais das rochas.
  8. A continuación, habemos coller a estrada que nos leva ata o faro para observar o paso de aves mariñas como o corvo mariño cristado, prestando atención ás áreas abertas, arbustos e cables pola zona, en busca de aves terrestres migratorias.

Roteiro en coche: Porto de Ribeira - Centro de Interpretación de Corrubedo

MELLOR ÉPOCA

Sobre todo en inverno (entre decembro e febreiro)

DISTANCIA

20 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Ribeira

PERCORRIDO

Porto de Ribeira - Centro de Interpretación de Corrubedo

Puntos clave da ruta:

  1. A ruta iníciase no porto de Ribeira (1), onde xa poderemos localizar carráns cristados e gaivotóns reais.
  2. Seguimos a costa deica o peirao de Touro (2), onde habemos ver o pentumeiro común e a gaivota arxéntea.
  3. A continuación, a través das praias de Castiñeiras e do Castro, chegamos a Aguiño (3). No camiño observaremos a píllara das dunas e, se cadra, a cotovía cristada e, ao chegar ao porto, o pilro tridáctilo e a gaivota cabecinegra.
  4. Atravesando a poboación ata o cruce coa CP-7306, continuamos cara ao oeste deica o cruce nos Castriños (4), onde existe a posibilidade de atopar o pardal das rochas.
  5. Prosigue o camiño ata as puntas Falcoeiro e Couso (5), onde habemos poder observar o pilro escuro e presenciaremos o paso de aves mariñas.
  6. Desde A Graña accederemos a pé ata o observatorio ornitolóxico da lagoa de Vixán (6) para rexistrar anátidos, garzas reais e vermellas, así como tartarañas das xunqueiras.
  7. Volvendo á Graña, pasando por Monte Vixán, avanzamos ata O Vilar (7), onde veremos mouchos pequenos e de orellas para, a continuación, descender cara ao aparcadoiro da praia. Dando un paseo polas pistas acondicionadas, con algo de sorte podemos albiscar o esmerillón e a curuxa das xunqueiras.
  8. Camiñando cara ao nordeste chegamos finalmente á "Casa da Costa" (8), centro de recepción de visitantes do Parque Natural de Corrubedo e ademais Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia. No seu piñeiral poderemos observar aves forestais como a avenoiteira cincenta e o moucho de orellas.

Roteiro a pé ou en bici: Lagoa de Xuño - A Sarrosa e regreso

MELLOR ÉPOCA

Especialmente de outubro a xuño

DURACIÓN

2-3 horas a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Porto do Son

PERCORRIDO

Lagoa de Xuño - Lagoa de San Pedro de Muro - A Sarrosa e regreso

Puntos clave da ruta:

  1. Desde o acceso á lagoa de Xuño (1) camiñamos pola zona dunar cara ao oeste. No traxecto habemos observar a laverca común e a papuxa do mato.
  2. Ao alcanzar a canle de desaugue da lagoa de Muro (2) localizaremos lavandeiras amarelas e limícolas sedimentadas.
  3. Se seguimos ao sur, podemos observar comodamente as aves desde o observatorio da lagoa (3). Aquí é posible rexistrar a tartaraña das xunqueiras e, ocasionalmente, a garza vermella.
  4. Tomando un camiño de terra cara ao piñeiral, seguiremos bordeando a lagoa polo sueste e polo sur ata o bordo da canaval (4), observando a folosa das canaveiras e a escribenta das canaveiras, que nidifica nesta zona.
  5. Habemos proseguir ata chegar a unha pasarela de madeira (5) que nos levará pola cabeceira da duna ata a praia de Arealonga e as pedras da Sarrosa (6) para poder observar a mobella ártica e a gaivota arxéntea. Regrésase polo mesmo camiño ata o punto no que iniciamos a ruta.
As aves

Corrubedo é unha das tres principais localidades de Galicia onde crían o alcaraván común e a píllara das dunas. Tamén, o pato frisado, garza vermella, a tartaraña das xunqueiras, a poliña pinta e a escribenta das canaveiras. Ademais, este parque é un lugar de parada e fonda para aves en migración e tamén unha importante zona de estadía invernal: gabitas comúns, pilros escuros e tridáctilos e virapedras fan seus os rochedos e calas no inverno. A partir de novembro aparecen nas dunas esmerillóns, píldoras douradas e curuxas das xunqueiras.

Consellos e recursos
  • Levar calzado axeitado (botas de auga ou de tecidos hidrófugos) en outono e inverno.

  • Recoméndase o uso do telescopio para a observación das aves acuáticas.

  • Respectar estritamente as normas do parque natural.

  • Transitar só por camiños, sen invadir as leiras.

Arriba