Na península do Morrazo, preto das cidades de Vigo e Pontevedra, no corazón das Rías Baixas, existe un tramo de costa acantilada de extraordinaria beleza.

No remate do verán e durante o outono é unha estupenda atalaia para observar a migración de aves; na primavera permítenos, ademais, buscar algunhas que crían entre os cantís. É aconsellable realizar as observacións durante as primeiras horas da mañá, con menos tráfico de persoas, maior actividade das aves e mellor luz para o avistamento.

O balcón das Cíes e Ons

A paisaxe desta contorna é espectacular e agreste. Aínda se atopa ben conservada en moitos sectores e atesoura unha notable diversidade de aves nidificantes, tanto nos matos coma nos cantís. Tamén é un lugar idóneo para a observación de aves mariñas en migración fronte á costa.

Na chamada ría de Aldán o perfil é máis suave, con algunhas praias e zonas de dunas. No interior predominan as plantacións de eucaliptos e piñeiros con pequenas áreas de mosaico rural e aldeas. Estas últimas zonas dan acubillo a unha interesante riqueza ornitolóxica.

Os roteiros

Roteiro a pé ou en bici: Beluso - Cabo Home

MELLOR ÉPOCA

Entre outubro e decembro

DISTANCIA

26 Km

DURACIÓN

2-3 horas en bicicleta e 4-5 horas a pé

DIFICULTADE

Media

CONCELLOS

Bueu, Cangas

PERCORRIDO

Beluso - Aldán - O Hío - Vilanova - Punta de Couso - O Hío - Donón - Cabo Home

Puntos clave da ruta

  1. Desde o núcleo de Beluso (1) dirixímonos cara ao sur atravesando zonas de campos de cultivo e viñedo, onde habemos poder observar o papamoscas negro e a papuxa común.
  2. Chegados a Aldán e á praia de Vilariño, no fondo da ría de Aldán (2), podemos ver mergullóns de pescozo negro e, de xeito máis irregular, éider común.
  3. Unha vez no Hío (3) habemos anotar a papuxa cabecinegra e o bico de coral.
  4. Desde alí tomamos unha estrada cara a Vilanova e a punta de Couso (4), con vistas á boca da ría de Pontevedra, para ver furabuchos das baleares e pardela cincenta do atlántico.
  5. Regresando ao Hío (3), tomamos esta vez a estrada de Nerga, pero desviámonos cara a Donón e á costa de Soavela (5), onde é posible ver o merlo azul e mais o corvo grande.
  6. O noso itinerario termina no cabo Home (6) para ver o corvo mariño cristado e o pedreiro cincento.

Poderemos realizar este percorrido combinando o vehículo con pequenos paseos.

Roteiro a pé ou en bici: Cabo Udra (Bueu) - Leiras do Covelo e regreso

MELLOR ÉPOCA

Setembro e outubro

DURACIÓN

4-5 horas a pé e 2-3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa-media

CONCELLOS

Bueu

PERCORRIDO

Cabo Udra (Bueu) - Beluso - Leiras do Covelo - Cabo Udra e regreso

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Beluso (1) seguimos a pista en dirección ao cabo Udra. Na zona do Covelo (2)  tomamos unha pista á esquerda buscando aves migrantes presentes nas sebes e nos bosquetes, como a folosa manchada ou a dos xuncos.
  2. Dirixímonos cara ao cabo, tras volver á pista, e pasamos primeiro por unha área de eucaliptos e piñeiros. Despois atravesamos pequenas masas de salgueiros (3) que nos permitirán ver a estreliña riscada e mais o cardeal común.
  3. Conforme rarea a vexetación imos ir observando migratorias como o chasco norteño e a papuxa común.
  4. Nas masas illadas de salgueiros pódense observar papamoscas negros e picafollas musicais.
  5. No camiño cara á punta do cabo (4) predomina o toxo, onde habitan papuxas do mato e cabecinegras. Nas zonas rochosas podemos acotío atopar o pedreiro cincento e, máis puntualmente, algún merlo azul.
  6. Fronte ao cabo rexístrase a presenza da pardela cincenta e da palleira parasita.
As aves

Podemos comezar a visita no faro de Punta Subrido, con boas vistas matinais sobre as illas Cíes e sobre as aves mariñas da boca da Ría de Vigo. As especies máis interesantes desta zona son, sen dúbida, o corvo mariño cristado, o mascato do atlántico e mais o furabuchos das Baleares. Desde o cabo Home imos ter estupendas vistas sobre o extremo norte das illas Cíes e, xa desde agosto, poderemos avistar palleiras parasitas e palleiras grandes. Nos meses primaverais e outonais, se percorremos a pista que leva cara a Donón cómprenos estar atentos ao mar para vermos aves en migración, ademais doutras residentes como a escribenta riscada e as papuxas do mato e cabecinegra. Na época de cría é posible observar algún andoriñón real e quizais cos prismáticos poidamos descubrir enriba dos penedos algún merlo azul. Nun punto podemos tomar un carreiro cara ao norte e visitar a costa de Soavela, ou ben baixar cara ao Hío paseando entre os piñeirais, onde abunda a avenoiteira cincenta, que pode verse na tardiña e pola noite. O fondo da ría de Aldán, en Vilariño, podería depararnos a visión de gaivotas canas, mergullóns de pescozo negro, gabitas comúns e, no inverno, carolos. Máis ao norte, no outono, sobre todo con ventos fortes do suroeste, o cabo Udra é unha boa atalaia para a observación de aves mariñas. Fronte ao cabo, durante o mes de setembro existe a posibilidade de ver ducias de palleiras parasitas nun espazo de repouso único en Galicia.  

Consellos e recursos
  • Levar calzado cómodo para o percorrido, xa que é moi sinuoso e pedregoso.

  • É recomendable o uso do telescopio para a observación das aves mariñas.

  • Aconséllase prestar atención ao tráfico preto do Hío e de Vilariño, debido á estreiteza da estrada.

Arriba