Case 200 especies de aves se levan rexistradas nesta ría densamente urbanizada, a cuxas beiras se sitúa a cidade máis grande de Galicia e onde, así e todo, podemos gozar de excelentes recantos para a observación de aves.

Sobresae a enseada de San Simón e algunhas das praias e xunqueiras en ambas as marxes da ría. Fóra do período estival, ofrécenos multitude de posibilidades de observación. Vamos descubrilas!

Aves na ría máis urbana

A ría de Vigo é unha ría de perfil estreito e densamente poboada nas súas beiras. De entre os diversos núcleos habitados destaca a cidade de Vigo, de case 300.000 habitantes. A ría está limitada polas montañas do Morrazo polo norte e os contrafortes do Galiñeiro polo sur. Na súa zona máis interna ensánchase para formar a enseada de San Simón, con enormes cantidades de patos e limícolas en outono e inverno. Os arredores da praia da Xunqueira, en Moaña, acollen grandes grupos de gaivotas e algunhas limícolas e carráns.

Os fondos pouco profundos fronte ás praias da zona externa da ría (Barra, Nerga, Samil) poden depararnos concentracións de aves mariñas. A xunqueira do río Lagares en Vigo e a veciña praia de Samil permiten avistar un bo elenco de gaivotas, limícolas e garzas, ao igual que a lagoa e a zona litoral de Punta Balea en Cangas do Morrazo.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Arcade - Praia de Barra

MELLOR ÉPOCA

Entre outono e inverno

DISTANCIA

43 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Cangas, Moaña, Soutomaior, Vilaboa

PERCORRIDO

Arcade - Paredes - Vilaboa - Santa Cristina de Cobres - Meira - Moaña - Cangas do Morrazo - Punta Balea - Nerga - Praia de Barra

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. Desde o porto de Arcade (1) temos unha excelente panorámica da enseada de San Simón, onde imos poder observar anátidos e limícolas, incluíndo o bilurico escuro.
  2. Continuamos cara á ponte do río Verdugo (2), onde se adoita observar o picapeixe.
  3. De alí imos ata Os Caralletes (3), unha das mellores vistas sobre a enseada de San Simón e punto de observación de anátidos, garzas y diversas limícolas.
  4. Desde o pequeno peirao de Santa Cristina de Cobres aproximámonos á zona intermareal da praia de Riomaior (4), onde habemos atopar o carrán cristado e mais o bico de coral.
  5. Seguindo cara ao oeste, baixo a AP-9, chegamos a Domaio. Alí podemos dar un paseo a pé ata unha antiga canteira naturalizada (5) para ver o tordo charlo ou a papuxa cabecinegra, e mesmo podemos ascender ata Chan da Arquiña e o monte Xaxán para apreciar o lagarteiro común e a laverca común.
  6. De regreso a Domaio aproximámonos á enseada de Moaña (6), onde é posible albiscar aves acuáticas e catas arxentinas.
  7. Desprazándonos uns poucos quilómetros ao oeste, chegamos á praia de Rodeira (7), en Cangas. Alí poderemos anotar gaivotas cabecinegras e gaivotóns reais.
  8. Desde alí iremos ao porto da Congorza (8) e á lagoa homónima para ver mergullóns pequenos e láridos.
  9. Na veciña Punta Balea poderemos observar gaivotas cabecinegras, papuxas cabecinegras e bico de coral.
  10. Por último, na praia de Nerga veremos carolos e araos e, na de Barra, avenoiteiras cincentas e papuxa dos matos.

Roteiro a pé ou en bici: Paredes - Regato de Tuimil e regreso

MELLOR ÉPOCA

Entre agosto e xaneiro

DURACIÓN

2 horas en bicicleta, 3 horas a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Vilaboa

PERCORRIDO

Paredes - Punta Ulló - Xunqueira de Paredes - Regato de Tuimil e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. É especialmente interesante chegar á punta Ulló (1), desde onde obteremos as mellores vistas sobre os bandos invernantes de anátidos pato asubiador común, pato rabilongo e, algúns anos, ganso de cara negra e pato chupón). Tamén é posible observar a garzota grande e a aguia pescadora.
  2. Na xunqueira de Paredes (2), que atravesamos por un dique, habemos ver biluricos claros e biluricos escuros.
  3. Rodeando a xunqueira polo lugar de Cortes chegamos ao regato de Tuimil (3), onde poderemos observar folosas das canaveiras e amarelas.

Roteiro a pé ou en bici: Praia de Samil - Praia da Fontaíña e regreso

MELLOR ÉPOCA

Entre agosto e febreiro

DURACIÓN

2 horas en bicicleta, 3 horas a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Vigo

PERCORRIDO

Praia de Samil - Xunqueira do río Lagares - Praia da Fontaíña e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

Trátase dunha ruta excelente para a observación de aves en migración e estadía invernal.

  1. Na parte norte da praia de Samil (1) podemos observar gaivotas cabecinegras e carráns cristados.
  2. Desde alí continuamos atravesando as masas arborizadas e pequenos chalés da cabeceira da praia (2), onde hai presenza de catas arxentinas e estorniños negros.
  3. Seguiremos pola marxe norte da xunqueira (A Quintela) ata unha pequena ponte sobre o río Lagares (3). Alí veremos gaivotas choronas, picapeixes e bicos de coral.
  4. Bordeamos a depuradora de Coruxo de Abaixo (4) tomando nota da presenza de aves na xunqueira.
  5. Camiñamos ata a pequena praia da Fontaíña (5). No areal é posible ver diversas limícolas e láridos e, observando o mar fronte a esta praia, pentumeiros, mobellas grandes, pardelas cincentas e furabuchos das Baleares.
As aves

A aguia pescadora, o pato asubiador común, o bilurico escuro e, algúns anos, o ganso de cara negra, a garzota grande e o pato chupón son as especies máis interesantes da enseada de San Simón. Na praia da Xunqueira, na época adecuada, podemos ver pentumeiros, píldoras cincentas, pilros comúns, gaivotas cabecinegras e canas, e carráns cristados. Máis ao oeste, fronte a Barra e Nerga, é posible descubrir algúns carolos e araos e bo número de furabuchos das baleares e corvos mariños cristados, ademais de carráns cristados. Por último, na xunqueira do Lagares, son habituais os rascóns comúns e varias especies de gaivotas.

Consellos e recursos
  • Os mellores momentos para observar as aves nas praias da zona son a primeira hora da mañá ou a última da tarde.

  • Recoméndase o uso de telescopio en toda a enseada de San Simón

Arriba