Un paseo por Baldaio é sempre un privilexio. Non só pola impoñente paisaxe, senón pola enorme cantidade de aves que alí se citan, sobre todo durante as migracións e a estadía invernal.

Unha ollada ao mar fronte á praia, á marisma ou ás dunas que se erguen sobranceiras sobre todo este complexo húmido pode depararnos unha enorme variedade de aves, ás veces en número sorprendente.

Descanso de aves ás portas da Costa da Morte

Ata os anos 60, Baldaio era unha das principais zonas húmidas de Galicia. Daquela, unha serie de pouco afortunadas actuacións ambientais comprometeron a súa conservación. Hoxe, porén, mercé á protección da contorna é posible gozar dun mosaico de ecosistemas que son o fogar de innumerables seres vivos, con especial protagonismo para as aves.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Caión - Porto de Razo

MELLOR ÉPOCA

Entre setembro e febreiro

DISTANCIA

23 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Laracha, Carballo

PERCORRIDO

Caión - Porto de Razo

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. O porto de Caión (1) é interesante para observar aves mariñas de inverno, como o carolo, o arao ou, ás veces, o falaropo bicogroso.
  2. Desde a achegada punta das Olas (2) pode observarse o paso do mascato do atlántico, da pardela cincenta, da palleira grande e dalgúns álcidos.
  3. Tamén preto está a praia das Salseiras (3), onde habemos rexistrar a gaivota arxéntea e mais o gaivotón real.
  4. Logo collemos o desvío cara a Noicela e o cámping de Baldaio. Unha vez aquí espreitamos a xunqueira desde a pasarela (4), na procura do rascón común e da carriza dos xuncos. Durante os pasos migratorios e no inverno tamén buscaremos combatente e pica costeira, respectivamente.
  5. A seguir desprazámonos cara ao norte para ver a canle de desaugue da lagoa (5). Neste punto pódense atopar píllaras reais, carráns cristados e pedreiros cincentos.
  6. Continuamos cara ás comportas e o sector máis próximo á zona húmida (6), onde se localizan limícolas, gaivotas e escribentas das neves.
  7. Volvendo cara a Noicela, dirixímonos antes a Rebordelos (7) para intentar avistar pimpíns do norte e cardeais comúns.
  8. Sambide e a xunqueira ao sur da zona húmida de Baldaio (8) son idóneos para a observación do rascón común, o mazarico real e, ocasionalmente, o pato branco.
  9. De novo na estrada, atravesamos Lema, Cambre e Arnados. No traxecto habemos ver o pardal montés e, por veces, a escribenta amarela.
  10. Tras poucos quilómetros chegamos a Razo da Costa e ao porto de Razo (9), onde rematamos a ruta sumando á nosa lista mobellas árticas e grandes e corvos mariños cristados.

Roteiro a pé ou en bici: Castrillón - Castrillón

MELLOR ÉPOCA

De outono a primavera

DURACIÓN

2-3 horas a pé e 1-2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Carballo

PERCORRIDO

Castrillón - Canaval de Outeiro - Xunqueira de Baldaio - Castrillón

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde o lugar de Castrillón (1) imos pola estrada ata a aldea de Outeiro. Collemos logo un carreiro perpendicular á praia e chegamos deica o canaval de Outeiro (2), para ver o rascón común e mais a escribenta das canaveiras.
  2. O camiño continúa logo cara ao leste polas dunas (3). No traxecto imos atopar píllaras das dunas e escribentas das neves. En chegando á xunqueira que está a carón da zona húmida de Baldaio habemos poder ver mazaricos reais e carrizas dos xuncos. Desde alí tamén habemos albiscar as limícolas e anátidos da lagoa (4).
  3. Podemos buscar o inicio do dique (5), sen molestar as aves da xunqueira, procurando os camiños anteriores a este deica o camiño de acceso ao dique e logo ata Lema, para despois subir por áreas de cultivo ata Castrillón (6), onde se localiza o tordo rubio e, ocasionalmente, o pimpín do norte.

Roteiro a pé ou en bici: Comportas da zona húmida de Baldaio - Cámping de Baldaio e regreso

MELLOR ÉPOCA

De outono a primavera

DURACIÓN

2-3 horas a pé e 1-2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Carballo

PERCORRIDO

Comportas da zona húmida de Baldaio - Pedra do Sal - cámping de Baldaio e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Trátase dunha ruta litoral por unha zona de dunas (1), aproveitando os camiños existentes. É unha boa oportunidade para observar as últimas cotovías cristadas da zona, ademais de lavercas e, na época axeitada, pedreiro cincento. A Pedra do Sal (2) con marea chea é un lugar habitual de repouso de limícolas. Entre agosto e decembro é tamén punto de paso de aves mariñas como a pardela cincenta, o carolo e o arao.
As aves

Baldaio aínda acubilla no seu seo espazo e alimento para miles de aves acuáticas: patos, garzas, corvos mariños, limícolas, gaivotas, carráns e multitude de paseriformes. Na época acaída (de setembro a maio) só temos que estar atentos á marea (mellor cando empeza a baixar) para observar mazaricos reais e mazarico chiadores, píldoras cincentas, mazaricos rabinegros, pilros comúns, biluricos patirrubios, gabitas e píllaras reais, canda garzas reais, garzotas, corvos mariños grandes, cullereiros e multitude de patos. É doado ver polas dunas o voo das tartarañas das xunqueiras e das gatafornelas. Fronte á praia, mobellas grandes, mascato do atlántico, furabuchos das baleares e pardelas cincentas, e mais algunha palleira grande, hanlle gorentar ao observador. A píllara das dunas nidifica habitualmente neste espazo natural, alfaia da comarca de Bergantiños.

Consellos e recursos
  • Cómpre que evitemos entrar na xunqueira debido ao delicado deste hábitat, agás na zona das comportas, por onde podemos acceder.

  • En Caión recoméndase o uso do telescopio para observar o paso de aves mariñas.

  • En inverno cómpre usar botas de auga para andar por algúns treitos dos itinerarios

Arriba