Se queremos coñecer a fondo as aves de Galicia non deberiamos deixar de lado esta espectacular zona do oriente ourensán. Enclavado no val do río Támega, afluente do Douro, acolle no seu seo ata 142 especies de aves, moitas delas difíciles de encontrar noutros lugares de Galicia. Entre finais de abril e finais de xuño, Oímbra, Monterrei e Verín están no seu mellor momento para expedicións ornitolóxicas, aínda que unha excursión nos meses de decembro e xaneiro tamén pode depararnos boas observacións de aves invernantes.

A Galicia máis mediterránea

Propoñemos unha visita polas veigas, bosques de ribeira e cultivos do río Támega e o seu tributario, o Búbal. En efecto, o val de Monterrei, que se corresponde cunha bacía sedimentaria terciaria que verte finalmente no río Douro, presenta un típico clima mediterráneo continental, con veráns calorosos moi prolongados e invernos fríos.

Desde as veigas e piñeirais de Videferre (Oímbra) e os queirogais da serra do Larouco, baixaremos ata os bosques de ribeira e as areeiras de San Cibrao (Oímbra) e o "triángulo máxico de Verín", con vértices en Mandín, Feces de Abaixo e Feces de Cima, avistando ao noso paso ducias de especies de aves. Competan estre atractivo escenario os lugares de Vilar de Cervos e Vilarello da Cota (Vilardevós), de relevo accidentado e fogar de especies como o bufo real.

 

Os roteiros

Roteiro en coche "Bonelli"

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de abril a mediados de xuño

DISTANCIA

50 km

DURACIÓN

Toda unha mañá ou unha tarde

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cualedro, Monterrei, Oimbra, Verín

PERCORRIDO

Castelo de Monterrei - Oímbra - Lucenza - Cualedro e volta

Puntos clave da ruta:

  1. No castelo de Monterrei (1) (e arredores) imos poder observar a aguia calzada, o pombo pequeno, o rousinol, o picafollas bonelli e a gralla pequena.
  2. Cara a Vilaza (2) e Oímbra (3) prestaremos atención ao trigueirón.
  3. Na zona de San Martiño, Flariz e Casas do Monte poderemos detectar tartaraña cincenta e picanzo real.

Roteiro en coche “Elanus”

MELLOR ÉPOCA

Desde mediados de setembro a mediados de xuño

DISTANCIA

49 km

DURACIÓN

Mellor todo o día

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Oimbra, Verín, Vilardevós

PERCORRIDO

Verín - San Cibrao - Rabal - Vilarelho da Raia (Portugal) - Ponte de Rabal - Feces de Abaixo - Mandín - As Malladas de Mandín - Feces de Cima - Vilar de Cervos - Cabreiroá - Verín

Puntos clave da ruta:

  1. Na vila de Verín (1) ( e un pouco río abaixo) imos poder ver e escoitar petos formigueiros, merlos rieiros, rousinois e, pola noite, mouchos de orellas.
  2. Cara a San Cibrao (2) e Rabal (3), no inverno hai grandes bandos de paxaros, nos que destacan os grupos de escribentas amarelas e trigueiróns, pardais comúns e monteses, así como frinxílidos. Tamén algúns pardais das rochas e cotovías cristadas.
  3. En Mandín (4) e nas Malladas de Mandín (5) podemos observar paspallás, perdices rubias, lagarteiros cincentos, cucos reais, picas campestres, papuxas carrasqueiras, picanzos reais e cabecirrubios.
  4. Na subida desde Feces de Cima (6) a Vilar de Cervos (7), cun pouco de sorte poderemos apuntar o miñato abelleiro, o merlo rubio e a escribenta hortelá.

Roteiro a pé ou en bici “Lanius”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de abril a mediados de xuño. Tamén en setembro e outubro

DISTANCIA

14 Km

DURACIÓN

4-5 horas a pé, 3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Verín

PERCORRIDO

As Malladas de Mandín -Verín

Puntos clave da ruta:

  1. Saíndo de Mandín (1) cara ao leste, pola estrada a Feces de Cima, imos poder observar (ou escoitar) o rousinol, o picanzo cabecirrubio e o real.
  2. Ao chegar a un pequeno alto, collemos unha pista sen asfaltar cara a dereita (2), en dirección a un cuberto con bandeiras que está nun outeiro: esta é a mellor zona para ver o cuco real, a pica campestre e a papuxa carrasqueira.
  3. Máis para o leste, no río Pequeno (3), imos poder contemplar o moucho pequeno, o peto formigueiro e o ouriolo.
  4. Seguindo por pistas cara ao sur (4), se cadra observamos especies como a perdiz rubia, a tartaraña cincenta, a papuxa carrasqueira, o pardal das rochas e a escribenta riscada.
  5. Podemos prolongar o noso paseo ata Feces de Abaixo (5) (onde é posible avistar a andoriña de cu branco e o pardal das rochas) ou ben percorrer a zona central na busca do lagarteiro cincento e da bubela, antes de volver cara ao nordeste, a Mandín.

Roteiro a pé ou en bici “Luscinia”

MELLOR ÉPOCA

Desde finais de abril a mediados de xuño

DISTANCIA

16 Km

DURACIÓN

Unhas 4 horas a pé e unhas 2-3 horas en bicicleta (incluíndo o regreso)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Castrelo do Val, Monterrei, Verín

PERCORRIDO

Ponte de Verín - A Pousa - Mixós - Estevesiños - Veigas do Támega (Estevesiños) e volta

Puntos clave da ruta:

  1. Partiremos da ponte de Verín (1), onde pode verse a lavandeira real, cara ao oeste para coller a estrada a Estevesiños (2).
  2. Avanzaremos pola beira dereita do Támega (3), onde observaremos miñatos abelleiros, peto formigueiro, rousinol e, pola noite, mouchos de orellas.
  3. As zonas de cultivo ao nordeste de Estevesiños (4) acollen algunha parella de picafollas ibérico, papuxa cabecinegra e trigueirón, ademais de observarse regularmente aguias calzadas e falcóns pequenos.
As aves

As "estrelas" desta zona son aves esencialmente mediterráneas, como o lagarteiro cincento, o cuco real, a papuxa carrasqueira e a papuxa tomiñeiras, o picanzo cabecirrubio e o real ou o merlo rubio. Pero hai máis! Videferre pode proporcionarnos cruzabicos, miñato abelleiro, aguias cobreiras e picas das árbores. No Larouco habemos poder ver gatafornelas e tartarañas cincentas, picafollas ibéricos e de Bonelli. As perdices rubias, papuxas cabecinegras e do mato, os estorniños negros, as escribentas riscadas e os trigueiróns son frecuentes en Vilaza. O pombo pequeno, a gralla pequena e a aguia calzada apodéranse das torres e fragas de Monterrei. San Cibrao hanos ofrecer cotovías cristadas, folosas das canaveiras e petos pequenos e no "triángulo máxico de Verín" habemos poder observar pardais das rochas, picas campestres e quizais algún abellaruco común. E pola noite deberemos poñer o oído para os profundos reclamos do bufo real!.

Consellos e recursos
  • En primavera e verán é recomendable levar gafas de sol, protector solar e auga, pola intensa insolación da zona.

  • Se imos observar aves pola tarde preto de regatos e lagoas, o repelente de insectos ha ser un bo complemento.

Arriba