Este recuncho da Galicia máis cálida está entre os destinos ornitolóxicos máis apetecibles e singulares do noroeste ibérico. Sorprende pola mestura de plantas e animais, tanto atlánticos como mediterráneos, e polos seus relevos sinuosos, con amplos vales e montañas de máis de 1000 metros de altura.

Aves da fronteira

Situado no extremo sur de Galicia, cabo da fronteira portuguesa, os vales dos ríos Salas e Faramontaos (afluentes do Limia) e as lamas (brañas) de Tosende, Santiago, Vilamaior da Boullosa e Golpellás conforman paisaxes sorprendentes.

Esta contorna de gran valor ecolóxico complétase coa serra do Larouco, prolongación polo leste da serra do Xurés, que cos seus case 1.400 metros de altura ofrecen un amplo abano de hábitats repletos de vida: desde o rochedo espido e a matogueira rara ata piñeirais e mestas carballeiras.

Os roteiros

Roteiro en coche: Guntimil - Niñodaguia

MELLOR ÉPOCA

Entre abril e xuño

DISTANCIA

30 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Baltar, Os Blancos, Xinzo de Limia

PERCORRIDO

Guntimil - Os Blancos - Covas - Tosende - Vilamaior da Boullosa - Niñodaguia

Puntos clave da ruta

  1. Desde Guntimil (1) (onde se observan trigueiróns e estorniños negros) subimos cara ao leste por Gudes (2). Aquí podemos ver novamente trigueiróns e tamén carrizas dos xuncos.
  2. Pouco despois chegamos a unhas grandes carballeiras (3) nas que se localiza o gabeador azul.
  3. Entre Ouvigo e Os Blancos existe unha paisaxe ondulada con campos abertos (4) de grande interese nos que é posible rexistrar a tartaraña cincenta, a pica campestre e, antigamente, o sisón dos nabos.
  4. Entre Os Blancos e Guntín, no val do río Airoa (5), viven varias parellas de tartaraña cincenta e picanzo real.
  5. A ascensión a Covas pode producir rexistros de aguia cobreira e de lagarteiro común, e xa en Covas (6) son incluso frecuentes a cotovía pequena e mais a escribenta riscada.
  6. Os piñeirais na zona máis alta de Covas (a serra de Gomariz, 1.100 m) son excelentes para observar o picafollas de bonelli e poden acoller ocasionalmente cruzabicos común, sobre todo en outono e inverno.
  7. Na baixada a Meaus debemos estar atentos ao desvío á esquerda cara á Boullosa. A poucos centos de metros podemos observar un magnífico val (7) con abundantes turbeiras e áreas de brañal denominadas “lamas”. Nelas hai becacinas comúns reprodutoras, picanzos vermellos e ouriolos.
  8. Chegando á Boullosa podemos avistar avenoiteiras cincentas, picafollas ibéricos e pardais monteses.
  9. Contra Baltar hai unha zona de xesteiras e carballeiras dispersas (8) entre as que podemos atopar tartarañas cincentas e unha alta densidade de papuxas comúns.
  10. Pouco despois de Baltar collemos o desvío á dereita cara a Niñodaguia (9), onde nidifica o moucho de orellas e é posible observar o bufo pequeno.

Roteiro a pé ou en bici: Couto Mixto

MELLOR ÉPOCA

Primavera e remate do verán

DURACIÓN

3-4 horas a pé e 2-3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Baltar, Calvos de Randín

PERCORRIDO

Couto Mixto

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a aldea de San Martiño dos Peros (1), onde é posible observar a aguia cobreira, seguimos cara ao norte.
  2. No camiño a Santiago de Rubiás (2) nidifican o picafollas ibérico e o ouriolo.
  3. Ao chegar a esta poboación habemos ter boas perspectivas sobre a braña do río Salas (3). Aquí pode avistarse tartaraña cincenta e picanzo vermello.
  4. Logo de atravesala, seguimos ruta cara a Rubiás dos Mixtos (4), onde segue sendo posible observar picanzos vermellos e tamén aguias calzadas.
  5. Tras poucos quilómetros chegamos ao Vilar (5), onde habemos ollar pombos pequenos e, fóra da época de cría, aguias reais.

Roteiro a pé ou en bici: Serra do Larouco

MELLOR ÉPOCA

Primavera e remate do verán

DURACIÓN

2-3 horas a pé e 1-2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Baltar, Cualedro, Xinzo de Limia

PERCORRIDO

Serra do Larouco

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Vilela (1), no límite entre os concellos de Cualedro e Baltar, tomamos unha pista cara ao suroeste, ao parque eólico de Larouco, onde as masas de piñeiros (2) acollen varias parellas de picafollas de bonelli.
  2. Na parte alta do parque eólico (3) crían parellas illadas de tartaraña cincenta, gatafornela, pedreiro cincento e escribenta hortelá. Tamén é habitual atopar aguias cobreiras cazando.
  3. Se continuamos para o oeste, cara ao Farrelo (4) (1.397 m), en primavera podemos observar merlo rubio e incluso, fóra de época de cría, algunha aguia real.

Roteiro a pé ou en bici: Brañas de Golpellás

MELLOR ÉPOCA

Primavera e remate do verán

DURACIÓN

2-3 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Calvos de Randin

PERCORRIDO

Brañas de Golpellás

Puntos clave da ruta:

  1. En Pintás (1), onde se pode ver a tartaraña cincenta e o pedreiro cincento, tomamos unha pista sen asfaltar en dirección a Golpellás, ao noroeste, que cobreguea por unha zona de mato (2).
  2. Durante o traxecto habemos ver picas campestres e, en inverno, alpinas.
  3. A baixada cara á zona das brañas (3) pode deparar observacións de chasco norteño, incluso en época de cría. Tamén de lavandeira amarela.
  4. Nun punto determinado da baixada teremos unha excelente perspectiva sobre todo o val do río Lobás (4), onde se rexistrou a cría de becacinas e onde tamén se atopan avefrías comúns e, posiblemente, curuxas das xunqueiras.
  5. Nas proximidades de Golpellás (5) poderemos observar o picanzo real e o ouriolo.
  6. Na mesma aldea nidifican a avelaiona e mais o gabeador común.
As aves

Calvos de Randín e Baltar acollen unha combinación de aves típicas de latitudes norteñas, como o cardeal, a pica das árbores e a becacina (esta última ten aquí a súa única zona de cría en Galicia), xunto con aves máis mediterráneas como o rousinol, o picafollas de Bonelli e a papuxa carrasqueira. Esta é unha zona que destaca tamén pola densidade dalgunhas aves que noutros puntos de Galicia son máis escasas, como por exemplo a aguia cobreira, a pica campestre ou o picanzo real. O encoro de Salas acubilla regularmente o mergullón cristado e foi punto de parada durante a estadía invernal da aguia pescadora.

Consellos e recursos
  • Levar calzado axeitado (botas de auga ou de tecidos hidrófugos) cando se ande polas brañas en outono e inverno.

  • Transitar só por camiños, sen invadir as leiras.

  • Non transitar polas brañas en época de cría, pola posibilidade de molestar as especies nidificantes, en especial a tartaraña cincenta e mais a becacina común.
     

Arriba