No fondo do val, á beira do río Oribio, ou augas abaixo, no río Sarria, os peregrinos do Camiño de Santiago camiñan, quizais, alleos á serra que se ergue á súa esquerda. Bosques e monte baixo cobren as súas lombas, albergando non poucas aves características destes medios.

Aves sobre o Camiño de Santiago

Os cumios da Serra do Oribio non chegan aos 1.500 m sobre o nivel do mar, pero caen ata os 600 metros abruptamente. Nas ladeiras orientadas ao norte prosperan os bosques sombríos mentres que o resto o ocupa matogueira intercalada con pastos. Algunha pequena penedía completa o panorama.

Os montes que rodean o macizo, como a discreta serra do Édramo, son alombados e dan lugar a grandes superficies abertas. Ao fondo, o río corre limpo, flanqueado por un importante bosque de ribeira. Durante boa parte do ano o clima da zona é moi duro, polo que a súa avifauna durante estes meses non é particularmente rechamante. Na primavera e no verán, en cambio, poden observarse diferentes especies de interese.

Os roteiros

Roteiro en coche: Samos - Monte

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

14 Km

DURACIÓN

1 hora

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Samos, Triacastela

PERCORRIDO

Samos - Triacastela - Monte

Puntos clave da ruta

  1. Na contorna do mosteiro de Samos (1) podemos observar aves forestais e aves ligadas aos ríos, como a lavandeira real ou o merlo rieiro. Mesmo ocasionalmente podemos ver choias de bico vermello no propio edificio.
  2. No val son comúns os millafres negros e mais as aguias calzadas e as cobreiras.
  3. Paga a pena parar na zona de penedías (2), xa que son frecuentes as andoriñas dos penedos.
  4. De Triacastela á aldea de Monte (3) podemos observar aves de campiña como o tordo común e o charlo, o miñato común, o estorniño negro ou a andoriña común.

Roteiro a pé: Monte Oribio

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

17 Km

DURACIÓN

6 horas

DIFICULTADE

Media

CONCELLOS

Samos, Triacastela

PERCORRIDO

Monte Oribio

Puntos clave da ruta:

  1. Saíndo de Triacastela (1) pasamos por unha zona boscosa (2) onde podemos detectar facilmente o gabeador azul e o cardeal común.
  2. Na zona rochosa (3) do primeiro val podemos observar corvos grandes e andoriñas dos penedos.
  3. Na dura ascensión (4) ao cumio é frecuente ver choia de bico vermello, gatafornela e tartaraña cincenta, así como outras rapaces como a aguia cobreira ou o millafre negro.
  4. É boa idea facer un breve descanso no cumio (5) pois, con algo de paciencia, poden observarse especies como a pica alpina ou diferentes aves rapaces.
  5. Xa de regreso, podemos observar moitas especies, de chaira fértil e forestais, como o tordo común ou o picafollas ibérico.
  6. De volta en Triacastela, contra a tardiña, podemos gozar da colonia de cirrio común que alberga esta localidade. Un bo lugar para facelo é cabo da igrexa (6)
As aves

As grandes extensións de matogueira fan que estes montes sexan propicios para especies como a gatafornela, presente todo o ano, ou a tartaraña cincenta, que entra en escena de marzo a agosto. Tamén son comúns outras rapaces como o lagarteiro común ou o millafre negro, mentres que entre as aves de montaña propiamente ditas destacan as choias de bico vermello. Ademais poden observarse con facilidade aves forestais como o azor ou a aguia calzada.

Consellos e recursos
  • Para ascender á serra precísase atender á meteoroloxía, xa que pode haber néboa.

  • Para as rutas a pé cómpre certa forma física e experiencia en montaña.  

  • O conxunto deste espazo está moi ben conservado e é moi accesible nos vales, polo que ofrece múltiples posibilidades en todo momento.

Arriba