No norte da provincia de Lugo encontramos uns montes alombados e de non moita altitude. Non hai que deixarse enganar, o entrar do vento e as nubes directamente desde o Cantábrico fan desta serra e da súa contorna un lugar duro e inhóspito onde unhas poucas aves sobreviven con éxito.

Os montes do norte

Un enmarañado macizo de aspecto amable en aparencia levántase case á beira do mar Cantábrico, que acotío envía o seu carrusel de nubes que chocan nestes montes, descargando constantes precipitacións no medio da densa néboa. No inverno, aínda coa súa moderada altura (os cumios apenas rozan os mil metros sobre o nivel do mar), a chuvia transfórmase en neve.

Así, a paisaxe que atopamos no Xistral parece unha réplica de montañas do norte das illas británicas ou de Escandinavia: grandes superficies de turbeiras envoltas na néboa e o misterio. Tanto é así que só hai asentamentos humanos tradicionais nos vales, a moita menor altitude, onde as temperaturas medias son moito máis elevadas. O réxime de precipitacións e a orografía fan que nas súas entrañas nazan numerosos ríos que flúen cara a diferentes concas.
As montañas desta serra explotáronse unicamente para a gandería extensiva, empregando vacas e cabalos que, aínda hoxe, pacen ceibos. Xa ben entrado o século pasado intentáronse cultivar piñeiros cun éxito desigual debido á dureza do clima. Actualmente, o gran recurso enerxético destas serras, o vento, é intensamente aproveitado.

Os roteiros

Roteiro en coche: Labrada - Alto da Pena da Capela

MELLOR ÉPOCA

De maio a setembro

DISTANCIA

23 Km, só ida

DURACIÓN

3 horas (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Abadín, Alfoz, O Valadouro

PERCORRIDO

Labrada - Capela de Santa Filomena - Alto da Pena da Capela

Puntos clave da ruta

  1. Partimos da aldea das Basilias (Parroquia de Labrada) (1) e, aos poucos metros, cruzamos o río Pedrido (2), subindo en dirección á serra. Neste tramo imos prestar atención a pequenas aves como o cardeal.
  2. Nos primeiros piñeirais (3) que encontremos podemos deternos e tentar anotar o verderolo serrano e o úbalo europeo.
  3. Habemos rodear unha gran turbeira (4) e empezar a descender, estando atentos á aparición de voitres leonados e outras rapaces como o esmerillón en inverno ou os millafres negros en primavera.
  4. No fondo do rego das Furnas (5), na ponte, podemos observar lavandeiras reais, e na contorna da capela de Santa Filomena (6), outra vez cardeais e escribentas comúns.
  5. Subimos ata o alto da Pena da Capela (7) —onde hai un repetidor de televisión— manténdonos moi atentos á vertixinosa estrada e á aparición de diferentes aves rapaces, como voitres leonados ou lagarteiros. Pequenas paradas hannos permitir observar a pica alpina. No alto da serra podemos deternos para espreitar os montes próximos.
  6. Despois de descender, continuamos por unha zona de montaña (8) na que é posible observar esmerillóns en outono e inverno e mais voitres leonados.

Roteiro en coche: Labrada - O Viveiró

MELLOR ÉPOCA

De maio a setembro

DISTANCIA

21 km, só ida

DURACIÓN

2 horas (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Abadín, Muras, Vilalba

PERCORRIDO

Labrada - O Viveiró

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos de Lamacide (1) por un val que rodea a serra. Habemos estar atentos á presenza do voitre leonado e outras aves rapaces.
  2. Entre as aldeas de Ferreiros (2) e A Balsa (3) imos atopar unha zona de monte baixo moi interesante para anotar tartaraña cincenta en primavera e verán.
  3. Camiño do Viveiró, pasamos por un val (4) no que podemos observar abondosos miñatos comúns e lagarteiros comúns no final do verán e esmerillóns no inverno.
  4. A contorna do Viveiró (5) é moi interesante para observar becacinas comúns e lavandeiras amarelas.

Roteiro a pé ou en bici: Ponte de Xestide - O Tremoal

MELLOR ÉPOCA

De maio a setembro

DISTANCIA

13 Km

DURACIÓN

4 horas a pé, 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Abadín

PERCORRIDO

Ponte de Xestide - Val dos infernos - O Tremoal

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos por un pequeno val (1) no que podemos observar o miñato común, a garza real e abondosos paseriformes.
  2. Collemos unha pista que nos leva a un piñeiral (2) no que debemos estar atentos ao verderolo serrano e ao úbalo común. Poden aparecer voitres leonados, sobre todo a partir do mediodía.
  3. No contorno da gran turbeira (O Tremoal) (3) vense frecuentemente a laverca común e a pica alpina

Roteiro a pé: A Balsa - Fraga de Rebordelos

MELLOR ÉPOCA

De maio a setembro

DISTANCIA

9 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Media

CONCELLOS

Muras

PERCORRIDO

A Balsa - fraga de Rebordelos

Puntos clave da ruta:

  1. Saímos desde o cruce próximo á aldea da Balsa (1), onde se pode observar o tordo común, o estorniño negro e, na primavera e verán, o picanzo vermello.
  2. Descendemos á fraga de Rebordelos (2), na que é posible observar cardeais.
  3. Continuamos ascendendo ata o alto da serra (3) e descenderemos pola outra ladeira. O camiño está rodeado de uceiras. Se o día é asollado, son frecuentes aquí os voitres, corvos ou incluso as becacinas en inverno.
As aves

A lista de aves do Xistral non é precisamente longa, pois é unha zona montañosa moi dura. As que encontramos, iso si, son moi interesantes. Destaca a presenza practicamente constante ao longo do ano de voitres leonados e dalgún voitre negro que se coa entre os seus curmáns. As turbeiras e amplas extensións abertas son o dominio da pica alpina e da laverca común. Nos piñeirais, hoxe en día moi naturalizados, podemos encontrar nidificando o esquivo verderolo serrano e o úbalo europeo. En época de pasos migratorios podemos observar ducias de pedreiros cincentos, mentres que no inverno poden aparecer a escribenta das neves e o esmerillón en calquera lugar.

Consellos e recursos
  • As condicións meteorolóxicas no Xistral poden ser moi duras e sorprendentes: en pleno verán pode pecharse de intensa néboa nuns minutos. Debemos consultar a previsión meteorolóxica antes de emprender calquera excursión

  • As estradas son de montaña, estreitas e sinuosas. Temos que poñer a máxima atención en todo momento.

  • Na serra, os cabalos e as vacas andan ceibos. Non debemos molestalos. Debemos extremar o coidado conducindo nas estradas, recoméndase unha velocidade baixa.

Arriba