A Serra do Suído, non lonxe das cidades de Vigo e Pontevedra, é ese lugar próximo pero ao mesmo tempo apartado do ruído da urbe onde poder contemplar paisaxes agrestes e gozar do canto das aves. Unha oportunidade para gozar da natureza en xeral e das aves en particular. Multitude de rapaces pairan nos seus ceos, e as súas matogueiras e rochedos ferven en primavera e verán coa actividade de multitude de especies. Un atractivo paseo polo teito das Rías Baixas.

O teito das Rías Baixas

Zona de media montaña ao oeste do río Miño, cun desnivel máximo de 1151 m no Faro de Avión. É o lugar de nacemento dos ríos Tea e Oitavén, que se nutren das abondosas chuvias da cara oeste da serra. A parte máis alta conserva zonas de braña, breixos e toxeiras, mentres que as ladeiras son ocupadas por carballeiras, bidueirais e plantacións de piñeiros. Ligados aos arroios e ríos prosperan bosques de ribeira de grande interese e arredor das aldeas hai franxas de cultivos tradicionais.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Gaxate - Beariz

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DISTANCIA

37 Km

DURACIÓN

4 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Lama, Avión, Beariz

PERCORRIDO

Gaxate - Pigarzos - Beariz

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. A ruta comeza na PO-255 en Gaxate (1). Alí habemos ver estorniños negros e cardeais. Proseguindo cara a Xende e a ermida da Nosa Señora das Ermidas (2), o camiño hanos deparar rabirrubios comúns e papuxas cabecinegras. No acceso á ermida hai papuxas do mato e é posible ver aguias cobreiras.
  2. Tomando á dereita cara á Xesta, subimos unha zona relativamente alta (Pozo de Fiadal, 779 m) (3) con presenza rexistrada de perdiz rubia e tartaraña cincenta. Na baixada á Xesta poderemos albiscar tamén folosas políglotas e escribentas riscadas.
  3. Tomamos á esquerda o desvío a Liñares e á capela de San Lourenzo (4). No traxecto rexistraremos avelaiona e gabeador azul. Continuando a través de Xesta cara ao leste, o camiño pasa pola ermida dos Prados (5) (onde se observa o peto formigueiro e o picanzo vermello) e por Pigarzos (6) (para ver folosas políglotas e picafollas ibéricos).
  4. Na subida ao parque eólico (7) poderemos detectar o miñato abelleiro común e a aguia cobreira. No mesmo parque, a presenza da tartaraña cincenta é habitual. Xunto ao gando solto, entre agosto e outubro, deberemos prestar atención ás lavandeiras amarelas. Nas rochas (8) é posible ver a pica campestre e o merlo rubio.
  5. Rematamos o percorrido baixando a Beariz (9) (observando a andoriña de cu branco e o merlo rieiro) a través de Doade (anotando a cotovía pequena e a pica das árbores).

Roteiro en coche: Santiago do Covelo Parque eólico do Suído (sur)

MELLOR ÉPOCA

De febreiro a outubro

DISTANCIA

21 km, só ida

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Cañiza, Avión, O Covelo

PERCORRIDO

Santiago do Covelo - Alto da Fontefría - Parque eólico do Suído (sur)

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. A ruta comeza en Santiago do Covelo (1), para observarmos o picafollas ibérico e o estorniño. Ao chegar á Lamosa (2) habemos ver estreliñas riscadas e cardeais comúns. A ruta enlaza aquí coa N-120 e sobe serpeando ata o Alto da Fontefría (3) e as súas excepcionais formacións de piñeiros silvestres, lugar apto para observar o tordo real, a estreliña do norte e, en inverno, o cruzabico común.
  2. Continuando ao leste, chegamos ao Carballal (4), onde poderemos ver gabeadores azuis e comúns. Tras pasar por Portela de Deva (e rexistrar a tartaraña cincenta e a papuxa do mato), alcanzamos A Bugariña (5), onde se observa a folosa políglota e o picafollas ibérico.
  3. No traxecto a Coveliño (6), por unha zona de mosaico rural, poden producirse avistamentos de picanzo vermello e escribenta amarela. Na parte superior da aldea de Coveliño cría a pica das árbores e na parte máis alta da serra, antes de Camposancos, tamén nidifica a pica campestre e mesmo o merlo rubio.
  4. En Camposancos tomamos unha pista á esquerda cara ao parque eólico. Atravesamos o parque ata o seu extremo máis elevado, na Cabreira (1056 m), para observarmos a aguia cobreira, a tartaraña cincenta e, algúns anos, a gatafornela.

Roteiro a pé ou en bici: Graña (O Covelo)

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DURACIÓN

2-3 horas a pé e 1-2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

O Covelo

PERCORRIDO

Graña (O Covelo)

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Sinxelo percorrido ata a subestación eléctrica de Porto da Anca. Nas carballeiras que hai arredor da Graña (1) nidifican a avelaiona e o gabeador azul, e é posible que acuda o bufo pequeno.
  2. No camiño de acceso á subestación atravesamos interesantes zonas de matogueira (2) con presenza de perdiz rubia, folosa políglota e papuxa do mato. Ao chegar á zona máis elevada, na subestación eléctrica, poderemos observar a tartaraña cincenta e a pica campestre

Roteiro a pé ou en bici: De Seixido a Portela da Cruz (A Lama)

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DURACIÓN

3-4 horas a pé e 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

A Lama

PERCORRIDO

Seixido - Portela da Cruz (A Lama)

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. O camiño iníciase na aldea de Seixido (1), onde habemos ver o picafollas ibérico e mais o estorniño negro.
  2. Seguimos a pista cara ao Campo (2), observando no traxecto a perdiz rubia e o picanzo vermello.
  3. Ao chegar ao Eido da Tendeira enlazamos coa estrada PO-235, que nos ha levar a Cernedo (3) (onde veremos escribentas riscadas) e a Portela da Cruz (4), paso cara á provincia de Ourense. Aquí é posible rexistrar a aguia cobreira e, en inverno, a gatafornela e o esmerillón.
As aves

De atractivo ornitolóxico igual ou incluso maior que as serras situadas máis ao norte, a Serra do Suído serve en certo modo de divisoria bioclimática, xa que alí conflúen aves claramente “atlánticas” (como a pica das árbores, o cardeal común ou a escribenta amarela) con outras máis mediterráneas (como a pica campestre, o merlo rubio ou a papuxa cabecinegra). Todo iso enriquecido cun amplo elenco de aves rapaces (como o voitre leonado, a aguia cobreira, o miñato abelleiro común ou a tartaraña cincenta) e aves máis pequenas (como o cruzabico común, ligado a piñeirais en altura).

Consellos e recursos
  • Evitar pasear durante os días de xeada polo parque eólico, xa que existe risco de caída de placas de xeo das aspas.

  • É conveniente prestar especial atención a zonas lamacentas altas en abril e maio, xa que poderemos localizar o merlo papobranco, e en agosto e setembro para poder ver a píllara rubia e, en áreas con cabalos, a lavandeira amarela.

Arriba