Ao oriente da provincia de Lugo, a cordilleira Cantábrica asómase formando unha serra que discorre de norte a sur entre as provincias de Lugo e León. Trátase dunha área montañosa onde o bosque e o mato resistiron o paso dos séculos. Nas partes máis baixas, onde a presenza humana é maior, un mosaico de bosques, prados e ríos completan un conxunto de gran valor natural.

A gran montaña cantábrica

Os Ancares e Montes de Cervantes están dominados por unha serie de montes de relevo suave que se achegan aos 2000 metros de altitude, nos que é doado atopar neve durante varios meses ao ano. Na súa vertente galega drenan por unha gran rede hidrográfica cara ao río Navia, que dá lugar a profundos vales en cuxas ladeiras o bosque cobra protagonismo. Dependendo da exposición e da altitude imos atopar bosque ou matogueira, polo que o conxunto é moi diverso. Nas áreas máis humanizadas os prados achegan outra nova dimensión ao conxunto.

 

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche “Circus”

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DISTANCIA

108 km

DURACIÓN

Toda unha xornada

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna

PERCORRIDO

Liber - Doiras - Piornedo - Rao - Navia de Suarna e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. O conxunto da ruta ofrécenos a posibilidade de contemplar un grande elenco de especies, principalmente rapaces: é importante conducir amodo e deternos nos lugares máis interesantes. Entre Doiras (1) e Campo da Braña (2) habemos parar naqueles lugares nos que haxa boa perspectiva paisaxística: as lombas dos montes son bos sitios para buscar a gatafornela.
  2. De aquí a Piornedo a sinuosa estrada percorre un dos mellores bosques dos Ancares, o Abeixido (3). É importante parar e escoitar, xa que imos poder detectar especies como o peto negro ou o gabeador azul.
  3. En Piornedo (4) hai moitas especies propias de medios agrícolas. Un breve paseo vainos permitir observar desde andoriñas comúns e de cu branco a picanzos vermellos.
  4. Tras pasar a aldea leonesa de Balouta internámonos no canón do río Rao (5). De novo é importante realizar paradas para escoitar as aves forestais.
  5. Ao final do canón, na parroquia de Rao, diferentes cantís rochosos hannos permitir observar especies rupícolas (6).
  6. En Navia de Suarna (7) achegámonos ao río para observar aves ligadas a este hábitat, como as lavandeiras reais.
  7. De aquí a Liber (8) é interesante prestar atención aos diferentes rochedos existentes con especies características como o merlo azul.

Roteiro en coche “Regulus”

MELLOR ÉPOCA

De marzo a setembro

DISTANCIA

25 km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Becerreá, Cervantes

PERCORRIDO

Liber - San Román de Cervantes - Campa da Braña

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Liber (1) partimos cara a San Román de Cervantes. Unha parada no río Navia (2) vainos posibilitar a observación de aves de ribeira como a lavandeira real e, en primavera, o ouriolo.
  2. Tras pasar San Román (3) espérannos uns quilómetros de subida por hábitats abertos, pasteiros e monte baixo, onde cómpre que esteamos atentos a aves rapaces como a tartaraña cincenta ou, no remate do verán, o lagarteiro das torres.
  3. A continuación chegamos a unha zona de piñeiros coñecida como Sete Carballos (4). É unha zona moi interesante para determinados paseriformes como a estreliña do norte.
  4. Unha vez en Campa da Braña (5) podemos achegarnos ata a contorna do albergue de montaña do Club Ancares (6); uns quilómetros máis arriba, en Teso de Fieiró (7), con algo de sorte imos poder observar a gatafornela.

Roteiro a pé “Phyrrocorax”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

14 km, ida e volta

DURACIÓN

5 horas, ida e volta

DIFICULTADE

Media

CONCELLOS

Cervantes

PERCORRIDO

Do Albergue de montaña do Club Ancares ao cumio do Tres Bispos

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Saíndo do albergue, a ruta discorre por abas cubertas de matogueira, onde podemos observar especies características como a azulenta común, a gatafornela e, con sorte, a charrela.
  2. Tras chegar á base do pico dos Tres Bispos (1), emprendemos a ascensión por un carreiro. Este tramo é favorable para observar choias de bico vermello.
  3. Xa no cumio (2), cun pouco de paciencia poderemos observar outros córvidos como o corvo común, aves rapaces como a gatafornela, o voitre leonado ou o lagarteiro común e pequenas aves como a pica alpina.

Roteiro a pé “Perdix”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

25 Km

DURACIÓN

Unhas 10 horas, a xornada completa

DIFICULTADE

Alta

CONCELLOS

Cervantes

PERCORRIDO

Albergue de montaña do Club Ancares, Campa de Brego e subida ao pico Penarrubia

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

O itinerario completo só debe ser emprendido se se dispón dunha boa condición física e experiencia en montaña.

  1. Desde o albergue dirixímonos ao máis profundo do bosque de Cabanavella (1), onde é posible localizar interesantes aves forestais entre as que destaca, sen dúbida, o peto negro, difícil de observar pero facilmente localizable polo canto. A primeira hora da mañá podemos detectar tamén a esquiva arcea común.
  2. Tras chegar á Campa de Brego (2), onde hai un rudimentario refuxio, emprendemos a subida cara ao bico de Penarrubia, atravesando de novo unha zona boscosa (3).
  3. Xa na corda (4), e ata alcanzar o pico (5), poderemos ver choias de bico vermello, aves rapaces como o lagarteiro común, o miñato abelleiro, a gatafornela e, ocasionalmente, a aguia real. É importante estar atentos aos bandos de perdices xa que, con sorte, poderemos observar charrelas.

Roteiro a pé “Citrinella”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

13 km, ida e volta

DURACIÓN

Unhas 5-6 horas

DIFICULTADE

Alta

CONCELLOS

Cervantes

PERCORRIDO

De Piornedo ao cumio do Mostallar

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. A contorna de Piornedo (1) é un bo lugar para observar aves ligadas a medios agrícolas, como andoriñas comúns e de cu branco ou picanzos vermellos.
  2. Pouco despois de pasar pé da igrexa do lugar (2), entramos nunha zona con pasteiros e monte baixo onde poderemos observar escribentas amarelas.
  3. Continuamos ao longo do fermoso val que leva á base da montaña (3), onde é posible localizar aves de matogueira como a azulenta común e incluso aves forestais como o gabeador azul nas zonas boscosas.
  4. Desde a base da montaña ata o cumio (4) imos atentos ás aves rapaces: é posible albiscar aguias reais, aguias cobreiras ou voitres leonados. No cumio adoitan verse corvos grandes e picas alpinas.
As aves

Ao se tratar dunha zona de montaña, a observación de aves é difícil en outono e, sobre todo, en inverno. Agora ben, durante o resto do ano podemos atopar numerosas especies asociadas aos bosques, entre as que destacan o peto negro ou a arcea común. Entre as especies típicas do mato, as máis interesantes son a charrela e a gatafornela. Precisamente en todo o lugar podemos observar numerosas especies de aves rapaces como a aguia cobreira, a aguia calzada ou incluso o lagarteiro das torres, sobre todo no remate do verán nos pasteiros das lombas. Nos cortados rochosos —non moi abundantes— podemos observar especies rupícolas como o merlo rubio, o falcón peregrino ou o corvo grande, tamén moi presente nos cumios canda a choia de bico vermello ou a pica alpina.

Consellos e recursos
  • Moi importante: estamos nunha zona de montaña, polo que non debemos emprender marchas a pé, especialmente ascensións, se non contamos cunha boa forma física e experiencia na contorna. Atención tamén ao parte meteorolóxico

  • As estradas son estreitas e sinuosas, así que requiren unha condución atenta. No outono e no inverno as condicións poden ser perigosas ou incluso é posible que as rutas sexan impracticables. 

  • Os bosques e outros hábitats son delicados, non habemos saír nunca dos itinerarios e carreiros marcados. 

  • É habitual atopar gando nas excursións; dado que é o medio de vida de moitas persoas, non debemos molestalo e darémoslle prioridade de paso.
     

Arriba