Propoñemos unha visita a este extenso macizo montañoso do extremo leste galego, dominado por Pena Trevinca, o cume máis alto de Galicia (2124 m). Entre abril e setembro poderemos observar aquí unha selección de aves que son escasas noutros puntos de Galicia. Prepárate para gozar dos paxaros de montaña!

Os paxaros do teito de Galicia

A Serra do Eixe constitúe o extremo oeste dos montes de León, á súa vez un ramal da cordilleira Cantábrica. Está separada do Macizo Central ourensán polo río Bibei e presenta un relevo abrupto. Durante os meses invernais son comúns fortes nevaradas.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: A Veiga - Prados

MELLOR ÉPOCA

Primavera e finais do verán

DISTANCIA

41 Km

DURACIÓN

De 5 a 6 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Veiga

PERCORRIDO

A Veiga - Vilanova - Prados

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. A ruta parte da localidade da Veiga (1), onde poderemos albiscar a andoriña de cu branco e o estorniño negro. Desde alí ascendemos cara ás aldeas de Prados e San Lourenzo, pasando polo arroio de Matabois (2), onde se localiza a lavandeira real e o merlo rieiro.
  2. Logo de atravesar unha zona de matagueira con tartaraña cincenta e papuxa do mato, baixamos en dirección a Requeixo (3), onde habemos atopar un interesante mosaico rural no que é posible observar a pica das árbores e o picanzo vermello.
  3. Tras pasar Xares (4), ascendemos polo val do río do mesmo nome e no traxecto podemos rexistrar o picafollas ibérico e a escribenta riscada. Ao chegar á Ponte (5) será posible apuntar escribentas amarelas e hortelás.
  4. A poucos quilómetros localízase Vilanova (6), principal vía de acceso ao macizo do Maluro, unha excelente localidade para realizar avistamentos de aguia real e charrela.
  5. Serpeando desde Vilanova ao norte e logo ao oeste, chegamos a Meixide (7). Aquí habemos ver o picafollas de Bonelli e a folosa amarela. Tras atravesar zonas de bosque, nos contrafortes occidentais da Serra do Eixe, e unha vez pasada Lamalonga, chegamos a Espiño (8) para enlazar coa estrada de Prados e A Veiga. Neste traxecto apuntaremos a pica das árbores e o cardeal.

Roteiro a pé: Pico Maluro

MELLOR ÉPOCA

Xuño e xullo

DURACIÓN

4-5 h a pé (só ida)

DIFICULTADE

Alta

CONCELLOS

A Veiga

PERCORRIDO

Pico Maluro

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Vilanova (1) (adóitase comezar no "Trisquel") emprendemos a ruta ata O Maluro. Na primeira parte do traxecto imos atopar bosquetes de bidueiros (2) nos que poderemos observar o picafollas ibérico e o cardeal común.
  2. Máis adiante, en zona de matogueira, crían a papuxa do mato e a escribenta riscada.
  3. Antes de chegar ás ruínas dun antigo poboado mineiro habemos ter unha excelente vista sobre o val do Xares e, con algo de sorte, poderemos ver algunha aguia real.
  4. O camiño vólvese máis accidentado e sinuoso a medida que chegamos á aba occidental do Maluro (3). Nesta zona adoita localizarse perdices rubias e folosas amarelas, pero os primeiros contrafortes da ascensión a este pico (de 1.931 m) poden depararnos tamén charrelas, pica alpina, choia de bico vermello e escribenta hortelá. Existe tamén a posibilidade de ver algunha parella illada de chasco norteño, pedreiro cincento e mesmo de merlo rubio.
  5. Por último, ao chegar ao cumio do Maluro (4) imos ter unha excepcional perspectiva dos vales de Casaio e Xares, e podemos anotar choia de bico vermello e, en primavera e verán, voitre leonado e ás veces voitre negro.

Roteiro a pé: Pena Trevinca

MELLOR ÉPOCA

Xuño e xullo

DURACIÓN

5-6 h (só ida)

DIFICULTADE

Alta

CONCELLOS

A Veiga

PERCORRIDO

Pena Trevinca, desde A Ponte, A Veiga

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Esta excepcional ruta polo teito de Galicia iníciase na Ponte (1), ascendendo polo camiño da Lagoa de Ocelo e da Lagoa da Serpe, polo val do Xares (2). Neste tramo poderemos observar o cardeal común, o picanzo vermello e a escribenta amarela.
  2. Nos arredores da Serpe (3) habemos rexistrar a pica alpina e a escribenta hortelá.
  3. Seguindo cara o alto Xares, nas pradeiras da aba occidental de Trevinca, nidifica o chasco norteño e é posible localizar bandos de charrela.
  4. A ascensión ao cumio de Trevinca (4) pode facerse dura a partir dos 1.800 m. Este tramo pode levar ata 2-3 h. No camiño anotaremos a pica alpina e a escribenta riscada. Con todo, podemos gozar alí dunha excelente vista. Os pedregais do cumio (5) acollen a única poboación reprodutora galega de azulenta alpina.
As aves

Este é o fogar de charrelas e, a día de hoxe, das únicas poboacións reprodutoras galegas de azulenta alpina e de chasco norteño. No contraforte da Serra do Eixe tamén podemos observar en primavera auténticas xoias da avifauna galega, como a papuxa tomiñeira, a escribenta hortelá, o merlo rubio e un número crecente de voitres leonados. A aguia real poderá aparecer fronte aos nosos ollos case en calquera época do ano, ao igual que os grupos de choia de bico vermello.

Consellos e recursos
  • Procurar non molestar os grupos de charrela nas zonas de montaña nin divulgar a súa localización exacta.

  • Deberemos respectar as propiedades privadas nos mosaicos rurais de Requeixo e Casaio.

  • Non entrar nas explotacións mineiras sen o debido permiso. Podemos efectuar boas observacións desde o exterior.

  • Trátase dunha zona de montaña onde as condicións son moi duras: fortes nevaradas e xeadas en inverno e moito sol e calor en verán. Por iso se recomenda prudencia e, en primavera e verán, as estacións aconselladas, levar protección para o sol, auga, etc.

     

Arriba