O Courel é un macizo montañoso de complicada orografía. Os seus cumios apenas rozan os 1.600 m, pero os seus desniveis son moi acusados e a súa litoloxía, complexa. Xa que logo, estamos ante unha serra realmente heteroxénea con multitude de ambientes que propician unha gran variedade de aves: forestais, rupícolas, de matogueira e de ambientes humanizados. 

Serra de contrastes

Nun recuncho do sueste da provincia de Lugo agóchase unha serra que se conta entre as máis recónditas paisaxes de Galicia.

Orientada de noroeste a suroeste e flanqueada por ríos tributarios do Sil, a serra do Courel é un espazo de grande heteroxeneidade ambiental debido á súa abrupta orografía, diversa litoloxía e orientación. Podemos atopar faiais que nos trasladan a ambientes atlánticos e uns metros máis lonxe aciñeirais típicos de ambientes mediterráneos.

Poboada desde tempos inmemoriais, o home transformou determinadas contornas do Courel en sistemas agrícolas de gran valor, con recollidas e evocadoras aldeas rodeadas de soutos centenarios e mosaicos de prados. Carballeiras, faiais, soutos e aciñeirais son algúns dos tipos de bosque que atoparemos. Os ríos baixan bravos desde cumios poboados de matogueira diversa. Os rochedos son como clases de xeoloxía ao aire libre. Internarse no Courel non é ir unicamente a un espazo físico determinado; é tamén unha viaxe no tempo. 

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Hospital - Froxán

MELLOR ÉPOCA

Entre abril e outubro

DISTANCIA

40 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro

PERCORRIDO

Hospital - Seoane do Courel - Folgoso do Courel - Froxán

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. Este itinerario transcorre desde o norte ata o sur deste espazo natural e permítenos coñecer unha gran cantidade de hábitats diferentes discorrendo en paralelo ao río Lor. Partimos de Hospital, próximo ao alto de San Roque, en pleno Camiño de Santiago, e dirixímonos cara ao sur. Nesta zona, na que abundan os pasteiros de montaña (1), podemos observar a tartaraña cincenta e outras aves características como o picanzo vermello ou a escribenta amarela.
  2. Atención á contorna das pequenas aldeas (2) polas que imos pasando, pois hai numerosas andoriñas comúns e de cu branco, ademais doutras especies ligadas a medios humanizados.
  3. Debemos prestar atención aos cantís e rochedos que iremos atopando, xa que neles podemos observar andoriñas dos penedos e rapaces propias destes medios.
  4. Cando esteamos preto do río Lor (3) é aconsellable parar e percorrer a pé algún pequeno tramo, xa que é un lugar ideal para observar o merlo rieiro, a lavandeira real e especies menos abondosas como o papamoscas cincento.
  5. Nas inmediacións de Froxán (4), un paseo polo souto en primavera pode deparar algunha sorpresa como o peto formigueiro e un nutrido grupo de aves forestais, como o picafollas de Bonelli.

Roteiro en coche: Seoane do Courel - Ferramulín

MELLOR ÉPOCA

De abril a outubro

DISTANCIA

20 Km

DURACIÓN

2 horas e media (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Folgoso do Courel

PERCORRIDO

Seoane do Courel - Visuña - Ferramulín

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. En Seoane do Courel (1) partimos pola estrada que nos leva a Esperante. Parar nos soutos (2) permitiranos escoitar especies como o gabeador azul e o común.
  2. Na subida ata o alto do Couto (3) pasamos por moi diversos ambientes. Neste tramo realizaremos sucesivas paradas para descubrir aves rapaces como a aguia cobreira, o azor ou o lagarteiro común, así como numerosos paseriformes.
  3. Baixando a Visuña permaneceremos atentos aos rochedos (4) e ao monte baixo, onde habemos poder observar especies características como a choia de bico vermello e a gatafornela, respectivamente.
  4. No camiño a Ferramulín pasamos de novo por soutos (nos que procuraremos deternos) e pola ribeira do río Visuña (5), bo lugar para a observación do merlo rieiro e a lavandeira real.

Roteiro a pé: Devesa da Rogueira

MELLOR ÉPOCA

De abril a outubro

DISTANCIA

4 km, só ida

DURACIÓN

2 horas e media (só ida)

DIFICULTADE

Media

CONCELLOS

Folgoso do Courel

PERCORRIDO

Devesa da Rogueira

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos das inmediacións de Moreda (1), cabo da aula de interpretación da natureza. Neste lugar o souto é magnífico, polo que nos ha resultar sinxelo escoitar aves como o gabeador azul, o cardeal común ou o peto real.
  2. O carreiro discorre cabo de pequenos prados no límite co bosque (2). É un bo lugar para ver tordos, por exemplo. Atendamos sempre aos espazos máis abertos, pois en calquera momento pode pasar un gabián común ou un azor.
  3. Subimos polo faial (3) ata chegar á súa parte superior. Neste tramo é doado escoitar aves como a estreliña riscada, o ferreiriño azul e o ferreiriño cristado.
  4. Logo de finalizar o noso percorrido nas fontes naturais (fontes do Cervo ou fontes da Fame), permaneceremos atentos ao límite superior do bosque (4), onde pode aparecer a gatafornela en calquera momento.

Roteiro a pé: Froxán - O Castro Grande (ermida de S. Roque)

MELLOR ÉPOCA

De abril a outubro

DISTANCIA

2,5 km, só ida

DURACIÓN

1 hora (só ida)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Folgoso do Courel

PERCORRIDO

Froxán - O Castro Grande (Ermida de S. Roque)

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos da aldea de Froxán (1) e dirixímonos cara ao río Lor. A contorna da aldea é excelente en primavera para anotar pequenas aves. Moita atención a especies como o peto formigueiro, o rabirrubio de testa branca, a papuxa común ou o papamoscas cincento.
  2. No río Lor (2), na ponte do Vao, podemos observar lavandeiras reais, merlos rieiros ou cardeais comúns.
  3. Subimos pola ladeira cara ao castro (3), onde nos han acompañar as papuxas do mato e, xa no punto final, os picanzos vermellos.
As aves

A variedade e calidade dos bosques do Courel é enorme e en todos eles son frecuentes os gabeadores azuis e os gabeadores comúns, que se escoitan constantemente. Outras especies características son os picafollas ibéricos e os picafollas de Bonelli, nas zonas máis cálidas. Debemos estar atentos igualmente aos paxaros carpinteiros como os petos reais e formigueiro. A matogueira acolle diferentes especies como a papuxa do mato e a papuxa picafollas. Nos ríos pódense observar con facilidade merlos rieiros e lavandeiras reais. As aves rapaces, tanto de bosque como de rochedos, son comúns alí: as máis características son as aguias cobreiras e as aguias calzadas, os azores, os falcóns pequenos e as gatafornelas nas zonas altas.

Consellos e recursos
  • O Courel é unha zona de montaña. Deberemos estar atentos ás estradas e ter precaución coas condicións climatolóxicas en outono e inverno. A calor en verán pode ser abafante.

  • Para calquera percorrido de montaña que fagamos é conveniente ir ben equipado, levar auga e algo de comida. É importante non saír dos carreiros e camiños

  • É unha zona moi visitada polos excursionistas, polo que existen multitude de rutas a pé que poden deparar boas observacións ornitolóxicas.

Arriba