Febreiro é un mes ideal para observar, por medio das aves, a transformación da natureza: aínda que seguimos no inverno, moitas especies xa non o perciben así e saen á luz abandonando os refuxios nos que se resgardaron para deixar pasar o duro inverno. 

Os primeiros días de febreiro podemos aproveitalos para ver aves acuáticas invernantes

Os primeiros días de febreiro podemos aproveitalos para ver aves acuáticas invernantes, presentes aínda en Galicia. Imos atopalas reunidas nas principais zonas húmidas litorais como A Guarda, O Grove, a Costa da Morte, a Ría de Ortigueira e as de Ribadeo e Foz. Igual que en xaneiro, as grandes praias e as zonas de augas abertas e tranquilas vannos proporcionar boas experiencias de observación con multitude de aves mariñas. Os grupos de gaivotas aínda poden albergar especies pouco comúns como a gaivota hiperbórea ou a polar

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Virapedras (Arenaria interpres)
Ganso de cara negra (Branta bernicla)
Pilro escuro (Calidris maritima)

No interior, as zonas húmidas como as da Terra Chá, o encoro de Abegondo-Cecebre ou o de Vilagudín e Vilasenín continúan sendo un bo lugar no que observar aves acuáticas como anátidos, garzas reais ou mergullóns cristados.

Agora ben, pequenos e sutís cambios están en marcha. Se nos achegamos ao litoral, particularmente ás Cíes e á illa de Ons, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, imos poder ver, cun pouco de habilidade e sorte, os primeiros corvo mariño cristados iniciando a nidificación en quebrados cantís e covas litorais. A Costa da Morte ou a Costa de Dexo tamén son boas localizacións para ver estas especies.

A mediados do mes as aves acuáticas invernantes empezan a volver ás súas áreas de nidificación, no norte de Europa, e o seu número redúcese drasticamente. A cambio, no litoral empezan a compensarse as cifras con especies migratorias de paso cara ao norte. Cabos, praias e zonas húmidas da costa han empezar a acoller gaivotas escuras, que recalan brevemente para durmir ou alimentarse nas praias, e mascatos.

Outro cambio é que moi timidamente empezan a chegar as primeiras aves migratorias que volven para nidificar en Galicia. Unha, moi madrugadora, é a andoriña común, visible en pequenos números a finais de mes nas áreas do interior.

Non podes perder

Feb
  • Se o tempo acompaña, as zonas húmidas interiores, nas que aínda podemos observar un bo número de aves acuáticas invernantes, acompañadas das primeiras migratorias estivais.
  • As zonas húmidas de costa, que se deben visitar sobre todo no comezo do mes: praias e áreas abrigadas acollen gaivotas escuras. Nos cabos podemos gozar dos mascatos enfilando cara ao norte.
  • O inicio da nidificación do corvo mariño cristado, unha das xoias ornitolóxicas de Galicia. Febreiro é o momento e un dos mellores lugares para velo é o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

 

Arriba