Maio é o mes no que a primavera alcanza en Galicia o seu máximo esplendor. Días longos, sol e chuvia. As aves residentes encóntranse en plena cría e afánanse por alimentar os seus pitiños. As estivais, procedentes da súa estadía invernal en África, encóntranse xa con nós. É o momento ideal para saír ao campo, enchouparse de cantos e gozar, case sen esforzo, con ducias de especies no medio das mil e unha cores que maio nos regala.

Un dos grupos de aves máis atractivos para moitos observadores son as rapaces

En maio están todas aquí: desde as habituais e ubicuas , como o miñato común, o lagarteiro ou o gabián, a aquelas que só nos visitan na primavera e no verán para criar. Así, ás que chegaron xa no mes de abril, como a tartaraña cincenta, o falcón pequeno, a aguia calzada, a aguia cobreira ou o millafre negro, únenselles outras como o miñato abelleiro, que habitualmente pasa inadvertido debido ao seu grande parecido co miñato común, moito máis habitual.

Para observar tal cantidade de especies, sen dúbida os lugares ideais son os grandes espazos do interior do país; un dos máis destacados é a Serra da Enciña da Lastra, onde imos poder observar todas estas especies, e algunha máis, simplemente paseando por algún dos seus carreiros. Outros bos lugares para observar estas aves son os Canóns do Sil, os vales do Bibei e Navea, a Ribeira Sacra Norte ou zonas de montaña como Calvos de Randín e Baltar, Pena Trevinca e Serra do Eixe, O Courel e Os Ancares e Montes de Cervantes.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Cegoña branca (Ciconia ciconia)
Tartaraña cincenta (Circus pygargus)
Ferreiriño cristado (Lophophanes cristatus)
Abellaruco (Merops apiaster)

Zonas con hábitats abertos como A Limia, A Terra Chá ou incluso áreas montañosas como a Serra do Candán e Brañas de Xestoso ou Terra das Frieiras, son tamén bos lugares para as aves rapaces. Se estamos atentos, conseguiremos ver tartarañas cincentas e gatafornelas cazando nos pasteiros e entre o monte baixo que caracteriza estes lugares.

Nas áreas de monte baixo e bosquetes de todas estas zonas do interior que mencionamos, habemos poder ver con relativa facilidade especies como o picanzo vermello, que desde África vén para reproducirse nos nosos campos. Trátase dunha pequena ave enmascarada e particularmente fera, que caza pequenos paxaros, ratiños, muraños, lagartos e insectos que adoitan empalar en arbustos ou arames espiñentos para devoralos.

Maio é o mes do ouriolo

Os machos desta especie locen unha espectacular cor amarela mentres que as femias son máis misteriosas cos seus tons verdes. Os seu hábitat ideal está nos bosques ben conservados das ribeiras fluviais. Alí é moi doado escoitar o seu canto, aínda que é máis difícil velos, pois viven debaixo do dosel arbóreo, lonxe das miradas indiscretas. Algúns dos mellores sitios para intentalo son a beiras do río Támega en Oímbra, Monterrei e Verín, a cola do próximo encoro de San Martiño ou as ribeiras dos ríos Miño e Neira nas comarcas de Lugo e Sarria.

Maio tamén é un bo mes para as aves acuáticas que constrúen o seu niño nas nosas zonas húmidas

Patos de distintas especies, mergullóns cristados e pequenos, galiñolas negras e de auga poden observarse nas lagoas dos zonas húmidas da Terra Chá, en distintos encoros como o de San Martiño, o de Abegondo-Cecebre e o da Fervenza e Baíñas, ou lagoas litorais como a de Xarfas en Louro (Muros) ou a de Vixán no Parque Natural de Corrubedo. Nesta última imos poder observar ademais a escasa tartaraña das xunqueiras ou a aínda máis escasa garza vermella.

Non podes perder

Mai
Arriba