Se en marzo a primavera parece anunciarse timidamente, en abril amósase sen complexos: os días son máis longos, a vexetación esperta do seu letargo invernal e o ceo, os bosques e os campos énchense co canto de numerosas aves. 

Neste mes xa chegaron a Europa para reproducirse case todas as especies que pasan o inverno en África

Isto achega á nosa contorna un grande número de paxaros que poderemos localizar en practicamente calquera lugar e hábitat de Galicia. Nas cidades, vilas e aldeas encontramos pequenas aves que se alimentan de insectos: andoriñas, andoriñas de cu branco ou cirrios.

En calquera área da campiña ou nos grandes vales fluviais, podemos observar aves rapaces estivais como o millafre negro, especialmente nos Canóns do Sil, na Serra da Enciña da Lastra, na Limia ou na Terra Chá. Nestas dúas últimas zonas, así como nas comarcas de Lugo e Sarria, podemos gozar das cegoña común que se afanan xa en chocar os seus ovos en grandes niños próximos a edificios en núcleos urbanos.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Aguia cobreira (Circaetus gallicus)
Tartaraña cincenta (Circus pygargus)
Picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus)
Mazarico chiador (Numenius phaeopus)
Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus)
Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
O cuco que acaba de chegar ás nosas terras, agora pode escoitarse por todos os lados

Outras especies, como a bubela, déixanse ver pouco a pouco en áreas agrícolas ben conservadas. As especies sedentarias, as que pasan con nós todo o ano, xa entran en plena reprodución, polo que non é raro ver individuos adultos con cebo no pico para alimentar os seus pitiños; seguro que preto da casa habemos ter algún merlo común que o está facendo.

Áreas de montaña

En áreas de montaña como Os Ancares e Montes de Cervantes, O Courel e o Macizo Central a primavera avanza máis lentamente, pero meternos polas súas fragas é toda unha experiencia para os sentidos. Dominan o ambiente os cantos das aves, entre os que podemos distinguir o frecuente e característico do picafollas ibérico.

As aves rapaces estivais son outro dos grandes atractivos deste mes

Aos xa mencionados millafres negros únense outras como a gatafornela ou a tartaraña cincenta. A primeira podemos observala nos espazos abertos das zonas montañosas. É unha brava ave rapaz que, aínda que é pouco frecuente, desenvólvese con éxito en medios duros coma estes. As tartarañas cincentas chegan a finais de marzo, pero é en abril cando se instalan nos seus territorios de cría e realizan rechamantes paradas nupciais. Dentro desta especie, Galicia conta ademais cunha elevada proporción de individuos melánicos, é dicir, de plumaxe completamente escura. A súa querenza por zonas abertas fai que lugares como A Limia, A Terra Chá, a Serra do Candán e Brañas de Xestoso, Terra das Frieiras ou as comarcas de Lugo e Sarria sexan ideais para observalas. Para iso debemos buscar sempre áreas despexadas con cultivos ou toxeiras.

Ademais de gatafornelas e tartarañas cincentas, nas zonas de interior imos poder observar falcóns pequenos perseguindo insectos e pequenas aves. Nas montañas e áreas abruptas ha ser a aguia cobreira a que chame a nosa atención co seu sosegado voo na busca de réptiles quentándose co sol da primavera.

Na franxa costeira

Cambiando de hábitat de forma radical, na franxa costeira o máis interesante desta época son tres especies de diferentes ambientes: a píllara das dunas, a gaivota patiamarela e o corvo mariño cristado. A pequena píllara das dunas vive nas praias abertas ao Atlántico como as que podemos encontrar na Costa da Morte, Baldaio, Louro e Carnota, O Grove e Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ou no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

É difícil de observar no seu medio, pois camúflase perfectamente entre a area e as oucas depositadas nas praias. A súa supervivencia depende en boa medida de como tratemos estes delicados ecosistemas. As outras dúas son especies icónicas e poderemos observalas se nos achegamos ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, tanto na illa de Ons, como nas illas Cíes: a abondosísima gaivota patiamarela, que ten aquí unha das maiores colonias do mundo, e o corvo mariño cristado, escaso e máis ameazado. A primeira podemos contemplala en practicamente calquera lugar, aínda que é nas empinadas ladeiras que caen no mar onde están as súas colonias máis espectaculares; o segundo , nos cantís máis abruptos. Para ver corvos mariños cristados tamén podemos achegarnos á Ría do Burgo e Costa de Dexo: nos cantís mariños destes espazos é onde aínda manteñen algúns niños.

Non podes perder

Abr
  • Entre todas as especies migratorias que recalan en Galicia en primavera para criar, hai unha, aparentemente discreta, que forma parte da paisaxe visual e sonora das nosas tardes de primavera: trátase do cirrio común, espectacular e fácil de observar. É unha ave pequena que vive en vilas e cidades, aniñando en pequenas cavidades de beirados, tellados e edificios. As súas características alas en forma de gadaña e os seus profundos chíos, sobre todo a última hora da tarde, permítennos identificalos facilmente e gozar das súas acrobáticas manobras mentres se alimentan de pequenos insectos voadores. Contemplalos é, sen dúbida, unha reconfortante actividade que podemos facer en familia, pois incluso os máis pequenos da casa poden velos sen necesidade de prismáticos. Nunca se pousan, a non ser para chocar os ovos durante o período de reprodución, dormen e aliméntanse no aire, percorren miles de quilómetros entre Europa e África sen se deter... Pode haber unha ave tan fascinante e á vez tan próxima?
  • Mais na nosa contorna non só hai cirrios: andoriñas común e de cu branco viven moi preto de nós. Atopar os seus niños é algo ao alcance de calquera. Se tes preto unha zona húmida, como a lagoa de Cospeito na Terra Chá, o encoro de San Martiño na Rúa e Petín ou o no encoro de Abegondo-Cecebre, preto da Coruña, unha visita ao atardecer hanos proporcionar o espectáculo de contemplar estas especies a moreas capturando insectos a rentes da auga.
  • Seguro que sabes que os paxaros carpinteiros, como o peto real, tamborilan nas árbores tanto para marcar o territorio como para construír os seus niños nas árbores secas, pero, escoitáchelos algunha vez? É o momento de achegarte aos mellores e meirandes bosques, como os dos Ancares e Montes de Cervantes ou os do Courel.
  • Moitas aves migratorias están este mes camiño do norte de Europa, onde han criar, así que é posible observalas tamén aquí, se fan algunha parada para alimentarse. Os grandes esteiros e zonas húmidas de costa son estupendos. Se cadra, en conxunto, vemos menos aves que noutros meses, pero non por iso deixes de achegarte ao esteiro do Miño, á enseada do Vao, no Grove, a Louro (Muros) e Carnota, a Baldaio (Carballo), ás rías de Ortigueira e Cariño ou ás de Ribadeo e Foz.
Arriba